sexta-feira, dezembro 18, 2009

O misterio do salgueiro chorón [+8 anos].- XFC




Patricia e Iago eran dous irmáns que vivían nunha preciosa casa cun inmenso xardín, todo cheo de plantas e con varias árbores. Precisamente unha destas árbores non era moi normal. Tratábase dun chorón que sempre tiña un aspecto máis triste do que estas árbores adoitan ter, mais ninguén parecía terse decatado diso.

Os dous irmáns sempre xogaban xuntos no seu xardín. Recollían flores e facían castelos de area. Tamén recollían a froita das árbores, menos do chorón, que non daba nada.

Todo decorría tranquilo, até que unha noite ocorreu algo estrañísimo. Ao chorón xurdíronlle un par de ollos no tronco coas súas respectivas cellas de cor verde. Dúas das súas pólas convertéronse nunha especie de brazos e dúas das súas enormes raíces saíron do chan transformándose en pernas.

Daba medo velo, porque máis ca unha árbore parecía un monstro vexetal.

Tan pronto como tivo a forma de árbore andante, dirixiuse cara á casa. El sabía moi ben onde durmían Patricia e Iago. Era no andar de enriba, nunha esquina. Como era moi alto, os seus ollos chegaban até aquela xanela sen problemas. Mirou para dentro e viu os dous irmáns durmir tranquilamente.

Pensou daquela a árbore-monstro:

– Hei asustar estes dous nenos... Sempre me ignoran cando están a xogar no xardín...

Parecía que a árbore estaba ciumenta.

Empurrou a xanela cunha das súas pólas-brazos e esta abriu sen facer ruído. Logo fixo un ruxido estraño que soaba algo así:

– Vuuuuuuf!

Mais os dous irmáns non o sentiron porque estaban profundamente durmidos.

A árbore, despois de tentar o mesmo varias veces, volveu ao seu sitio e de seguida recuperou a súa forma de árbore. Mentres amencía, pensaba:

– A verdade, é mellor que non os teña asustado, porque outramente non me regarían e eu secaría.

Que obrigaba o chorón a meter medo aos nenos?

Que forza o convertía nun monstro vexetal de noite?

Por que o seu aspecto era tan triste?


* * *


Despois da escola, os rapaces volveron á casa e puxéronse a xogar no xardín como todos os días. Entón Patricia fixouse no salgueiro chorón e dixo ao seu irmán:

– Iago, viches o chorón?

– Que lle pasa?

– Non sei, mais penso que non está exactamente no mesmo sitio de onte.

– Iso é imposíbel –dixo Iago–, as árbores non andan.

Patricia non estaba moi convencida, mais pensaba que o seu irmán tiña razón e xa non se fixou nela.

Aquela mesma noite, o chorón volveu transformarse coma no día anterior. Saíronlle outra vez ollos, brazos e pernas. Logo moveuse do seu sitio e colocouse ao pé da xanela do dormitorio dos dous irmáns.

Quería probar a asustalos de novo, mais non ousaba. Tomou valor e petou coas pólas nos vidros, como se o vento as movese. Mais os meniños non se decataron de nada.

O chorón regresou despois dun anaco ao seu sitio e volveu ser unha árbore normal, normal, é dicir, fixa no terreo.

Ao outro día, Patricia e Iago estaban a xogar no xardín como decote. Patricia volveu reparar no salgueiro chorón e comentou co seu irmán:

– Asegúroche que o salgueiro hoxe tampouco está no seu sitio.

– Iso non pode pasar –dixo Iago.

– Ven ver.

Cando os dous nenos se achegaron á árbore, comprobaron que a terra arredor estaba remexida.

– Que terá pasado? –preguntou Iago.

– Non sei –respondeu Patricia–, mais é moi raro, porque parece que o salgueiro se moveu durante a noite.

– Que dis ti!

Os nenos foron ao centro do xardín e ao pouco tempo esquecéronse do salgueiro. Estiveron a xogar até a hora da cea e logo fóronse deitar.

Un intre despois, o salgueiro transformouse por terceira vez nun monstro vexetal. O gato dos veciños, que cruzaba nese momento polo xardín, levou o maior susto da súa vida ao ver aquela árbore camiñar sobre a herba. Saíu correndo e estivo agochado na cociña da súa casa unha semana enteira.

