Por iso, ninguén quería frecuentar as audiencias do rei, porque lles metía medo aquela boca.
E a seguir, tiñan uns pesadelos terríbeis, como que eran anaquiños de pastel ou de guinda na boca do rei, percorrendo aquela boca sen pausa.
O rei tamén notaba aquel rexeitamento dos seus súbditos, mais non podía nin remotamente imaxinar por que non querían ficar ao seu lado.
E como era o rei, ninguén ousaba dicirllo, non fose que, apesar de ser tan bo, se anoxase todo e mandase cortar algunha cabeza.
Daquela, a filla do rei, a princesa herdeira, tivo unha idea brillante para axudar o pai, porque ela tamén coñecía o problema.
Reuniu o primeiro ministro e os demais membros da corte e púxolles as súas revistas de moda na mesa.
Despois dixo:
— Señores, a solución para axudar o meu pai é a moda.
— A moda? —preguntaron todos ao tempo, agás o ministro da guerra que, daquela, andaba a pensar no modo de matar unha mosca dun canonazo.
E a princesa, con ares misteriosos, explicoulles o seu plano.
Así, tres días máis tarde, apareceu pola corte unha estraña personaxe. Vestía roupaxes largos, levaba postos lentes de sol con forma de ollos de mosca e na cabeza tiña unha perruca roxa que cheiraba a arandos.
— Maxestade —díxolle ao rei, aínda que non lle vía ben a boca por causa dos lentes de sol—, sonlle Bernard Metraillette e veño a traer a moda ao voso reino.
Antes de o rei ser quen de dicir unha palabra, a princesa comezar a chiar coma unha louca chea de entusiasmo mentres o primeiro ministro aplaudía coma un tolo.
O rei, perante aquelas mostras de interese, creu que o da moda había ser algo bo para o reino, porque naquela xeira aínda non inventaran aínda a internet e aquelas terras caían a contramán de todo.
— Está ben, señor Metraillette, e que moda nos trae?
O rei pensaba que as modas se vendían coma os zapatos ou o queixo, que alguén se achegaba ao palacio e se lle pagaba por iso. Mais non era así.
— Traio a última moda de París: o mostacho-cortina.
— O mostacho-cortina? —preguntou o rei abraiado.
O mostacho-cortina non era máis ca un invento da princesa para salvar o seu pai. Tratábase dun mostacho postizo que cubría a boca. Dese xeito, a boca ficaba cuberta, mais, á hora de xantar, tirábase dun cordonciño e a cortina do mostacho corría cara aos lados, liberando así a boca e permitindo comer.
Aquel plano da princesa, onde o modista non era máis ca un actor contratado, salvou o reino de ter pesadelos cos dentes do rei.
Foi así que o rei volveu a ter moito público en todas as audiencias, mais aquilo tamén causou unha desvantaxe.
Ao rei prestoulle tanto aquel invento que obrigou todos os maiores de dezaoito anos do seu reino a levaren mostachos-cortina, tanto os homes coma as mulleres.
E así foi até viren cunha idea mellor...
© Frantz Ferentz, 2011
Sem comentários:
Enviar um comentário