domingo, abril 17, 2011

Pintando sorrisos pola rúa [+8 anos].- XFC

     Aquel día, Ludmila ergueuse moi animada. Tiña gana de saír para a rúa e ver canto sorría a xente.
   Mais o que de verdade atopou non foron precisamente sorrisos. 
    A xente andaba toda murcha, cos beizos caídos. Até o día non acompañaba, porque estaba cincento demais.
    Así non había xeito de se animar.
   Por iso, agarrou un marcador que conservaba de cando estudaba na escola. Era máxico, mais iso non sabía ninguén salvo ela. Alguén, talvez fora a súa avoa, dixéralle que o sorriso é contaxioso.
    Por iso, foi pintando sorrisos en todas as fotos que vía pola rúa, de cartaces publicitarios ou de fotos nos xornais. Pintaba sorrisos como unha louca, mais mesmo así era moito traballo para ela soa.
    E entón tivo unha idea. Volveu para a casa, ligou o televisor e comezou a pintar sorrisos a todos os que saían na pantalla.
    Funcionou. Ao final do día, o sol xa brillaba antes de se pór e a xente sorría. Até os políticos máis serios sorrían como nenos, sen saberen por que. Tanto tiña a razón.
    Mais daquela, Ludmila comprobou que o seu marcador quedara sen tinta. Tería que comprarlle unha nova carga.
     Con todo, sabe alguén onde é que se mercan cargas de marcadores pintasorrisos?

© Xavier Frías Conde

Sem comentários: