segunda-feira, dezembro 04, 2006

O Talitis [+8 anos].- Elena Frías



    Mónica e Xesús eran curmáns. Ambos os dous estaban mui contentos porque ía vir Papá Noel.
    Mais como demoraba muito, foron dar un paseo. Camiñaran aínda pouco, cuando, de súpeto, encontráronse unha pedra moi rara no chan. Era moi pequena e tiña moitas cores. A verdade era que resultaba moi bonita e orixinal. Aos dous nenos gustoulles moito.
    – Imos levala para a casa dos avós! –exclamou Mónica.
    – Si, si... Alí poderemos observala –exclamou Xesús.
    E fixérono así. Cando chegaron á casa dos avós, puxérona enriba da mesa e observárona. Tiña a forma dun ovo. De súpeto, o ovo comezou a abrir e del saíu unha creatura moi estraña, mais era encantadora e dixo aos dous nenos:
    – Olá, sou un talitis e veño doutro planeta.
    Mónica e Xesús non se estrañaron demasiado. Ao contrario, pareceulles moito ben o talitis. Era o mellor agasallo de Nadal que podían recibir... pero entón decatáronse de que Papá Noel non chegara aínda. Que estraño.
    – Talitis –preguntáronlle–, sabes ti por que demora tanto Papá Noel?
    – Pero hoxe non vén Papá Noel –contestou el abraiado.
    – Claro que vén –insistiu Mónica.
    – Pois no meu planeta vén o 75 de Xuño.
    O que acontecía era que o talitis lles contaba os estraños costumes do seu planeta.
    – E de que planeta es ti? –preguntoulle Xesús.
    – Do planeta Estavacandalouca.
    – Ai, que nome máis raro –exclamou Mónica.
    Xesús observou o títilis e dixo:
    – Vaia, ti tes muitas cores!
    – Trinta e nove mil cores –dixo el.
    – A propósito, como te chamas? –preguntou Mónica.
    – Chámome Pepe Xan Antonio David... –dixo el–, mais podedes chamarme Moitosnomes.
    Mónica e Xesús estaban encantadísimos e contentos con Moitosnomes. Mais ao outro día... aínda non viñera Papá Noel... e era Nadal!
    – Escoita, talitis, non lle sucedería nada a Papá Noel? Porque el vén todos os anos, mais este ano non veu traernos agasallos –dixo Mónica.
    Mais daquela Mónica tivo unha idea. Chamou a unha amiga dela de cinco anos chamada Lara:
    – Ola, Lara. O que che trouxo Papá Noel?
    – Ai, Mónica, aconteceu unha cousa ben rara. Non me trouxo regaliños –dixo– Non me trouxo nada. Ben, abur.
    Mónica pendurou e dixo ao seu primo:
    – Polo visto, Papá Noel tampouco non trouxo nada a Lara.
    – Daquela, aconteceulle algo –dixo o talitis.
    – Moitosnomes, ti podes voar? –preguntaron Xesús e Mónica.
    – Claro. Por quen me tomades? –respondeulles el moi anoxado.
    – Entón... –pensou Mónica.
    – Podemos subir até o ceu para buscalo –adiviñou Xesús.
    – Mais hai un problema –dixo Moitosnomes–. Eu sonvos pequeno e só podo cargar cun de vós. E imaxino que os dous queredes subir, non si?
    – Mónica, eu son o maior dos dous e sei máis ca ti. Eu debo subir –dixo Xesús.
    – Es un fresco, neno –protestou Mónica.
    – Perdoade que vos diga –interrompeu Moitosnomes—que Mónica é máis lixeira porque é máis pequena. Penso que é máis fácil que eu a leve a ela.
    – Está ben –rosomou Xesús–. Non importa, que eu sonvos ben xeneroso.
    Mais por dentro queimáballe toda a rabia e pensaba: "Que fresca é! Debería subir eu que son moito máis intelixente ca ela". Así e todo, quixo presumir de ser máis intelixente que ela:
    – Por certo, Mónica, a que non sabes cuanto son vinte sete entre tres?
    – Claro que o sei: sonche nove.
    – Grr... Maldita ne... Moito ben, ti sabes moito, si.
    – Queredes parar de pelexar? –interveu Moitosnomes–. Que queredes? Salvar a Papá Noel, se é que lle aconteceu algo, ou subirdes ao ceu?
    – Salvar a Papá Noel –dixeron os dous ao mesmo tempo.
    – Entón, Mónica, agárrate á miña pata! Mónica fíxoo así. Un segundo despois, encontrábanse entre as nubes.
    – Coidado, Moitosnomes, que te estrelas contra un avión!!! Uf, menos mal que o evitaches –resoprou Mónica–. Hei, e coidado con ese globo! Pon máis atención ou imos estrelarnos.
    De súpeto houberon deterse porque había un garda de tráfico a voar. Díxolles:
    – Onde ides?
    – Buscar o Papá Noel.
    – O voso papá de mel??
    – Non, imos buscar a Papá Noel –dixéronlle Moitosnomes e Mónica berrando e vocalizando porque se decataran de que o garda non ouvía ben.
    – Ah, ben, mais para seguirdes, habedes adiviñar isto: "Que animal ten dous cairos, dous dentes,non ten orellas e non ten o corpo cuberto de pelo, nin escamas nin prumas?"
    – Pois... –pensou Mónica–, ningún?
    – Correcto, podedes pasar –dixo o guarda.
    Seguiron adiante. Axiña divisaron a Papá Noel nunha nubre. Ao seu carón ía un reno deitado.
    – Olá, Papá Noel, son...
    – Sei moito ben quen es –interrompeu el–. Es Mónica e viñeches buscarme. O meu reno está doente; ten indixestión de lambetadas.
    – Eu hei curalo –dixo Moitosnomes, quen pronunciou unhas estrañas palabras.
Inmediatamente, o reno botou todas as lambetadas polas orellas,incorporouse e ergueuse:
    – Viva! Sandou! Gustaríavos vir comigo repartir regalos? –díxolles Papá Noel todo ledo.
    – Claro, mais importaríache que antes baixemos para recollermos o meu curmán Xesús? –pediu Mónica.
    – Non me importa en absoluto. Imos aló.
    Xa dito e xa feito. Moitosnomes, Papá Noel e Mónica baixaron. Ao ver a Papá Noel, Xesús quedou abraiado:
    – Aiou, é Papá Noel! Que che pasou? Por que non viñeches a nos traer agasallos? –preguntou Xesús.
    – O meu reno enfermara, mais Moitosnomes curouno.
    – Sabes o meu nome? –preguntou Moitosnomes todo sorprendido, porque el non dixera o seu nome a Papá Noel.
    – Eu sei todo. E ademais, por salvardes o meu reno, heivos dar a medalla "salvarrenos".
    O talitis botou a chorar pola emoción que tiña. Despois desta conversa, Mónica e Xesús colleron unha chaqueta porque ía frío e foron repartir agasallos. Pasaron por Australia, Francia, Xapón, Inglaterra, Marrocos... e por todos os sitios até voltaren á súa casa. Ambos os nenos fóronse mui tarde para a cama.
    Á outra mañá acordaron e atoparon dúas medallas salvarrenos como a de Moitosnomes, alén doutras moitas cousas. Queredes saber o que era? Síntoo, mais xa volo contarei outro día.

© Helena Frías Viana
All rights reserved worldwide
(escrito con 10 anos de idade)

Sem comentários: