Ludmila non facía máis que ollar para a paisana que estaba diante dela. Era unha ministra que estaba alí para largar un discursiño baleiro durante o acto de presentación dunha nova biblioteca.
Ludmila pensaba que á paisana aquel acto non lle importaba gran cousa, mais que estaba alí para se facer a foto e saír nos papeis. Quedaba ben inaugurar unha biblioteca que nin sequera financiara ela.
Como Ludmila era miudiña, non podía erguer a man e facer unha pergunta á política, porque aquilo estaba cheo de xornalistas que quitaban fotos e lanzaban perguntas sen parar. Ludmila quería perguntar a aquela boa señora o que pensaba ela das bibliotecas, mais que o dixese de verdade.
Ludmila aproveitou precisamente o ser pequenalla para escoar por entre as pernas dos periodistas sen ser vista (algún pensou que, se cadra, algún gato lle roldaba polos pés).
E así, Ludmila chegou até onde estaba a ministra e pisoulle con todas as suas forzas na deda gorda.
A política largou un gruñido e un cagamento que sentiu toda a sala. Todos calaron como mortos. Ludmila agarrou daquela el micro e dixo:
— Grata, ministra, por dicir realmente o que pensa das bibliotecas.
E marchou de alí por entre os pés dos periodistas sen que ninguén a notase. Bon, algún notou algo así como un gatiño que liscaba.
© Xavier Frías Conde, 2011
Sem comentários:
Enviar um comentário