sábado, junho 03, 2006

Onde está o ceo? [+8 anos].- Elena Frías Viana


    A señora Ceo é unha muller un chisco folgazá que detesta calquera xénero de traballo agás o de se coser o baixo do abrigo, que é tan longo que ás veces pisa nel e dá tropezado.
    Como é tan preguizosa para se mexer, a señora Ceo só ten un único abrigo que lle mercara súa nai ao nacer. Mercárallo inmenso, para lle durar toda a vida e que dese xeito non houbese erguerse do butacón para ir mercar un novo.
    Aínda hoxe quédalle grande, malia ser nacida hai polo menos 5.000.000.000 millóns de anos.
    Mais, en fin, como xa vos decatastes, e se non xa volo explico eu, o importante desta historia é o dito abrigo, évos máis ou menos da talla XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXL.
    É de cor azul mariña moi escura, mais semella celeste porque o botón que leva cosido é bastante grande, dunha cor dourada, e está feito de tea solar, que é unha tea especial que brilla moito, como se lle tivesen botado purpurina.
    A xente que llo ve pola rúa dille cousas como:
    – Ouh, que bonito!
    Ou, como adoitan dicir os cativos:
    – Iso presta! Podo ir velo, mamá?
    En resumo, que é extremadamente brillante.
    Pois ben, esa é a mañá que pasa o abrigo todos os días Vai pasear coa súa propietaria, que é loada por todos os deseñadores que se cruzan polo seu camiño. Ela avéntalles unha ollada pícara, chisca un ollo e segue a pasear remexendo suavemente o seu corpo. O que ela non entende é que os cumpridos van para o seu abrigo e non para ela.
    De tarde, a señora Ceo fai o que para ela é “un traballo esgotador e horríbel”, é dicir, coserse o baixo do abrigo para recibir os mesmos cumpridos ao outro día. Pon tres discos dos Beatles, seis de Elvis Presley e oito dos Rolling Stones.
    O intre que bota para coser é a suma da total da duración de todos eses discos. Mais cando comeza a cantaruxar o retrouso de Satisfaction dos Rollings, descóidase e corta coas tesoiras de prata os finos fíos que unen o botón co abrigo.
    O botón esvara ata embaixo do sofá, onde adormece profundamente. A señora Ceo, que axiña se decata de que o botón xa non está, pois abrigo tornárase en moi escuro, empeza a buscalo.
    Pasan horas e horas e, como segue sen atopalo, decide cear e repousar. Normalmente cea un melón branco, que ás veces toma enteiro, e ás veces só unha tallada.
    Para ver algo, xa que o botón é o que sempre lle aluma, prende uns faroliños chamados estrelas.
    Despois de cear, segue co que ela chama “busca inoportuna”.
    Pasadas unhas horas de busca inoportuna, atópao, cóseo, apaga as estrelas e comeza un novo día.

© Helena Frías Viana
All rights reserved worldwide
(escrito con 10 anos)

1 comentário:

Anónimo disse...

Sra.Helena Frías, parabéns pelo seu conto. Muito criativo, vou usá-lo com os alunos. Gostei da interação com músicos famosos e principalmente com Satisfation dos Rollings Stones, como negar que essa música se tornou um símbolo mundial?
Armonia Gimenes