Cando o salgueiro chegou á ventá, ollou cara ao interior do cuarto. Os dous nenos durmían placidamente. O salgueiro quería asustalos novamente.

Empurrou a ventá e meteu as súas ramas dentro do cuarto. Primeiro acadou o Iago e logo a Patricia. Axiña os dous nenos empezaron a axitarse e deron espertado.

– O salgueiro! –berrou Iago.

– Está aquí! –engadiu Patricia.

A árbore viu que os nenos se asustaban de veras. Deulle moita pena. Non quería meterlles medo, aínda que sentía a necesidade de o facer. Entón díxolles:

– Perdoádeme, eu non quería, mais algo impúlsame a facelo...

Os nenos non se anoxaron coa árbore; todo o contrario, quixeron axudala. O salgueiro contoulles a súa historia.

– Antes de que construísen esta casa, aquí vivía unha bruxa malvada chamada Ceferina. Sempre estaba a facer beberaxes que lle saían fatal. Eu entón era só un escallo de árbore e tiven a mala sorte de que probou comigo unha beberaxe que facía andar as árbores... Mais aínda que o conseguiu, quedei moi triste para sempre, porque aquela beberaxe causaba moita pena.

– E que lle aconteceu á bruxa Ceferina? -quixo saber Patricia.

– Pois que un día, probando un dos seus feitizos, estoupou todo e ela saíu voando polos ares. Coido que a bruxa acabou no medio da selva ecuatorial. Despois, a cidade medrou para acó e neste sitio fixeron a vosa casa. Eu xa estaba aquí e deixáronme no voso xardín.

– Xa, mais segues a ser unha árbore triste –dixo Iago–. Por iso poste a asustar a xente.

– Si, eu non podo evitalo.

– Entón, hai que lograr que te aledes –engadiu Iago.

– Eu teño a solución! –exclamou Patricia.

– E cal é? –preguntou Iago.

– A miña ‘profe’ di que cando alguén está triste, o mellor é contarlle unhas boas piadas para que ría ás gargalladas.

Os dous nenos acompañaron o salgueiro ao seu sitio. Despois comezaron a lle contar todas as piadas que sabían. Mais como non abondaban, descargaron ducias e ducias de chistes da internet. Levaban os portátiles ao lado da árbore para que esta rise e rise sen parar.

Mais mesmo así, non abondou. Os rapaces pediron axuda aos seus colegas da escola. Foi un chamado urxente, un boca a orella moi eficaz acompañado de mensaxes nos foros da internet e nas redes sociais, con fotos do chorón camiñando e até dando puntapés a un balón e rompendo a seguir o vidro dunha xanela. Era espectacular!

Os compañeiros de Iago e de Patricia tomárono moi en serio e facían quendas para contar chistes que tomaban de todas partes.

Durante varios días, foron viñendo os seus amigos a contaren piadas á árbore e aos poucos as ramas do salgueiro fóronse elevando até que perdeu por completo o seu aspecto de tristura. As gargalladas do salgueiro sentíranse en toda a cidade e soaban moi ben. Á xente alegráballe moito sentir aqueles risos vexetais.

E xa despois de tres días seguidos de maratón de piadas (até o fillo do dono do bazar chinés viñera a contar piadas en chinés, mais o chorón entendíao igual), a árbore pediu por favor que parasen, que de tanto rir ía ter un ataque de impo. Grazas aos risos, limpara todas as toxinas que aínda lle quedaban.

Os nenos e a árbore tornáronse grandes amigos; desde entón, a árbore só saiu do seu sitio para xogar con eles no xardín... bo e tamén para botar algún partido de fútbol, porque adoraba ese deporte, mais daquela pedíanlle que xogase de dianteiro, porque de porteiro ocupaba toda a portaría.


   A nai  fechou o conto, deu un bico aos nenos, erroupounos e saiu do cuarto. Despois, encamiñouse para o xardín. En bata y chinelas, saíu. Ía unha noite espléndida. Achegouse a un robusto salgueiro. Cando estivo ao seu carón, saudouno, deulle unha palmada no tronco e díxolle:
    –Heiche contar a última piada que me contaron hoxe no traballo...

 © Frantz Ferentz

Sem comentários: