Este é o meu primeiro conto publicado para nenos en eonaviego. Foi publicado en 1991, dentro do libro El xabaril que quería engalar e outros relatos. A miña filla Laura tivo a paciencia inmensa de o copiar. Despois sometín o texto a revisión e agora quero que reapareza neste blogue despois de case vinte anos. Téñolle un cariño moi especial a este conto. Gozade da súa lectura.
Hai xa moitos anos, nunha época na que aínda os homes non poboaban a terra, houbo un xabaril que vivía nuns montes lonxe, moi lonxe.
Eran uns montes de carballos e castañeiras con folgueiras e figueiras á ourela dos camiños. Habíavos páxaros de todas as cores: rubios, azuis, brancos e outros que poidades imaxinar.
O xabaril corría ceibe polo campo, comía o que lle petaba e falaba cos outros animais. A verdade é que era un xabaril novatiño, cun pelo forte mui duro e uns bos dentes afiados.
Un día, mentres paseaba polo campo, encontrou unha colmea. Endexamais catara o mel, e así decidiu meter o fociño, xa que recendía moito ben. Abriu a colmea moi amodo, mais con tan má fortuna que a empurrou para o chan. As abellas saíronlle furiosas e comezaron a bicalo por todos os lados, atravesando a súa pelella. O xabaril sentiu que as costas lle escocían demais, mais deuse conta de que aquilo peoraba porque a furia das abellas non minguaba nada. Por iso, botou a correr por entre os toxos abrindo camiño coas súas fortes patas, conseguindo así fuxir daquela tortura.
Uns xilgueiros que viron todo remedárono. Chamábanlle "tolo" por ser tan fato e meter o fociño así nun trobo. Aquel insulto non lle gustou ao xabaril. Enfureceu e tentou engatuñar á árbore, mais non foi quen. O único que gañou foi que dúas piñas lle caesen na testa. O xabaril estaba realmente anoxado, mais non tivo máis remedio que marchar coa cabeza gacha.
Pensou que se nin as abellas nin os xilgueiros voasen xa verían eles con quen haberían ter dúas palabriñas. Nese instante unha idea cruzou pola súa mioleira:
– Pois se eles voan, eu tamén voarei...
& & &
Marchou o xabaril despois daquel episodio polo monte e atopou un xabaril moi vello e por tanto sabio ao cal preguntou:
– Dime, por que os xabarís non voan?
– Ai, fillo, boas preguntas me fas –retrucou o vello xabaril–. Cada animal fai cousas que outros non fan. Por exemplo, os xabarís poden cruzar nos matos sen que nada os poida deter, andar moitas horas sen folgar e sentirse por iso cansos. Mais para voar non che nos deron nada...
O xabaril novo enrugou o fociño deixando ver as súas afiadas navallas e dixo:
– Pois eu voarei.
& & &
Aínda marchou durante varios días o xabaril por entre os montes, seguindo carreiros e encontrando animais. A todos preguntoulles o mesmo: que que podía facer el para voar, mais ningún foi quen de darlle unha reposta. É máis, algúns riron de tal idea, porque non sabían que pensar, se era un tolo ou un inxenuo.
Así pasou dúas semanas até que chegou a un espacioso val cunhas plantas a que el non estaba avezado, onde non había xestas, mais si moitas árbores froiteiras como maceiras, garfeiros, e outros. Alí atopou unha tribo de galiñas cun galo que era o xefe. A el dirixiuse e viu que se trataba dun señor galón, ben fachendoso, con plumas brancas e unha crista moi rubia. Notábase que era un tipo moi orgulloso. Cando o viu vir, o galo saudou o xabaril:
– Bo día, estranxeiro. Quen es e que queres?
– Bo día, galo. Son un xabaril e veño que me aprendas a voar, xa que vós sodes aves, páxaros – respondeu o xabaril.
– Voares? Mais ti non tes asas! –exclamou o galo.
Despois dun día, o xabaril fabricara un par de asas ben curiosas, unha auténtica obra de artesanía. Enxertara as plumas por entre as canas tenras como se as tivese tecido. Cando o sol ía esconderse tras os penedos, o xabaril remataba o seu traballo.
Á outra mañá volveu o xabaril xunto as pitas co seu arteluxo de voar xa preparado e falou co galón:
– Escóitame. Xa teño as asas listas e quero aprender a voar. Podo xuntarme cos galos novos que van aprender?
– Que? –exclamou o galón–. Mais as pitas non voamos.
O xabaril quedou pasmado. Logo dixo:
– Mais os páxaros voan...
– Certo – respondeu o galo –, mais nós somos aves que NON voamos.
O xabaril baixou a cabeza, deu media volta e marchou.
& & &
Ao outro día volveu o xabaril ao seu monte. Sentiuse mellor por estar de novo nun sitio coñecido e botou a andar polo primeiro carreiro que atopou. Despois dunhas cantas horas a camiñar sen parar, abeirouse a unha grande árbore onde unha aguia tiña o seu niño. Éravos un bon exemplar de aguia, maxestosa, cun forte beco que semellaba de ouro puro. As aguias non gustan de ver estraños perto do seu niño, así que tan logo como viu o xabaril, púxose en garda e cando estaba ao pé da árbore preguntoulle:
– Que queres?
– Falarche – respondeu o xabaril.
– De que?
– Quero aprender a voar. Olla, aquí che teño unhas asas xa feitas.
A aguia mirou para el e non foi quen de dar creto aos seus ollos. O xabaril levaba dúas canas pilladas ao seu lombo con hedra e cubertas de plumas de galiña, que movía coas patas de diante. A súa facha era ben cómica e a aguia non sabía moito ben o que lle responder. Despois dun cacho a contemplalo, díxolle:
– Ben, ben, se queres aprender a voar cos meus fillos primeiro has subir até aquí.
Aquilo si que foi un verdadeiro problema. O xabaril tentou agatuñar pola árbore, mais era imposíbel. Ademais, as asas eran un serio inconveniente.
Por fin, a aguia decidiuse e baixou até o chao. Alí recolleu o xabaril, pillándoo polo lombo e fíxoo subir até o niño, sen coidado de mancarlle porque a pelella dos xabarís é moi dura.
Así, a aguia chamou polos seus pitiños, que estaban algo espantados de ter alí aquel animalazo de pelo mouro e dous dentes como navallas. A aguia dixo:
– A ver, primeira lección: movemento continuo das asas arriba e abaixo.
Todos puxéronse a mover nas asas, o xabaril tamén.
– Segunda lección: pequenos saltiños xunto co movemento das asas.
Fixérono así, mais como o xabaril lle daba tanto impulso, o niño buligou un pedazo. Logo seguiu a aguia:
– Terceira lección: saltiño adiante e baixada xa voando até o terreo.
Os pitos de aguia foron saltando un a un e pousaron molemente sobre o terreo. Cando saltou o xabaril, aínda que moveu as "asas" a toda présa, caeu como un saco cheo de pedras e case que quebra todos os ósos. A aguia baixou até el e díxolle:
– Sabes? Coido que non estás feito para voares. Os xabarís non voan.
– Pois eu voarei – afirmou o xabaril –. Graciñas por todo e abur.
E marchou o xabaril para o corazón do monte.
& & &
Moitos días despois de estar coa aguia, ía polo máis tebroso do monte o noso querido xabaril, onde case os raios do sol non chegaban a penetrar no teito de follas. O xabaril tiña un pouco de medo, mais decidiu seguir adiante sen pensalo dúas veces.
Á tardiña, cando case era xa de noite, recibiu unha sorpresa:
– Uh! Ti quen es?
O xabaril espantou un pouco e mirou para unha figueira por riba da súa cabeza. Mais non viu ninguén.
– Eu son un xabaril, e ti quen es? – preguntou o xabaril.
– Unha curuxa –díxolle a voz –. Que fas por aquí?
– Procuro alguén que sexa quen a dicerme que hei facer para voar.
– Eu son o indicado – dixo a curuxa – . Eu sei que debes facer.
O xabaril púxose tolo de contento. Xa atopara alguén que lle procuraría o que levaba tanto tempo a buscar. Logo preguntou á curuxa:
– Que hei facer?
– Éche moi doado –replicou ela–. Esta noite haberá lúa chea, aprovéitaa. Tes que recoller dous figos brancos, unha mazá sen cor e unha castaña amarela. Despois, cando a lúa saia por riba daquel outeiro tan alto, has catalo todo e axiña poderás engalar.
O xabaril reflexionou de todo aquilo e perguntou á curuxa:
– E onde che hai todo iso que dices?
– Neste mesmo monte –respondeulle a curuxa– . Dá con iso de présa porque nada máis tes unha hora. Sigue ese regueiro e atoparás o que precisas.
& & &
Saiu o xabaril a toda a velocidade. A lúa empezaba a saír por tras das montañas. Á beira do camiño escoitou unha voceciña que lle dicía:
– Eh, para aí! Eu son a figueira dos figos brancos.
O xabaril mirouna e viu que era unha figueira corrente, mais de sotaque reparou que recendía mellor que o mel. O xabaril díxolle:
– Preciso dous figos brancos, mais xa vexo que todos os que teis son verdes.
– Ah! –exclamou el–. Ti es un pouco fato. Como che son os figos sen bulla?
– Non sei, sempre os como sen pensar.
– Pois os figos sen pelica –dixo a figueira– son brancos. Pilla dous.
– E logo, ti es máxica? – preguntou o xabaril.
– Tanto como calquera figueira – retrucou ela.
O xabaril colleu dous figos, deu as grazas á figueira e marchou a buscar a mazá sen cor. Un cacho despois atopou un maceiro e preguntoulle:
– Boa noite, maceiro. Tes tu por acaso mazás sen cor?
– Depende – respondeu o maceiro –. Para que as queres?
– Para voar – replicou o xabaril.
Entón o maceiro botou a rir con todas as súas forza e exclamou:
– Para voares! Cóllea. Nunca me fixeron rir así, e xa ves, as miñas mazás perderon a cor.
O xabaril recolleu a mazá e saíu correndo. Aínda lle quedaba media hora. A clarencia da lúa era máis e máis intensa por tras do outeiro. Continuou a correr máis de dez minutos, mais non atopaba ningún castañeiro. Entón berrou con todas as súas forzas:
– Quen ten castañas amarelas?
Mais houbo silencio. Aos poucos unha voceciña dixo:
– Xabaril, xabaril, que berras tanto?
O xabaril mirou para entre as súas patas e viu unha formiga. Díxolle:
– É que quero castañas amarelas. Sabes tu onde podo achar unha?
– Sei, mais non cho digo – retrucou a formiga.
O xabaril tivo idea de comela mais contivo o impulso. Cunha voceciña suave dixo á formiguiña:
– Dimo, por favor...
– En realidade éche ben fácil –dixo ela–. As castañas amarelas non están nas árbores, mais velas muitas noites.
Aquilo era un verdadeiro enigma para o xabaril porque non sabía a que se refería a formiga.
– Cóntame máis – pediu o xabaril.
Entón a formiga aclaroulle:
– Telas agora enriba da túa cabeza e non podes collelas.
O xabaril ergueu a cabeza e viu o ceo estrelado. Claro! As castañas amarelas son as estrelas, porque ás veces se poen desa cor no ceu, sobretodo cando alguén ten un desexo. Por iso as estrelas están sempre xunta a lúa.
Correu o xabaril até o outeiro e, cando chegou, a lúa xa sobresaía un pedaciño. Deitouse e, cando xa estaba por riba do outeiro, viu a lúa mui nidia. Comeu os figos brancos, a mazá sen cor e de seguida sentiu que a súa cabeza daba voltas e máis voltas.
Caeu ao chao e adormeceu.
II Parte
Podedes imaxinar un xabaril a voar? Eu non; entón, o que lle pasou a este? A verdade é que cando acordou só viu uns montes sen vexetación que non lle soaban de nada, cubertos dunha terra cincenta. Había un silencio moi profundo non roto por nada. O xabaril botou a andar, mais non foi a ver nin plantas nin animais ningúns. Nada vivo.
Entroulle unha gran tristura e preguntábase onde estaba. Ía abondo frío. Despois de moito andar chegou á beira dun barranco, mais non se vía o fondo porque estaba moi escuro. Pensou en saltar até a outra ourela, salvando o abismo, e por fin decidiuse. Colleu carreiría e saltou. Para súa sorpresa, notou que se mantiña no ar durante muito tempo e que cruzaba o abismo sen problema.
Ao outro lado do barranco viu un can deitado que só miraba nas estrelas. Abeirouse a el e díxolle:
– Ola, que fas ti por aquí?
O can mirouno con indiferenza e dixo:
– Estamos bos. Outro máis. Ben vido ao concello dos voadores frustrados.
O xabaril non entendera e pediu explicacións:
– E logo, que queres dicir?
– Quero dicir que todos os animais que estamos aquí quixemos voar na Terra e non podiamos.
O xabaril pasmou e preguntou alarmado:
– Entón, onde estamos?
– Na Lúa, home, na Lúa – respondeu o can.
& & &
O can levou o xabaril a unha chaira onde había todo tipo de animais de todos os continentes: lobos, osos, cobras, elefantes, leóns, camelos e moitos máis, cada un dunha parte da Terra.
Todos aqueles animais tiñan en común querer engalaren aínda que non eran páxaros. O xabaril principiou unha parola cun boi que non facía nada en absoluto.
– Ola, que pensas?
O boi mirouno con señardade e dixo:
– Ola, ti es novo aquí, non si?
– Son, acabo de chegar.
– Pois nada –agregou o boi–, procura un requeixo onde ninguén te incomode e avézate a pasar o tempo sen faceres nada.
& & &
Podedes imaxinar o panorama que se lle presentaba ao xabaril. Tería que pasar toda a súa vida na lúa, morto de noxo como todos os outros animais, que semellaban estar resignados coa súa gafa sorte. Mais o noso xabaril era un animal a quen non lle prestaba estar quedo, así que ao outro día decidiu percorrer a chaira onde estaban todos os animais. Primeiro viu unha xirafa que miraba para o chan cun interese bárbaro. O xabaril sentiu curiosidade e preguntoulle:
– Que andas a facer, xirafa?
– Eh? – dixo ela ao verse interrompida na súa actividade –. Ah, ola!
– Que fas? –repetiu o xabaril.
– Pois vexo as pedras, que as hai de moitas cores, formas e tamaños. É o único que se pode facer aquí.
O xabaril non cría que aquilo fose de moito interese. Despediuse e marchou e un pouco máis aló viu un cabalo que miraba para a Terra. O xabaril preguntoulle:
– Estás a mirar para a Terra?
O cabalo volveuse e espetoulle moi serio:
– Primeiro di "bo día", e logo respóndoche.
– Ah, perdón – desculpouse o xabaril –. Bo día, cabalo.
– Bo día, xabaril – sorriu satisfeito o cabalo, moi amigo das boas maneiras–. Pois estou a mirar á Terra, efectivamente. Vela?
Diante dos seus ollos brillaba a Terra, azuliña pendurada no Universo e cuberta de nubes brancas. Víase lonxe, moi lonxe.
– Aí vivimos nós! – exclamou o xabaril.
– Pois si, mais non que está aí todos os días. Todos os días muda de sitio. Hai xa varios anos que sigo o seu traxecto.
O xabaril despediuse do cabalo e marchou.
Despois dun bo anaco, atopou un ourizo que facía unha especie de canles no terreo. O xabaril preguntoulle moi curioso:
– Que fas, ourizo?
O ourizo interrompeu o seu labor e dixo:
– Estou a facer un mapa da Lúa, coas montañas, os vales e todas esas cousas. Hei pasar o tempo dalgún xeito, non cres?
& & &
O xabaril seguiu a visitar moitos outros animais, até que acabou de coñecelos a todos. Cada un facía algo para pasar o tempo como podía. Algúns simplemente pensaban, outros parolaban, mais ninguén facía a mesma cousa.
O xabaril pensaba en todo isto e pasou varios días a lle dar voltas na súa cabeza a aquela estraña situación. Por fin, tomou unha segunda gran resolución:
– Pois eu volverei para a Terra.
& & &
Falou e falou con todos os animais para ver que idea tiñan eles para volveren á Terra. A verdade é que ningún sabía como se podía facer. Mesmo pediu a todos que se xuntasen nunha reunión. Discutiuse, berrouse e case algúns se agarraron, mais non se sacou nada en claro.
Ao cabo, formouse unha comisión dos animais mais intelixentes para discorreren no xeito de póren en andamento un plano, mais aos poucos días estaban todos desalentados porque non vían solución posible. As cousas volveron á normalidade, cada animal á súa actividade. O xabaril queixouse amargamente e arrepentiuse de ter querido voar. Unha lágrima rodou polo seu ollo, mentres estaba a ollar para a Terra, tan lonxe... Pouco a pouco sentiu un inmenso sono e pensou que levaba moitas horas sen durmir. Así que se deixou caer nun profundo letargo...
& & &
– Eh, ti, acorda!
O xabaril moveuse e pensou que sería algún animal da Lúa.
Abriu a xeito os ollos e viu diante del a aguia.
– Que pasou? – preguntou aínda atordado.
– Non te lembras? –preguntoulle a aguia–. Que caíches do meu niño e quedaches inconsciente. Levas xa tres días así.
O xabaril sacudiu a cachola. Viu que aínda levaba restos de asas postizas e tirou delas para aventalas lonxe.
– Ou sexa, que non estiven na Lúa –dixo o xabaril.
– Na Lúa? – estrañouse a aguia.
O xabaril comprendeu que toda fora un soño.
– Queres aínda voar? – preguntoulle a aguia.
– Eu? Nin tolo – retrucou o xabaril.
Ergueuse o xabaril e foi para o centro do monte, para ver se podía atopar mel, sen lle importaren as picadas das abellas. Cando pasou xunta a árbore dos xilgueiros, estes mirárono e botaron a rir. Entón o xabaril retrucoulles moi serio:
– Rir podedes, mais irdes a Lúa como eu fun, non.
E os xilqueiros non volveron abrir o beco para riren del endexamais.
© Frantz Ferentz
All rights reserved worldwide
Sem comentários:
Enviar um comentário