sexta-feira, outubro 20, 2006

O dragón apagado



Era unha vez un dragón que estaba moi triste porque quería espantar na xente, mais cada vez que quería botar lume sobre a xente, saíalle só cinza.

Acontecera que ficara sen lume nos seus pulmóns e por iso andaban apagados; só era quen de botar a cinza que lle quedaba dentro cando espirraba.

Moi triste, decidiu sentar embaixo dunha árbore do parque grande da cidade e non se mover de alí endexamais.

Mais da que estaba a chorar, chegou cabo del unha cativa chamada Laura e preguntoulle:

— Por que choras, dragón?

El díxolle:

— É que cada vez que quero escorrentar na xente botando lume, non me sae lume pola boca; sáeme cinza. Estou apagado

Laura ficou a pensar. Entendía que o dragón se sentise mal, pois que un dragón que non bota lume é igualiño ca un can que non ladra ou ca un pardal que non voa. A hipótese de escorrentar na xente xa era outra historia, mais polo de agora había axudar ao dragón a acender o seu fogo.

Despois de o pensar un anaco, díxolle a nena:

— Pois, ven comigo que te hei levar a un sitio.

Primeiro Laura levou o dragón onda un veterinario. Mais o veterinario, nada máis ver o dragón, caeu esvaecido.

— Aquí non facemos nada... —dixo a meniña.

Colleu o dragón da man e camiñaron pola cidade. Toda a xente mirábaos e afastábanse deles. O dragón púñalles medo!

Da que camiñaban polas rúas desertas, Laura preguntou ao dragón:

— E desde cando xa non botas lume polo nariz?

— Desque collín a mormeira... Tusía e tusía tanto que ao cabo se apagou o meu lume.

— E agora xa estás ben?

— Case... aínda che teño algo de mocos.

E xusto nese instante o dragón espirriou.

— Haberemos curar a mormeira primeiro.

Laura lembrouse dos remedios caseiros da súa avoa Adelaida. Ela sempre dicía que para quitar a tose non había cousa mellor que o mel con limón nun xarope que incluíse tamén romeiro.

A nena mirou no peto. Aínda lle quedaba algo de diñeiro da súa paga. Encamiñouse a un herbolario e pediu ao dragón que a agardase alí fóra, non fose que o propietario do herbolario sufrise un síncope.

Laura mercou os ingredientes e ata unha xerra de plástico e fabricou moi xeitosiñamente o xarope no medio do parque onde coñecera o dragón.

— Bébeo aos grolos.

O dragón obedeceu e bebeuno de vagariño.

Sabía riquísimo!

—  Agora habemos acender os teus pulmóns de novo...

Mentres ela pensaba en ónde podía atopar axuda para o dragón, este púxose a xogar cun vello xornal que alguén esquecera nun banco do parque.

—  Se fas tanto ruído con ese papel, heime distraer... — protestou ela, e en dicíndoo decatouse da portada, en grandes cabeceiros, do xornal: A SIDERURXIA DA CIDADE É A EMPRESA MÁIS IMPORTANTE DO PAÍS.

Claro, a fábrica de aceiros, que aí tiñan bos fornos.

A meniña levou o dragón a unha fábrica inmensa na que se fabricaba o aceiro. Os obreiros, ao comezo, asustáronse de ver aquel animal alí, mais ao veren a nena ir da man del acougábaos porque parecía inofensivo.

Ela preguntou polo xefe, un señor con bigote e levaba un casco e garavata.

—  O meu amigo o dragón, explicoulle Laura, ficou sen lume nos pulmóns e agora non pode escorrentar na xente, ¿non sabe?

—  E que queres que eu lle faga? --preguntou o encargado da fábrica.

—  Pois quizais se entrase un pouquiño nun deses fornos, talvez podería prender o seu lume de novo.

—  Ti toleas... Quen entre aí queima coma un facho.

—  Xa, mais el é un dragón. Déixelle facer a proba, por favor.

— Non! — berroulle o señor— . Eu non deixo a ninguén brincar cos meus fornos... E vaite de aquí ou chamo á policía para que te leve a ti e o monstro ese...

— Non insulte o meu amigo o dragón — protestou Laura.

Mais o señor era un groseiro e colleuna do brazo para a levar á rúa. Ademais deu orde de que chamasen ao zoo para levaren fóra o dragón.

— Céibeme! — protestaba Laura.

Mais o señor non lle facía ningún caso.

Entón o dragón sentiu que a cara se lle puña vermella.

Alentou fortemente anoxado.

Que lle pasaba?

Simplemente que pola primeira vez tiña un amigo, alguén que se molestara en facer algo por el e estaban a tratar a súa amiga moi mal.

Era indignante.

De golpe saíulle fume polo nariz. A rabia fixera o milagro: os seus pulmóns acendéranse de novo e ía defender a rapaza.

Vruuuum!

Unha lapa inmensa chegou ata o encargado da fábrica. Ía moi ben calculada porque só lle queimou a gravata.

O señor soltou a Laura. Logo dixo:
    
— Este dragón é perfecto... Con el poderiamos acender os fornos cando se apagan en cuestión de segundos...
    
E contratouno cun bo soldo e sen necesidade de ter que escorrentar na xente no seu tempo de lecer.
    
Desde aquel día, Laura e mailo seu amigo o dragón pasaron moito tempo xuntos, e no outono comían castañas quentiñas porque o dragón asábaas co seu alento mellor ca ninguén.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: