domingo, outubro 17, 2010

Obrigado por nada


    Cando abrín o bate-papo, alí estaba ela. Debía ter un sexto sentido para saber cando eu me ligaba. Era Daniela, colega da miña turma.
    Sempre reaxía como unha aguia, atenta á miña presenza para me asaltar. Aquela vez non ía ser menos. Eu era o coello, ela era a aguia, o cal quer dicir que eu era a súa presa. E tendo fame a aguia, non ía deixar pasar a súa chance de cazar. Saltou sobre min coas poutas ben abertas.
    "Ola", comezou ela.
    "Ola", respondín eu sen vontade ningunha.
    "Que tal levas o exame de física?"
    "Pss", respondín eu, por responder algo. Levábao como todos os exames de física, de cu. E ademais, non tiña vontade ningunha de falar do exame de física, había millóns de cousas de que falar, non precisamente do exame de física, mais, con todo, eu non quería falar con ela. E o máis estraño de todo era que ela insistía en comunicar comigo por aquel medio, sempre desde a casa. No instituto non se me achegaba -o cal tampouco non me causaba trauma ningún-, só comunicaba comigo polo bate-papo.
    "Eu non o levo moi ben". Continuou ela.
    > De feito non o levo.
    > Onte durmín moi mal, tiven novamente pesadelos...
    > Non entendo a vida".
    Mentres ela escribía e o campaíña do bate-papo non facía máis que soar anunciando a chegada dunha nova mensaxe (a súa capacidade de mecanografar era inmensamente rápida). Optei por ir á cociña tomar un cervexa. Seguramente ficara algunha no frigo. E da que estaba alí, quedei un chisquiño no salón a ver unhas escenas de losqueadas, couces e queixos a ranxer nun filme da tevé que pasaban daquela e que tiña o meu  totalmente enganchado.
    Cando volvín ao meu cuarto, a campaíña do bate-papo seguía a soar frenética, mensaxe tras mensaxe.
    Lin as últimas liñas:
    "… pasar o cabo pola toma traseira para que alcance o micro.
    > E sabes o que me dixo?
    > Non?
    > Pois nin imaxinas.
    > A tía cretina espétame que xa non atendía os clientes."
    Aí pensei eu que debía intervir:
    "Que cousas".
    "Claro, ves como eu teño razón?
    > Mais iso aínda non é todo.
    > Hai cousa de media hora..."
    Xusto daquela lembrei que tiña que tomar unha ducha. Se volvía a miña nai do gabinete e me atopaba así, sen tomar a ducha, ía ouvir lamentacións até o Día do Xuízo. Fun ao baño, tomei a ducha con calma, sen me estresar. Cando volvín ao cuarto, alí seguía a Daniela:
    "… na última sesión de Wall Street. E que mal me sentín.
    > Non podes imaxinar a decepción.
    > Que xentalla.
    > Que hipocrisía.
    > Tantos anos de fiúza perdidos por uns anacos de papel, unhas notas de banco que non levan a ningures..."
    Tocaba facer comentario. Tecleei:
    "Tremendo".
    ":-)
    > Mais iso non é todo..."
    Xusto daquela ligáronme do clube. Eu xogo nas fins de semana ao fútbol nunha equipa de afeccionados. Era o adestrador que quería que fose de venres para practicar o lanzamento de penaltis. Estiven a discutir con el, mais o tipo insistiu en que era a final e podiamos chegar ao lanzamento de penaltis, por iso debiamos practicar toda a equipa, se por acaso chegaba o momento fatal.
    Volvín un cuarto de hora despois ao meu cuarto. Alí seguían as campaíñas, os ataques á tecla da Daniela (é que a tipa para escribir, alén de facelo de présa, atacaba as teclas, batía nelas como se lle fose a vida niso).
    "Ben, vou ir retomando o estudo..."
    A Daniela estaba a se despedir. Viva!!
    "Obrigada pola conversa".
    Conversa? Que conversa? Desde cando o monólogo era un diálogo? Mais eu era incapaz de ser descortés.
    "Obrigado por nada", escribín.
    ":-)
    > <3 "
    En fin. "Obrigado por nada". Que elegancia, que estilo, que xenialidade de meu.
    No outro día, xusto despois do exame -do cal prefiro non falar, é parte da miña intimidade-, a Daniela achegóuseme cun sorriso inmenso. Interpretei que o exame lle correra moito ben e que estaba contenta.
    Sorría coma unha parva e ollaba para o chan. Cando unha rapariga se comporta así, sáltanme todas as alarmas. Apenas dixo:
    - Obrigada polo de onte...
    As miñas alarmas saltaron dobremente. O que aconteceu onte? O que me escribiu ela onte? Seica o meu silencio significara que eu concordaba co que ela me dixera? Debía recuperar rapidamente aquela conversa para saber o que acontecera.
    Mais non fixo falla. Ela, sen alzar os ollos do chan, díxome:
    - Obrigada polo de PAUL.
    - PAUL?
    Ela ergueu os ollos do chan e espetounos nos meus chea de inquedanza. Daquela a alarmada era ela.
    - Claro, PAUL: «Pistolas de Auga Usadas Libremente». Xa lle pasei o teu enderezo à asociación para che enviaren a documentación para te afiliares...
    Aí detívose. Comezara a sospeitar. A aguia, co coello entre as poutas, comezaba a sospeitar que lla xogaran, que aquel coello era de peluxe.
    - Porque -proseguiu- ti lías todo o que eu che escribía, non si?


© Frantz Ferentz
All rights reserved worldwide

Sem comentários: