terça-feira, fevereiro 15, 2011

Por que engorda o computador? [+12 anos].- XFC


Aquel día comecei a notar que o meu computador estaba cada día máis gordecho. Como era posíbel? A ver, engordar apenas engordan os seres vivos. O meu computador é unha cousa intelixente, mais vivo-vivo, non. Aquilo formulábase como un misterio, mais había confirmalo.
Ao longo dunha semana, despois de fechar a sesión, medía o computador arredor da torre. Non cabía dúbida, cada día gañaba entre un centímetro e un centímetro e medio, o cal é unha barbaridade, porque en calquera momento ía estourar.
Eu non o alimentaba e, ao meu ver, a corrente non podía engordalo. Que eu saiba, nin a tevé, nin o frigo nin o lavalouzas engordan aínda que estean ligados permanentemente á corrente.
Mais aquel enigma desvelou un día. Foi precisamente nun día en que recibín máis espam do habitual. Daquela chegáranme até cento sesenta mensaxes.
Loxicamente fun apagando unha tras outra, mentres me lamentaba do caro que me saía o antivirus con antiespam que non era quen de me deter toda aquela porqueira.
Mais cando os di apagado todos, aconteceu "aquilo". Aconteceu que o computador arrotou. Mais non arrotou de calquera maneira, arrotou sonoramente. Eu abraiei, mais axiña comprendín o que alí acontecía.
Aquel aparello tiña un antivirus instalado que non apagaba nada, ao invés, metabolizaba o espam e facía engordar o computador.
Pensei en me desfacer del, mais, pola outra banda, deume mágoa cando, unha volta desligado, comecei a sentilo respirar como un cativiño que agarra amodiño o sono e fai ruidiños…
Por iso, cubrino, dinlle un chuchiño de boas noites e fun eu tamén para a cama. 

© Texto: Xavier Frías Conde, 2011

Sem comentários: