quinta-feira, setembro 20, 2007

O calcaño de Aquiles do Xeneral Potofflowers [+10 anos].- XFC




    O xeneral Potofflowers era a besta parda dos xenerais.
    Disque a súa fereza era comparable á de Atila a lombos dun rinocertonte ou á de Haníbal montado nunha vasoira máxica.
    O xeneral Pottofflowers era quen de mandar un ataque de artillaría con vinte canóns sobre una casoupa en que sospeitase que se escondía unha pega que levara unhas balas baleiras, aínda que as atopara no medio do campo.
    Era, por tanto, o terror dos inimigos.
    E dos seus homes.
    Porque os seus subordinados tremían cada vez que a súa sombra aparecía tras dunha esquina.
    Se vía, por exemplo, unha cabicha no chan do cuartel, daba uns berros que era capaz de mobilizar a toda a tropa e facerlles a todos varrer o chan con cepillos dos dentes.
    Era un carácter.
    Mais en certa ocasión, da que estaba en plena guerra, espantando os inimigos a golpes de canón e aos berros, o xeneral recibiu unha mensaxe do inimigo que dicía:
    "Ou se retira, ou non verá máis o seu 'Pieceofbutter' ".
    A cor do rostro do xeneral mudouse toda.
    O coronel Beautifulday, o seu subordinado inmediato, conseguiu ler a mensaxe por riba do seu ombreiro (e é que o xeneral, malia ser tan duro, era un redrollo).
    Axiña correu a voz de que os inimigos capturaran alguén moi querido para o xeneral. Todos estaban seguros de que o xeneral sacrificaría aquel ser querido antes que ceder á chantaxe. A noticia chegou mesmo ao goberno, onde tamén o ministro de defensa tamén estaba seguro de que o xeneral non cedería.
    Mais erraron todos.
    O xeneral mandou retirada. E despois, como deshonra, retirouse do exército e quedou a vivir nunha cabana nos bosques, lonxe das miradas de todos.
    E grazas a iso recuperou o seu 'Pieceofbutter'.
    O inimigo fora formal e cumprira a súa palabra.
    Devolveullo ao xeneral nunha caixa de biscoitos -o da caixa era para enmasquerar o seu contido.
    Cando o xeneral abriu a embalaxe, atopou alí o seu ser máis querido.
    Apenas lle faltaba unha orella, pero até iso tiña solución.
    Na intimidade da cabana, sen que ninguén fose testemuña da emotiva escena, o xeneral Potofflowers apertou contra o seu peito xacando cargado de medallas aquel tenro osiño de trapo que tantas e tantas noites o acompañara desde a súa infancia.
© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: