sábado, agosto 18, 2007

Para algo serven as fadas [+12 anos].- XFC

 

   A Valentina camiñaba toda triste pola beira da estrada. Ao fondo, tras dela, ficaba a fábrica téxtil da que a botaran. Acababan de despedila do traballo só porque a descubriron probando a roupa de luxo que outras mulleres afortunadas levarían unha ou dúas veces e que despois deixarían para sempre no fondo dun armario.     Como era inxusto o mundo...
    E agora habería volver para a casa e explicarlle á súa familia o acontecido, o cal non era doado.
    A Valentina, despois de media hora de camiñar, chegou á ponte vella que servía para entrar na vila. Era unha ponte moi antiga, do tempo dos mouros, en que ela non reparaba nunca malia tela atraversado centos ou seica milleiros de veces.
    E foi entón cando, entre as canas, viu algo que remexía. A moza pensou que talvez era un peixe que enredara nas xunqueiras. Podería pillalo e tería a cea resolvida.
    Descendeu xa que logo á beira do río e meteu a man na auga sucia buscando ás toas, até que deu cun corpo mol, pero non tanto como un peixe. Mesmo até parecía tecido. A moza quitou aquilo da auga e cal non foi a súa sorpresa ao ver diante dela un ser en que nunca acreditou: tratábase dunha xana, unha fada das augas. Estaba esvaecida, ou talvez morta. A Valentina non era experta naquelas cousas, pero vira na televisión que, cando alguén afogaba, lle facían o boca a boca. Ela tamén o probou, pero case que fixo estoupar os pulmóns daquela criaturiña que, por aquela razón, ou seica polo alento a goma de mascar de menta da rapaza, acordou.
    Díxolle:
    – Graciñas por me salvares. Se non fose por ti, quedaba aí morta?
    – Es unha fada?
    – Si, unha xana.
    – E como é que estabas a piques de morrer?
    – Ben, na verdade, as fadas non resistimos a polución dos ríos. Eu descoideime e descendín por este até que cheguei á aldea. E aquí xa non puiden aturar o grao de porcaría que botades a auga... Pero deixemos iso. Como me salvaches a vida, hei recompensarche concedéndoche un desexo.
    A Valentina ficou toda contenta. Nunca tivera aquela oportunidade. Pero sabía moi ben o que quería.
    – Verás... eu sempre quixen ter o vestido máis bonito do mundo. Quero que sexa así...
    E comezou a lle explicar á fada como o quería. A cada pouco, a xana remexía a súa variña e mudaba un detalle aquí, outro alá e outro acolá; ou ben alongaba de aquí e acortaba de alá; pero axiña mudaba a cor disto e daqueloutro...
    A Valentina resultou ser unha caprichosa, nunca estaba contenta co resultado. Tanto foi así, que cabo de dúas horas a fadiña se queixou:
    – Eu sonche unha fada, non unha deseñadora!!
    A Valentina mirouna enrabexada e espetoulle:
    – Boa fada estás ti feita, trangalleira.
    A fada sentiuse insultada e nese momento remexeu con forza a variña no ar. A Valentina sentiu que comezaba a esvaecer, pero antes aínda puido sentir que a xana lle dicía: "querías o mellor traxe? Pois agora vas telos todos... ao menos unha vez".
    Cando a moza abriu os ollos, cabo duns segundos, non podía moverse. Non botou a comprender o que lle acontecera: estaba convertida nun manequín, xusto na súa antiga fábrica, na sección onde sempre probaban aqueles traxes tan caros.
© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: