quarta-feira, setembro 05, 2007

O 'signor' Matteo [+14 anos].- XFC

    Cada día, da que ía á escola no centro de Cagliari, vía aquel mendigo sentado máis ou menos no mesmo lugar. Eu era moi pequeno, por iso non entendía ben que existisen os pobres. Por tanto, pregunteille á miña nai por que aquel señor estaba deitado na rúa todos os días que eu ía á escola, tan sucio, coa roupa esfarrapada e os zapatos rotos, amais de cun brazo retorto, o esquerdo, que sempre mantiña inmóbil apegado ao corpo.
__Eu hei confesar que aquel home me puña medo e que era o máis parecido que vira nunca a un monstro, por iso, nos comezos, cando pasaba pola rúa ao seu lado, sempre apertaba a man de miña nai. Mais o que non daba comprendido era que aquel home tivese unhas moedas enriba dun pano. Para que precisaba un monstro o diñeiro, preguntábame eu...
__Miña nai explicárame que aquel home era un "pobre". E a partir de aí descubrín que existían persoas que non tiñan casa, nin diñeiro, nin roupa. Aquilo encheume de angustia e comecei a desenvolver uns sentimentos de solidariedade moi propios da infancia.
__E aquel mendigo, xa incapaz de producir máis medo en min, pasou a ser un elemento máis da miña paisaxe. E segundo eu ía tendo idade e dispuña dun pouco de diñeiro, botáballe unhas moedas. El alzaba un chisco a cabeza e murmuraba unhas palabras de agradecemento. E pouco a pouco cheguei a coñecer que aquel mendigo se chamaba Matteo, porque tiña un nome, como todas as persoas. Polo aquel de devolverlle a dignidade que toda persoa merece, para min converteuse no signor Matteo.
__Cando xa mudei de escola e comecei o liceo, mudámonos a Quartu, que cae a dez quilómetros de Cagliari. Perdín de vista o signor Matteo, mais non completamente, pois nas fins de semana, cando ía pasear polo centro de Cagliari, sempre naquela rúa preto do Belvedere, o signor Matteo seguía deitado na rúa, cunhas poucas moedas ao seu carón, aínda que nalgunha ocasión me pareceu que o brazo paralítico non era o esquerdo, senón o dereito. Pensaba que era a miña imaxinación.
     Na nova escola comecei a interesarme moito polo fútbol. Axiña pasei a participar nun equipo local que xogaba en campionatos arredor da zona de Cagliari. Pouco despois, fixen un bo amigo, o Roberto, que amais ía á miña escola. Mais arredor del había sempre un halo de misterio no concernente á súa familia, nunca falaba dela e nunca o vía acompañado de seu pai ou de súa nai. Polo demais, era un rapaz absolutamente normal.
__Un día, durante un adestramento, o Roberto caeu de mala maneira e mancouse abondo nun pé. Non é que fose nada de grave, pero o adestrador dixo ao Roberto que el mesmo o levaba á súa casa. O Roberto protestou, por nada do mundo ía permitir que o adestrador o acompañase. Ao final, eu ofrecinme para acompañalo. Ao adestrador pareceulle ben, ao Roberto non, mais tiña mal o nocello e non podería chegar só á súa casa, de maneira que ao cabo houbo aceptar a miña oferta.
__O meu compañeiro moraba nunha parte antiga de Quartu onde as casas son unifamiliares e case que non hai diferenza entre a vida dentro e fóra das casas. Aquilo era un labirinto de rúas onde era un risco aventurarse só.
__Alí estaba a nai, que ao primeiro se espantou, aínda que logo acougou cando viu que non era para tanto. E tamén unha irmá maior que, segundo puiden ver, estaba a estudar na universidade polos libros que tiña enriba da mesa.
    A familia do Roberto agradeceume as atencións, mais dalgunha maneira botáronme de alí. Eu volvín para a casa a pensar no estraña que era aquela familia e debo dicir que a curiosidade me estaba a comer. Terían talvez algún negocio ilegal na casa e non querían visitas no seu domicilio? Fose como for, pasáronse dous días e o Roberto non apareceu polo liceo. Pregunteille á nosa titora e ela díxome que a chamaran da casa del para lle notificaren que o Roberto debería ficar coa perna inmobilizada unha semana.
__Ofrecinme á titora para levarlle os apuntamentos ao Roberto e darlle unha man coas aulas. Así, unha tarde dirixinme á casa do Roberto, tentando lembrar cal daquela ruelas –na realidade eran todas iguais– era a súa. Pensei que debía ter feito como no conto de Polegariño, cando deixara un rastro de faragullas para atopar o camiño de regreso, pero non había xeito. Despois de dúas horas, cando xa era luscofusco, no medio da miña desolación por non atopar a casa do Roberto, cruceime de repente co signor Matteo. Aquel encontro era sorprendente. Malia a pouca luz, recoñecino arreo. Camiñaba lixeiro e até nos petos lle soaban abondas moedas.
__A miña curiosidade venceu a calquera outra sensación que xa daquela me roldaba (anoxo, fame, desesperación...). Moraría por alí aquel home? E se tal, onde? Embaixo dunha ponte, nalgunha cova? Ou simplemente viña por aquel barrio para resolver algún tipo de negocio? Seica o signor Matteo non se conformaba con ser pobre e, amais, era un delincuente.
__Seguino durante uns quince minutos polo labirinto de rúas mentres a escuridade se apoderaba do barrio. Os farois da rúa eran moi escasos, de maneira que a visibilidade era moi escasa. Ao cabo, o signor Matteo chegou a unha porta que só estaba cuberta por unha cortina. Entrou. Eu fiquei fóra. Era incapaz de reaccionar. Non quería acreditar. Aquela porta era precisamente a da casa do Roberto. Significaba aquilo que o signor Matteo era o pai do Roberto?
__Regresei como puiden á miña casa, coa cabeza chea de preguntas. Quería coñecer cal era a relación que unía ao Roberto con aquel mendigo.
Ao outro día, despois das aulas, tornei á casa do Roberto. Conseguira un plano da vila e fixera uns cálculos de por onde se encontraba. Eu case que parecía un explorador da África tropical. En cuestión dunha hora fun capaz de localizar a casa, pero daquela estaba fechada, non había ninguén.
__Aquilo era un inconveniente. Así non podería entrar na casa e coa desculpa de dar as tarefas da escola ao Roberto pescudar sobre aquel misterio.
    Mentres eu contemplaba a porta daquela casa, parado no medio da rúa con cara de pampo, unha veciña chantou a cadeira de vime diante da súa porta para aproveitar os derradeiros raios de sol do día. Tratábase dunha muller moi vella, dunha idade determinada, que axiña reparou en min.
__A muller tiña gana de parola, probablemente moraba soa. Vestía aínda segundo o modo tradicional, isto é, de preto. Miroume curiosa durante uns segundos até ao cabo me preguntou:
__– Procura alguén?
__Eu decatárame da súa presenza mais non esperaba que se dirixise a min. Balbucín unha resposta;
__– O meu compañeiro da escola, o Roberto... É que anda lesionado e non veu hoxe...
__A muller suspirou e comprobou que xa tiña por onde comezar. E así souben que o meu amigo estaba no hospital, porque se mancara de novo, e que o signor Matteo era, efectivamente, o seu pai. Mais o que me abraiou de todo foi sentirlle dicir á paisana cando falaba do signor Matteo:
__– É un moi bo home, un grande traballador. Disque traballa de estibador no porto, eu non llo sei de seguro, mais traballa tanto que foi capaz de lles pagar a carreira universitaria a dous fillos e aínda fai o mesmo cunha terceira...
__Despois daquilo eu quedei mudo. Non podía entender como "traballando" de mendigo se podía gañar tanto diñeiro. En calquera caso, aquel foi un segredo que gardei para min e que nin sequera cheguei a partillar co meu amigo Roberto.


© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: