domingo, abril 17, 2011

A fada pirata [+10 anos].- XFC

     Laura Paraula é unha fada pirata. O que quer dicir iso? Pois con certeza non o sabe ninguén, parece un segredo moi ben gardado, aínda que toda a xente pensa que é filla dun pirata do Caribe e dunha fada, podería ser que fose filla dunha piratesa do Caribe e mais dun fado padriño, mais iso é algo que ela nunca ten dito e manteno en segredo. Ten os seus motivos, é claro.
    Na verdade a Laura Paraula ten esa dupla natureza. Emprega a súa variña máxica como unha espada, brande nela perante os inimigos, axítaa ben e saen dela faíscas que poden estragar calquera cousa. Ademais, no canto de ir vestida cun vestido de volantes, adoita pór botas de mosqueteiro e un parche que a cada día pon nun ollo distinto.
    A fada pirata ten o seu propio barco. Non é que se dedique a asaltar navíos, a abordalos, mais Laura Paraula adora navegar a pasar a lingua polos beizos cando está na alta mar e notar como lle quedan salgados.
   A súa tripulación, a súa pasaxe, que nin se sabe o que son, está composta por seres curiosos. O segundo de abordo é unha tartaruga xigante das illas Galápagos que se perdeu hai séculos e que Laura Paraula recolleu, chamada Memorión; desde aquela son grandes amigas. Tamén está unha antiga danzarina que crebou unha unlla da que danzaba e tomoulle medo a todo, mais desde que está con Laura Paraula non ten medo de nada… bo, si, de feito teno a crebar outra unlla; ela chámase Rita Sarita. E está, ao cabo, un bucaneiro retirado de que todos rían porque era gago, mais aconteceu que fala coma ninguén a linguaxe dos golfiños, as baleas e demais cetáceos, o cal é ben útil na alta mar; ademais, este antigo bucaneiro, incapaz de magoar unha mosca, está secretamente namorado da Laura Paraula desde hai moitos anos; el chámase André Dorrevés.
    A fada suca os mares sen présa, porque o seu barco, o Pasapalabra, móvese por maxia, non precisa realmente tripulación e vai onde lle dá a gana. Ás veces segue os atúns, ás veces as baleas e ás veces outros barcos, porque o Pasapalabra gusta de ter relacións con outros navíos que sucan o mar.
     O que non ten no alto é a bandeira pirata tradicional, a da caveira con dúas tibias cruzadas sobre fondo preto. A cor negra non lle presta a Laura Paraula, por iso mudouna ao seu gusto e púxolle un fondo rosado. Ademais, a caveira sorrí, para que poña menos medo.
   De cando en vez, Laura Paraula e a súa tripulación atópanse con outros barcos piratas. As súas tripulacións, como bos piratas que son, sempre tentan abordalos, mais así que saltan para a cuberta do Pasapalabra, encontran algo inesperado. Por norma a Rita Sarita está a tomar baño de sol na cuberta en biquini –tenvos moi bo tipiño– nunha espreguizadeira. Como é moi educada, sempre sorrí para a xente que chega. Os piratas acostuman a ficar uns segundos a contemplala, mais axiña chega o xefe, que é mao malísimo, e dilles que sigan para a fronte. Eles marchan entre protestos, mais sempre algúns deles sempre tropezan con Memorión, que aínda que é grande de máis, pásalles desapercibido porque seguen a ollar para a Rita Sarita, e caen dereitiños para a auga. Os que fican, sempre afagados polo xefe, comezan a percorrer o barco na procura do botín. Axiña crúzanse con André Dorrevés, quen, desde que se prevén visitas, chóese na cociña e prepara unhas minipizzas de morte. Cando os piratas chegan ao comedor do barco, André Dorrevés adoita xa ter a mesa posta e as pizzas, que desprenden un arume intenso, atraen os máis dos piratas, que fican alí a comer nelas.
    Mais o xefe sempre consegue que varios homes o acompañen até máis aló. Daquela xa se atopan con Laura Paraula, que está á súa espera na súa propia cabina. E alí xa todos quitan as espadas, aínda que a fada pirata quita a súa variña-espada, e comezan a loitar. Porén, a Laura Paraula non gusta de luxar de sangue o chan do seu barco, de xeito que fai xirar a súa variña no ar e os piratas mal encarados comezan a danzar un precioso valse, con ritmo de hipopótamos, iso si, mais sempre un valse, onde as espadas lles serven para que aquilo se asemelle un chisco a un salón de Viena.
    A fada pirata tenos a bailar até caeren ao chan mortos de canseira. A seguir recolle o xefe cos seus secuaces, despois os que se encheron a comer minipizzas e, finalmente, os que caeran para o mar, e devolve todos eles para o barco. E mentres se afastan, a Rita Sarita acostuma berrarlles: «Volvede logo!», mais infelizmente cada vez fican menos barcos piratas con que pasalo ben.
    E como todo nesta vida, tamén un día a fada pirata namorouse. Non foi precisamente do bo do André Dorrevés –xa lle tería prestado–, mais dun astronauta que amarou preto do seu baixel da que tornaba de Marte. A Laura Paraula pensou que xa coñecía todos os mares da Terra e que xa eran horas de coñecer os exteriores do planeta… E daquel amor naceu unha filla, a Carla di Parla, que aínda non sabe se será pirata astronauta ou fada astronauta, mais iso é algo que o tempo xa o dirá.

© Xavier Frías Conde, 2011



Sem comentários: