domingo, novembro 11, 2007

Misterio de trapo [+8 anos].- XFC


1. Cando a harmonía desapareceu da fraga de Teilac

A fraga de Teilac fora sempre un lugar bárbaro. Fórao desde o primeiro momento, mas houbo un tempo en que se tornou un lugar horríbel para morar... Queredes coñecer a razón?
Os problemas comezaron cando oso Berroun creceu, porque cando cativo era moi simpático, todo alegre e brincador. Todos os animais lle querían ben, mesmo lle ofrecían doces como mel fresco durante o verán ou froita durante a primavera. Mais cando medrou, tornouse berrón, rosmón e doadamente enfadadizo.
Por iso, cada vez que calquera animal lle dicía algo que non lle gustaba, berraba como un furacán até o outro enxordecer.
Este era precisamente o gran problema: os berros do Berroun eran tan terríbeis que facían vibrar e tremer toda a fraga de Teilac.
Iso era o que pasaba: os berros do Berroun eran tremendos: cimbraban por toda a fraga de Teilac e podían deixar xordos a todos os animais que estivesen arredor nunha media de trescentos metros.
De feito, cando os animais vían que Berroun se achegaba, corrían a voz da súa presenza e todos se evaporaban por maxia.
Así, os veados eran capaces de agatuñaren ás árbores como os esquíos.
Os esquíos, porén, se se vían sorprendidos na beira da lagoa, eran capaces de ficaren baixo a auga a conter a respiración facendo compaña ás ras, as cales notaban que aqueles anfibios peludos se tornaban vermellos despois dun par de minutos sen respirar e eran incapaces de comer moscas e mosquitos.
Os coellos, da que recibían a voz de alarma, podían montar enriba dunha pita e saír voando como auténticos pilotos enriba da ave.
Aquela situación preocupou moito aos animais porque non sabían como oporse aos berros do Berroun. Ninguén non o contrariaba, non fose que empezase a berrar daquel xeito tan espantoso.
E claro, á forza de berros tornárase o amo da fraga, mais era terriblemente tirano co resto dos animais que habían obedecelo sen gurgutar...
Despois dalgún tempo, na fraga de Teilac non había animal que non sufrise de terribles xaquecas, polo que ao cabo, durante un inverno, cando o oso estaba en estado de hibernación, aproveitaron para aconcellar en asemblea e tratar o asunto do oso Berroun. Mais para desgraza dos animais todos, ninguén non sabía como arranxar aquel penoso asunto que podía facer estoupar os cerebros todos os habitantes de Teilac.
Unha lebre propuxo bloquear a entrada da cova onde hibernaba, mais dixéronlle que o oso era quen de escachar calquera rocha aos berros. Amais, precisarían dun elefante para mover unha rocha enorme que tupise a entrada.
    Os castores propuxeron abrir unha gabia no terreo e enchela de auga, abrindo un lago polo que non puidese escapar o oso. Facer a gabia era posible, mais enchela de auga… Nin que os animais todos da fraga se pasasen o inverno a facer pipí na gabia a darían enchido.
Que decepción.
     Seguirían logo así as cousas para sempre?
2. O retorno de Berroun

Cando volveu a primavera, Berroun acordou da súa hibernación. Tiña moita fame despois de tantos meses, polo que para encetar o seu almorzo non había nada mellor que mel. Foi á colmea máis achegada á súa cova e pediu, primeiro polas boas, mel ás abellas que zoaban como tolas arredor do seu enxame.
Os insectos aínda se lembraban dos berros terribles de Berroun, polo que lle deron algo de mel recentemente feito, mais aquilo non lle abondaba ao grande oso, que esixiu máis, moito máis... e berrou, berrou salvaxemente, brutalmente, até deixar as abellas abraiadas. E claro, déronlle todo o mel que pedía, malia pasasen fame o resto do ano.
O oso Berroun relambeuse co mel delicioso. Porén, non lle abondou con aquel festín e decidiu comer algo máis. Foi despois até un antigo e xigantesco carballo que había en Teilac.
Alí moraba unha colonia de esquíos pillabáns e falcatrueiros que usaban a árbore vella como almacén e vivenda, xa que a máis dela estaba baleira por dentro. Deica alí foi o Berroun para lles pedir froitos secos, tales que abelás, castañas ou noces. Alí chantouse o oso e berrou daquela suave:
– A ver, vós os esquíos. Son o Berroun. Dádesme algo de comer?
Os animaliños asomaron os seus fociños cheos de bigotes polas moitas fendas da árbore e comprobaron que se trataba, efectivamente, do oso. Axiña unha chuvia de froitos caeu enriba do oso, o cal encetou un festín. Cando o deu comido, non se sentiu farto e esixiu:
– Ou me dades máis comida ou empezo a... xa sabedes que.
Rapidamente, os esquíos comezaron outra chuvia de froitos enriba do oso, até que non lles quedou nada para o inverno. Pero éralles mellor iso que quedaren xordos para sempre.
Así pasaron varios días, durante os cales Berroun fixo sempre a súa vontade ameazando os outros animais con pórse a berrar como nada máis el sabía facelo. Os animais estaban xa cheos daquela situación, mais que podían facer eles?
Para colmo, o grande oso xa nin se molestaba en ir buscar a comida. Abondáballe comezar a berrar, facendo tremer as árbores que houbese arredor, para que os animais que andasen nas proximidades lle trouxesen comida, a que tivesen á man.
Se daquela un veterinario tivese pasado por alí, tería diagnosticado as doenzas nerviosas máis estrañas que un poida imaxinar, sobre todo despois de ver como, por mor dos berros, a moitos animais lles medraba carriza nas orellas.
3. Os humanos tórnanse protagonistas
 
E entón ocorreu algo extraordinario, algo que non acontecera nunca.
A primeira familia humana veu pasar uns días na linde do bosque. Sabedes por que? Porque o sitio era marabilloso e podía estarse moito ben alí toda unha xornada, lonxe do fume da cidade. Aquela familia estaba composta pola mai, o pai, un neno de oito anos e unha neniña de dous que ía sempre agarrada ao seu osiño de trapo. A neniña levábao dun lado para outro como se fose parte dela mesma, faláballe no seu idioma (ese que falan todos os nenos e nenas cando teñen esa idade e que nada mais eles e elas entenden).
A familia pasou unha xornada fantástica no campo, lonxe do fume, a respirar ar puro. Pero no campo aínda se poden facer outras cousas, como empezar unha colección de latas de refrescos de todas as clases só recollendo as que a xente bota por aí, ou botellas de plástico de todas as cores e tamaños. É fantástico.
Pois ben, aquela familia almorzou, xantou, ceou, durmiu (nunha tenda de campaña) e ao outro día almorzou, xantou e… volveron para a casa, moi contentos porque só se atoparan cunha colonia de formigas que agradeceron as faragullas que botaran e mais un par de bolboretas. E máis ningún bicho. Iso era xenial, porque aquela familia tiña un certo temor dos bichos. Na verdade, eu non entendo moi ben como pode ser que queiran pasar un par de días no campo e non ver bicho ningún, pero se visedes o lugar onde estaban, comprenderiades que era case imposible que ningún animal entrase alí, porque se trataba dunha zona de acampada para xente de cidade, que estaba rodeada por muros altísimos, sistemas de vixilancia por cámara que impedían que ningún animal se abeirase a menos de vinte metros e raios láser que non magoaban os animais, pero que lles metían un medo terrible. E grazas a iso, a xente da cidade podía pasar un día no campo e botar o lixo por riba das paredes daquel estraño lugar de campamento.
Pero o fillo da familia, que tiña uns ciúmes enormes da irmá, apañoulle o osiño de trapo mentres ela durmía e levouno para fóra do recinto do campamento. Deixou aquel monstro fóra da tenda, –así el o consideraba, porque lle facían máis caso ao anaco aquel de tea que a el–, e volveuse para a tenda como se non tivese sucedido nada.
4. Á espreita

Non obstante, alguén estaba a espiar todos aqueles movementos na distancia. Tratábase dunha pega, un paxaro que rouba todo o que atopa por aí, desde aneis de latas de refresco até diamantes millonarios, para depositar todo no seu niño.
Daquela, a pega voou por riba dos muros sen ser detectada e como se fose un avión a facer un voo raso, apañou o osiño de trapo por unha orella e levouno polos ares até se perder de vista.
Pero claro, cando a irmá de dous anos acordou, o primeiro que procurou foi o seu osiño.
– Ociño no tá, ociño no tá –dicía ela toda angustiada.
O papá rañaba a cabeza porque non entendía. Preguntou:
– A nena quere dicir “touciño de asar”? Porque a estas horas…
– Non, parvo –respondeulle a nai–, quere dicir “osiño non está”.
O papá pensou que a nai era moi boa para as linguas estranxeiras, incluída a linguaxe dos bebés.
– Pois agora –ordenou a nai–, o neno e mais ti ides procurar o osiño porque non pode ter ido moi lonxe.
Os dous coitados tiveron que saír ao campo salvaxe, incivilizado, cheo de matos, espiños, insectos que pican e ortigueiras que espreitaban todos os seus pasos. Unha expedición pola Amazonía non sería máis perigoso que aquilo.
Mais a expedición, como era de esperar, foi un fracaso. O pai e o fillo pensaron que sen un equipo completo de explorador era imposible penetrar naquel terreo hostil.
A mamá tivo que improvisar unha solución. Contoulle á filla que o oso saíra pola mañá cedo para volver a casa, que estaba doente, e que iría ver o doutor, pero que nun par de días estaría na casa de volta. Así ela tería tempo de comprar outro igual no supermercado, porque aqueles osos se vendían alá por ducias.
E foi así que aquela familia da cidade abandonou aquel campamento despois de sufrir unha experiencia tan cruel, coa decisión de non saír da cidade en moitos anos.
E no entanto, onde acabou o osiño de trapo? Pois no niño da pega, como era de esperar. Aínda así, os fillos da pega non estaban nada contentos con aquel estraño que parecía que lles ía comer a comida toda, sen parar de sorrir. E é que cómpre dicir que aquel sorriso constante do osiño causaba un malestar entre os animais, os cales non sabían se se estaba a rir deles.
Por iso, os fillos da pega botaron o osiño do niño, que foi parar a enriba dun toro vello. E caeu de tal maneira que quedou encaixado entre unhas pólas a certa altura, como se contemplase todos desde un trono. E foi así que o osiño se deu convertido no rei da fraga de Teilac.

5. O novo rei de Teilac


O niño da pega estaba xusto do centro da fraga, nun punto por onde pasaban case todos os animais.
Os primeiros en descubrir aquel estraño foron os esquíos. Daban puliños arredor del nos troncos próximos, mais non ousaban aveciñarse moito, porque nunca viran un animal tan estraño.
Cómpre explicar que o osiño de trapo tiña un aspecto un tanto peculiar. Era marrón, todo cheo de babas secas da nena que lle daban unha aparencia aínda máis estraña.
Os seus ollos estaban feitos de botóns, mais non eran dúas esferiñas brancas inxeridas na cara. Dentro había dúas boliñas negras que á menor sacudida xiraban como tolas, de maneira que o aspecto do osiño de trapo resultaba aínda máis chocante.
Amais, como ao caer do niño das pegas, ficara encaixado nunha forca formada por dúas pólas, o seu aspecto era o dun rei no seu trono que observaba todo o que se estendía.
Cando a brisa o remexía suavemente, os seus ollos avalaban nas esferas e parecía que percorría a paisaxe, mais cada boliña ía nunha dirección diferente.
Como diciamos, foron os esquíos os descubridores daquel novo inquilino da fraga.
E como eran moi faladores e paroleiros, axiña correron a voz entre os animais que moraban nas árbores.
Cabo de poucas horas, por diante do osiño de trapo comezaron a desfilar animais curiosos que, primeiro desde detrás das bouzas, e logo xa directamente ao pé da árbore, ollaban para o osiño de trapo.
Todos abraiaban con aquel seu sorriso. Aos humanos producíalles unha sensación de osiño simpático, mais aos animais espantábaos, porque non estaban afeitos a veren animais a sorrir.
Foi mercé a aquel sorriso que os animais quedaron fascinados.
E foi así que pola fraga de Teilac comezou a correr a lenda do rei, un osiño pequeno e riseiro que observaba todo e a todos desde o seu trono.
6. Que xénero de animal é o rei?

Aos animais de Teilac non abondaba con chamar rei a aquel animal que pasaba día e noite sentado naquel trono de madeira. Todos eles querían saber que caste de animal era.
Os esquíos, por aquilo de seren os primeiros en descubríreno, afirmaban que se trataba dun habitante das árbores como eles, chamado oso preguizoso.
As formigas, en ouvindo a palabra oso, mais sabendo que non se trataba de Berroun, comezaron a pensar que seica se tratase dun oso formigueiro, mais aquel non tiña o fociño longo propio daquel devorador de formigas.
Outros, como os corvos e as cornellas, opinaban que era un humano peludo, xa que, ao cabo, chegara alí da man dos humanos (lembrade que todo se sabía en Teilac, e máis entre aqueles paxaros, de maneira que era algo coñecido que a curuxa roubara aquel ser aos humanos). Iso explicaría o seu sorriso e por que se convertera en rei.
Unha das raposas, querendo demostrar como son intelixentes os da súa especie, afirmou que era un pingüín, totalmente segura de que ninguén en toda a fraga nunca tal vira, nin ela mesma, pero como ouvira uns mosquitos viaxeiros falar deles, pensou que todos acollerían as súas palabras como as dun animal estudado.
A curuxa, o animal máis sabio da fraga –algúns din que a noitébrega o é aínda máis que a curuxa, mais iso non está aínda demostrado– rematou cos medos.
Ela sentenciou:
– Non é un oso preguizoso. Non é un oso formigueiro. Non é un humano peludo. Non é pingüín. É un oso anano.
Un oso anano? Ningún dos animais ouvira nunca tal cousa.
Unha andoriña preguntou se non sería un oso que parou de comer ben cando cativo e por iso quedou todo redrollo.
Pero non, a curuxa confirmou o que dixera.
Era un oso. Anano, pero un oso.
E entón a todos entroulles un novo temor.
Que faría Berroun cando soubese que había outro oso na fraga? Era capaz de pórse a berrar como un tolo até botar embaixo a metade das árbores. Podía ser unha desgraza para todos.
Os animais decidiron manter o segredo. Non falarían daquel pequeno oso, daquel rei inofensivo que o único que facía era sorrir e mover os ollos cando había brisa o alguén buligaba a súa árbore.
7. As sospeitas de Berroun

Os animais fixeron todo o posible por falaren baixiño sobre o oso anano, o novo rei da fraga de Teilac.
Levaban a comida ao oso Berroun cando este a esixía, e sempre ollaban para os lados antes de falar do oso anano, como precaución para non seren escoitados polo oso Berroun.
Porén, o grande oso estaba un pouco amoscado co comportamento dos animais da fraga, que todos os días, en grupiños, se perdían polo centro da fraga.
Pensaba que talvez planificaban o modo de vencelo, mais a el só podía vencelo, e só durante uns tres meses, o inverno. Estaba todo tranquilo. Amais, non lle prestaba iso de entrar na parte da fraga porque alí entraba pouco o sol.
Mais as cousas ían mudar. Berroun descubriu que había un estraño na fraga por casualidade.
Aconteceu un día en que estaba a se bañar nunha lagoa, todo placidamente, e logo se deixou emporcallar no lodo. Aquilo gustáballe moito. E como estaba todo cuberto de lodo, era imposible decatarse de que era un oso, parecía un enorme terrón.
Berroun ficou deitado a tomar o sol cuberto de lama. Estaba todo inmóbil. De súpeto, apareceron por alí dúas grallas. Unha delas pousou, precisamente, no bandullo do oso, sen se decatar de onde estaba.
O oso xa ía aventar o seu ruxido máis brutal, cando ouviu aquelas palabras que o encheron de curiosidade:
– Viches ultimamente o rei osiño?
– Vin.
– Está algo desmellorado, non pensas? Seica habería que pensar en darlle algo de comer.
– É verdade. Seica tes razón. Até a de agora parece ser que non comeu nada.
Berroun escoitaba aquelas palabras abraiado. O primeiro pensamento que lle acudiu foi que había concorrencia na fraga.
Outro oso significaba concorrencia, aínda que fose pequeniño.
Pero o peor de todo é que falaban del como do rei.
O único rei de Teilac era el e non ía permitir que houbese outro. Quixo entón preguntar ás grallas por aquel estraño, mais elas xa alzaran o voo sen se ter decatado que estiveran tan preto do oso Berroun.

8. Na procura do fuxitivo

Desde aquel momento, descubrir o estraño da fraga tornouse no pesadelo do Berroun.
Achegouse onda os sempre espantados esquíos. Chantouse diante dos piñeiros onde vivían e berrou con todas as súas forzas:
     – Onde está ese oso cotroso do que todos falades?
   O resultado foi que os esquíos que estaban fóra das árbores saíron polos ares voando un par de quilómetros. Os que estaban dentro tiveron máis sorte, pero sentiron que as árbores tremían e estiveron a piques de caer.
     Probou novamente chantándose diante duns corzos que tranquilamente pacían. Sen aviso, berroulles con todas as súas forzas:
Pero na realidade, eles non entenderon as palabras, só percibiron aquel brutal ruxido. Amais, a forza do ventarrón provocado polo oso Berroun desprazounos douscentos metros.
O oso Berroun convenceuse de que así non ía descubrir onde se escondía aquel o oso intruso, de xeito que decidiu empregar a cabeza e non a gorxa.
Ao outro día envorcouse na lama –vira que aquela era unha camuflaxe perfecta– e despois envorcouse no chan nun sitio cheo de follas secas.
Adquiriu a aparencia dun arbusto un pouco raro, pero estaba seguro de que ningún animal da fraga, se non berraba, se decataría de quen era.
Amodo, procurando que ningún outro animal reparase nos seus movementos, foi avanzando cara ao corazón da fraga. De alí a pouco confiaba en atopar algún grupo de animais daqueles que todos os días ían visitar aquel que chamaban o rei da fraga.
Non botou moito en descubrir un grupo de parrulos que avanzaban para o centro da fraga mentres comentaban:
– Ver o rei oso…, ver o rei oso…, ver o rei oso…
A linguaxe dos parrulos é un chisco complicada de entender, porque son un algo gagos e repiten todo varias veces. Por iso, ao Berrón levoulle un bocadiño decatarse de que eles eran unha especie de peregrinos.
Dando pulos, foi seguindo os parrulos. Estaba moi atento aos paxaros, non fose que se decatasen de que un arbusto os seguía.
Os parrulos non, mais outros animais si se decataron de que detrás da ringleira de parrulos avanzaba un arbusto dando pulos.
9. O desafío

E foi así, como entre pulos e a paso de parrulo, o oso Berrón alcanzou o trono do osiño de trapo.
O lugar estaba ocupado por animais de toda caste. Todos murmuraban entre eles, mentres miraban para o osiño de trapo.
Berroun sentiu que o sangue lle fervía de ira. Mesmo lle saíu fumiño polas orellas.
Buligouse todo e fixo caer a capa de lama seca e de follas que o cubría. Os animais todos viráronse para el e fitaron aquel espectáculo. Axiña se decataron de que se trataba de Berroun.
E antes de que abrise a boca, xa todos se esconderan entre as bouzas, mais non moi lonxe, porque entre o medo á dor de ouvidos e a curiosidade por saber como ía rematar aquela historia, gañaba a segunda cousa.
O oso grande avanzou cara ao oso pequeno. Chantouse aos seus pés e díxolle forte mais aínda sen berrar:
– Quen es ti e que viñeches facer aquí?
Pero claro, non era de esperar que un osiño de trapo respondese. Quedou mudo e co seu sorriso eterno a brillar no medio da face. Mesmo ao oso Berroun pareceulle que aquel sorriso era máis grande, como se estivese a se burlar del.
Berroun rabiouse aínda máis. Non podía permitir que aquel monicreque se rise del. Con máis forza que antes, berroulle:
– Dime xa quen eeeeeeeeeeeeees!!!!!!!
O osiño de trapo seguía sorrir. Os animais escondidos nos matos non podían evitar un sorriso.
O grande oso percibiu que as cousas non ían ben. Había demostrar a súa autoridade.
Un berro de grao superior poría as cousas no seu sitio exacto.
– Groarrrrrrrrrrrrrrrrr !!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Todas as follas das árbores en cen metros arredor saíron despedidas. Os animais máis pequenos escondidos entre as bouzas tamén saíron polos ares.
Mesmo a carriza das rochas apareceu a quilómetros de distancia de alá.
Pero o resultado foi o mesmo. O osiño seguía a sorrir como se alí non acontecese nada. E como estaba ben suxeito entre as pólas, non saíra polos ares.
Un ruxido aínda peor invadiu o ar.
Nada.
O ruxido de vinte osos rachou os ceos.
Nada.
E o ruxido dos ruxidos, a nai de todos os ruxidos. A terra até tremou.
Nada.
O oso Berroun estaba sen folgos. Pero non se ía render mentres uns poucos pares de ollos asomaban timidamente na distancia entre as vexetación que aínda non voara a varios centos de metros.
O grande oso abriu a boca, tomou ar e lanzou… un suspiro.
Estaba afónico, rouco. Perdera a súa capacidade de berrar.
E o maldito osiño pequerrecho seguía alí sentado a se rir del.
10. Onde conclúe esta historia

Seguramente preguntarédesvos como rematou esta historia. Pois rematou con que a curuxa, o paxaro máis sabio da fraga segundo algúns –para outros, como xa dixemos, éo a noitébrega– descubriu que o osiño de trapo non era un animal, senón un obxecto.
Seica pensaredes que isto non tiña moita importancia no resultado da historia de Berroun. Mais non é así.
Deixádeme que volo explique.
Como dicía, a curuxa descubriu que o osiño de trapo non era un osiño anano. Tivera o valor de achegárselle, co gallo de charlar con el. Despois de lle largar un discurso sen fin –ningún animal na fraga era capaz de aturar os discursos da curuxa–, preguntouse por que aquel animal era capaz de escoitalo sen perder o sorriso.
Aquilo xa lle fixo sospeitar. Bateuno co pico na vidalla, mais o oso seguía a sorrir. Ao cabo tirou del para riba enganchándoo dun brazo co pico e conseguiu sacalo do seu trono.
Entón a curuxa tivo unha idea xenial. Mais había comprobar se funcionaría.
Levou o oso de trapo até a porta da cova do oso Berroun ao amencer. Ela escondeuse detrás.
Cando o grande oso acordou e saíu á porta da cova, atopouse alí o seu máis brutal inimigo, a mirar con el con aquel sorriso terrible que o tornaba louco.
– Que queres? –preguntou a tremer Berroun e coa voz aínda rouca.
– Quero que sexas educado, que pidas as cousas por favor –dixo a curuxa desde detrás.
Berroun botouse a tremer.
– Promételo? –preguntou o oso de trapo.
Berroun moveu a cabeza en sentido afirmativo.
– Estarei moi atento… –engadiu o oso de trapo.
Berroun volveu á súa cova e non saíu de alí no resto do día. Mais é ben certo que, desde aquela, non volveu berrar para nada e sempre pedía as cousas por favor.
    E se algún día ameazaba con algo, a curuxa acudía de présa co oso de trapo no pico e facía que o oso o vise. Desde aquela, o ruído máis forte que se escoita na fraga e o duns ratos que aprenderon a usar noces para xogaren á petanca.


© Texto: Xavier Frías Conde
© Ilustración: Enrique Carballeira
All rights reserved worldwide