domingo, agosto 28, 2011

A bruxa cegata [+6 anos].- Frantz Ferentz



Ataulfo Xosé atopou por acaso os lentes da avola no chao da mesa.
Eran redondiños e os vidros parecían bancos de néboa.
Non foi quen de evitar a tentación de pólos...
Que horror, non se vía nada.
Ou si, parecía que voaba entre patas de dragón por unha autoestrada para eles.
Tremendo.



Ataulfo Xosé decatouse do que realmente acontecía.
Os lentes da avoa estaban dexobados, moito dexobados.
O certo é que non foran limpados desde había séculos.
Como ía poder ver calquera cousa así a avoíña?
Así, un xeranio podería parecer un monstro de cinco cabezas…
Coitada...



Ataulfo Xosé foi procurar cualquer líquido ao baño.
Atopou alí un que usaba o pai para limpar a memoria.
Talvez aquel fose bo.
Empezou a esfregar nos lentes con aquel líquido limpa-memoria.
Óptimo!
Un bocadiño despois, os lentes xa estaban limpos de todo.



Condo a avoa se ergueu, foi procurar os seus lentes axiña.
Ela, na realidade, nin se decatou de que o seu neto llos limpara.
A avoa retirou os seus cabelos do rostro.
Era unha chea de cabelos tan grande que podían cubrir un par de osos de inverno á falta de peliza.
Atou os cabelos cunha corda por detrás.
Cando o seu rostro quedou á vista, puxo os lentes.
Bárbaro.
Con todo, a avoa nin notou a diferenza.
Era ben distraída.


A avoa puxo tamén o mandil de facer as pocións máxicas.
Entrou na cociña e procurou entre os ingredientes.
Normal, todo normal.
O día anterior fixera unha poción para facer medrar verrugas.
As verrugas, cando xa madurecían, caían e podían usarse como ervellos para botar no arroz.
Hoxe tocaba facer unha poción que transformase un pardal nun rinoceronte… polo menos.




E así o fixo.
Agarrou dun pote por aquí, doutro por aló…
Meteu escamas de lagarta momificada.
Botou unllas de cobra namorada.
E remexeu todo con lágrimas de hipotenusa.
Que boa cor estaba a ter aquilo!




Daquela entrou a filla na cociña.
A filla, como a mai –xa vos decatastes, non?– tamén era bruxa.
– Mamá, xa está feita a poción?
– Está. Lévaa para a xunta das bruxas e xa me dis o que pasa.
A filla, que era a mai de Ataulfo Xosé e se chamaba Eva, colleu a poción nun frasquiño, montou no vasoiro e saíu pola xanela voando.



Na xunta de bruxas todos estaban á espera da nova poción.
Tiñan alí un voluntario que quería catar aquela beberaxe…
Só de pensalo a un pónselle pel de pita…
As bruxas ruíns e os bruxos ruíns déronllo ao voluntario, un xogador de rugbi pequenallo que quería medrar moito.
Precisaba tornarse tres veces máis grande do que xa era.



O xogador de rugbi bebeu.
Veulle o impo.
Unha, dúas, tres, catro veces…
Logo fixo «xoooooooooooof»
Apareceu unha nube onde estaba.
Despois nada.
Ou mellor dito, si, algo.
No seu lugar non había un xogador de rugbi pequenallo.
No seu lugar había uha ra vestida de xogador de rugbi.



Eva quedou espantada.
Tamén o resto dos bruxos e bruxas da xunta
Como era posible?
Agarrou na súa vasoira, montou nela e saíu a toda a velocidade pola xanela.
Por sorte, polos ares non había gardas dispostos a poren multas de tránsito aéreo.
Tiña que averiguar o que acontecera coa poción da mai.



Cando Eva chega á casa, atopa outro desastre.
Seu fillo está transformado en leituga.
– Mamá –explica o neno–, eu nada mais lle pedín á avoa que me dese algo para a parva e ela deume non sei que…
– Deille caspa de profesor de astroloxía con bocexos de alumno galbanoso, como sempre –explicou a avoa…
A avoa nunca na vida fallara coas súas pocións.
Mais daquela, algo fallara.
Mais o que?



Daquela, Eva quedou a fitar para os ollos da súa mai.
Víanse muito grandes, mais víanse perfectamente.
Normalmente, tras os lentes, os ollos da avoa non se vían gota.
Había un mar de nubes tras eles.
Con todo, daquela non era así.
E de sotaque comprendeu todo:
– Ataulfo Xosé –perguntoulle o seu fillo leituga–, fixeches tu algo cos lentes da avoa?
E Ataulfo Xosé explicou o que fixera coa mellor das intencións…




– Xa entendo –dixo Eva–, o que pasa é que a avoa fai as cousas ben cando non ve ben.
Soaba ben estraño aquilo.
Mais era así.
Eva colleu a súa vasoira, quitou os lentes á mai e emporcoullos até deixalos feitos unha porqueira.
A avoa puxo os lentes outra vez.
– Arre demo, pois é verdade, agora vexo muito ben –exclamou a avoa, aínda que na realidade, a avoa deixara de ver ben.
E desde aquela, volveu a preparar as súas pocións fantásticas, porque nunca acertaba cos verdadeiros ingredientes.
E é que para ela, era unha sorte ser tan cegata.


© Frantz Ferentz, 2011

2 comentários:

Belén Rico Prieto disse...

Mui guapo, peró penso que se pode ler hasta en infantil sin problemas. A imaxen d'unha "autoestrada" pa dragóis é fantástica.
Belén Rico Prieto

Xafrico disse...

Alégrame muito que che prestase. Se usas el contín cos nenos na escola, faimo saber.

Apertas

Xavier