sábado, abril 18, 2009

Onde está a lúa? [+10 anos] .- XFC


É de noite. Hoxe a lúa habería de estar no ceo, mais non está. Todas as persoas do mundo están mirando cara arriba durante toda a noite.

– Onde está a lúa? –pregúntanse uns aos outros

E a situación continúa igual durante toda unha semana. Ninguén na terra pode ver a lúa.

A xente preocúpase moito.


E é que os astrónomos saben que perderán o seu traballo, os poetas desesperan porque perderán a inspiración, os cazadores se anoxan porque os animais selvaxes se comportan dun modo ben estraño e tamén algúns políticos, porque saben que non poderán ofrecer zonas residenciais de fin de semana.

É certamente un problema para a humanidade, mais ninguén sabe o que facer.

En todo caso, han probar algo.

Algúns gobernos mandan construír o telescopio máis grande e poderoso do mundo.

O tempo corre de présa e a xente está cada vez máis e máis nerviosa.


O telescopio constrúese axiña, só en dous días, usando pezas vellas doutros telescopios.

Mais non vale para nada tanto esforzo.

O sitio onde a lúa habería de estar, ficou baleiro.

Parece  como se tivese marchado de vacacións.

Os loucos non lle poden cantar máis.


Só os lobishomes están contentos porque non teñen transformacións.

Ao cabo, varios gobernos deciden enviar unha nave espacial ao sitio onde habería de estar a lúa.

A xente da terra xa leva máis dun mes sen ver a lúa!

A nave espacial alcanza o lugar baleiro cabo dunha semana. E, efectivamente, a lúa non está aí.

Mais atopan unha nota a aboiar no espacio que di:


«Estou de viaxe de estudos a Neptuno. Volverei deica un ano neptuniano. No meu lugar quedará unha colega. Boa sorte a todos».

É verdade, mentres os astronautas da nave espacial están a ler a noticia, chégalles un son penetrante.
Unha masa inmensa vai contra eles.


Mais no canto de chocar contra a nave, detense no espacio baleiro da lúa.

A nave espacial lisca ás carreiras de alí.

A situación é abondo estraña.

Unha masa, tan grande como a propia terra, quedou no lugar da lúa. A terra parece pórse doente por mor dos círculos das órbitas dese novo satélite.


Unhas horas máis tarde, o telescopio instalado para seguir os movementos da lúa ausente e agora do novo satélite, descobre unha nova nota a aboiar que di:

 «Ola, son unha das lúas de Neptuno. Pasarei as miñas vacacións aquí».

As consecuencias desa nova lúa sobre a terra e mailos seus habitantes son incribles.


Algúns empresarios tentan comprar porcións do novo satélite para os seus negocios.

Os poetas comezan poemas moi estraños, como sumas e multiplicacións con rima.

Os militares cren que poderán probar alí os seus novos mísiles máis tranquilamente...


Mais daquela acontece algo inseperado. A nova lúa non está baleira. Está chea de xente, de xente normal.

E as novas xentes cren que poden usar a terra para os seus propósitos, como inspiración para os seus poemas, como lugar para construír a súas casas e tamén para experimentar as súas armas nucleares.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: