quinta-feira, janeiro 21, 2010

O bico [+6 anos].- XFC




O Lois xa non sabía o que facer para a Petra se fixar nel.

Á Petra interesábanlle paisanos ben orixinais, nada de xente vulgar coma o Lois.

O Lois, coitado, era máis ben vulgar.

Non podía converterse nun tipo como os que saen nos filmes e sabía que así non tiña nada que facer coa Petra.

Daquela leu un anuncio nun xornal que dicía:

«Se vostede non pode ser un tipo guapo, sexa un verdadeiro monstro. Chame ao XXX.XXX.XXX».

O Lois decidiu experimentar.

Chamou e mandáronlle unhas pílulas de cores.

Debía estar en tratamento durante tres días a tomar nelas.

Despois, de repente, tornaríase monstro.

Caso non funcionase, devolveríanlle os cartos, aseguraban, ou comprometíanse a sandar os efectos secundarios das pílulas a cores.

O Lois seguiu o tratamento ao pé da letra e en acordando no cuarto día, foi verse no espello.

Era feo que metía medo.

Un lobishome, ao seu carón, serviría para animar festas infantís.

Decidiu vingarse da Petra e foi onda ela.

Polo camiño, toda a xente corría espantada.

Todos tínanlle terror.

Premeu na campaíña.

Abriu a propia Petra.

Ela largou un berro que fixo tremer os alicerces do predio.

- Son un monstro espantoso... -dixo o Lois sen se dar a coñecer-. Se queres que non te espante maís, hasme dar un bico.

E a Petra, que non estaba por aturar aquel horror, deullo (mais na meixela, non pensedes...).

De súpeto, pasouse o efecto das pílulas e o Lois recuperou a súa forma normal.

Desde aquela, a Petra está encantada de si mesma e anda a bicar a toda a xente fea que se atopa pola rúa co gallo de a desesconxurar.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

Sem comentários: