sábado, setembro 10, 2011

A fronteira [+12 anos].- Frantz Ferentz



Imaxinade que unha perdiz vai camiñando polo monte cos seus poliños, protexida polas herbas altas do verán, xa amarelas.
Imaxinade que camiñan de présa, que por veces a mamá perdiz evita algunha pasaxe porque sospeita que posa haber calquera fera á espreita.
Imaxinade que, despois de moitas horas, a perdiz e os seus poliños chegan até unha estrutura que forma unha rede, mais que está feita de metal e non permite pasar.
Imaxinade a frustración da nai. Ela, se cadra, podería pasar por riba desa rede de metal voando, mas o que ía facer cos fillos? Eles aínda non saben voar. Imaxinade que tristeza...
Imaxinade o que imaxina a nai: aquilo é cousa dos homes. E ten razón: o que hai alí perante os seus ollos é iso que os humanos chaman unha fronteira.



       



A nai perdiz tiña pasado por alí, na dirección contraria, só tres días antes, tamén cos seus poliños. Daquela, alí non había aquela rede metálica, había cobras, raposos e lagartos que espreitaban para capturar calquera fillo dela, mais iso sempre había alí, eran habitantes do monte, coma ela.
Mais redes metálicas... Iso era novo.
Os seus pensamentos víronse interrompidos por uns pasos velocísimos. A nai perdiz estricou o pescozo na dirección da que procedían. Tratábase dunha lebre que fuxía a toda a velocidade que lle permitían as súas patas.
A perdiz foi testemuña de como a lebre se batía contra a rede de metal e saía rebotada. Axiña sentiu tamén os ladridos dos cans de caza que ían tras ela. Temeu polos seus fillos. Chamou por eles e obrigounos a correr a toda a velocidade que lles permitían as súas curtas patiñas na dirección contraria, mais sempre paralelos á rede metálica.
Os cans pasaron preto, mais estaban concentrados na persecución da lebre. Máis tarde, as voces dos humanos tamén se deixaron sentir. Aqueles tipos non respectaban nin sequera a época de veda da caza. 
Humanos que non respectaban leis humanas. Que pouco orixinais.



       



Se pensades que a rede metálica que case dun día para outro foi alzada alí no medio do monte incomodou non só a perdiz coa súa familia, senón tamén ao resto de animais que por alí pululaban, non vos enganades, pois, na verdade, ducias e ducias de animais atoparon aquela barreira que lles impedía o paso.
Foi así que unha raposa que, xa pola noite, ía seguindo o rastro dalgún coello, deuse de fociños coa rede. Quedou un anaco a ve-las estrelas, porque levara un bo golpe. Non lembraba ter visto aquela rede metálica alí.
Ouveou. A poucos metros outra raposa respondeulle. Mais a outra raposa estaba do outro lado da rede. Cando os fociños das dúas raposas estiveron xa a se uliscaren, a segunda raposa mostrouse tan sorprendida coma a primeira por mor daquel obstáculo inesperado.
Ambos os animais ficaron un bo anaco a se uliscaren, sen entenderen que pintaba alí aquela rede que os mantiña separados.
A primeira raposa, enfurecida, liscou de alí a toda a velocidade dos seus pés. 


        


No entanto, non só os humanos ficaron sorprendidos coa rede. Un par de cazadores chegaron até a barreira da que ían na procura de calquera becho que camiñase, reptase ou voase para disparar nel. Ían acompañados, certamente, de dous cans que por mor da súa vida ao carón daqueles cazadores pensaban dalgún xeito coma eles, séndolles totalmente fieis.
En chegando á rede, o primeiro cazador agarrou a rede e comezou a buligar nela con todas as súas forzas, mentres largaba palabróns.
– Ti enténdelo –díxolle ao seu colega–, daquela parte do monte están as mellores pezas.
O outro só asentía encollendo os ombros.
De repente, un disparo xurdido dun rifle a moita distancia caía no chan a poucos centímetros dos pés do segundo cazador.
Era un aviso dun vixiante da fronteira.
Os cazadores, largando palabróns ambos deles, liscaron de alí ás carreiras, seguidos polos seus cans que ladraban para expresar o seu nerviosismo.

       


Poucas horas despois, e tamén pola mesma zona, un vello ía cargado cun cesto de vime.  Só tentaba recoller cogomelos seguindo unha antiga verea que coñecía desde a súa infancia. E foi así que se deu de fociños tamén el coa rede.
O ancián remexeu nela, sen entende-lo que facía alí aquela estrutura metálica que lle impedía pasar para aquela parte do monte onde sempre se movera en liberdade. Xustamente naquel momento un soldado facía garda do outro lado da fronteira. Non tomou o vello coma unha ameaza, mais non baixou a garda por acaso, por iso mantiña a arma preparada.
– Por que puxeron esta rede aquí? –preguntou o vello no seu dialecto, que era perfectamente comprensíbel para o soldado, natural tamén da zona.
– Porque o meu goberno quere que vostedes non entren no noso país sen permiso.
– Porén, nós sempre entramos, nunca houbo aquí un valado. Se até ti poderías ser un meu sobriño–neto.
O soldado encolleu os ombros. El só sabía unha resposta, non se dedicaba a dar explicacións, só a garda-la fronteira. 
O soldado seguiu a súa rolda, ollando aínda de esguello para o vello que seguía alí de pé a se facer tantas e tantas preguntas.


       


Os animais do monte non foron os únicos incapaces de se habituar á rede que lles impedía o paso para o outro lado. 
Evidentemente non ían entender que os humanos se querían pór barreiras que lles complicasen ou impedisen o paso, cousas tan absurdas eles non facían. 
Só as aves e as toupas podían pasar dun lado para o outro. 
Porén, alguén pensou que talvez aquela situación podía te-lo seu lado bo, porque unha parte dos conflitos entre animais e humanos podían ser resolvidos (bo, de feito os animais non tiñan conflitos cos humanos, eran os humanos os que procuraban conflitos cos animais cando ían cazalos).
E aquela noite de lúa chea, ao lado da rede, aconteceu algo que ben poucas veces acontece na natureza, algo do que nunca ningún humano ten nunca sido testemuña: unha asemblea de animais.


       


As asembleas de animais suceden en moi contadas ocasións e, xeralmente, son convocadas perante unha ameaza humana. Daquela, fora unha curuxa a que convocou a asemblea, un animal respectado por todo e tido por sabio.
Perante unha masa de animais de toda caste, con pelo, con plumas, con picos, con fociños, con dentes, sen eles, con poutas, con unllas, carnívoros, herbívoros, que adiaron as súas diferenzas ante a ameaza común, a curuxa dixo:
– Os humanos, como sempre, están a pór barreiras entre eles. Por iso, como os daquel lado da barreira non queren que os deste ocupen aquel espazo deles, pensei que podemos aproveitar esta situación para, polo menos, liberarnos dos cazadores deste lado da rede que nos fan tan difícil a vida.
– E que propós? –preguntou unha lebre á que lle faltaba un anaco de orella debido a unha persecución de cans de caza.
– Propoño abrir un buraco no arame e facer con que os humanos cazadores deste lado pasen para o outro…
E continuou a explica-lo seu plano, que foi escoitado con moita atención pola asemblea de animais.


        

Así as cousas, todos os animais concordaron un plano que permitiría desfacerse dos cazadores.
Na primeira fase, as dúas lebres máis rápidas foron enviadas até os mesmos cazadores co gallo de atraelos até os arames. Entrementres, varias toupas comezarían a escavar un burato inmenso, xigante, por baixo da rede metálica que permitiría o paso dos humanos por baixo dela, só arrastrándose como réptiles.
Se por acaso aquilo non abondase, tamén todos os roedores se concentrarían en facer un burato no arame á forza de roídas.
Na segunda fase, varias raposas deberían causar un estrondo terríbel que atraese a atención dos gardas da fronteira e os conducise até onde estaban os cazadores.
E se todo correse ben, os gardas da fronteira deterían os cazadores, porque, coñecendo a lóxica humana, a invasión do territorio alleo íase pagar coa cadea.
Así, talvez os cazadores entendesen o que é estar nunha gaiola, como facían eles con algunhas aves e mamíferos, que os deixaban alí choídos até morreren, normalmente cheos de mágoa.


        

Os animais, coñecedores dos momentos en que os cazadores aproveitaban para saíren todos xuntos á caza, puxeron a súa operación en movemento.
Era noite de lúa chea, cando o campo fica iluminado. Foi entón cando as dúas lebres se deixaron sentir preto da aldea humana. Os cans ladraron, os humanos apañaron as espingardas e comezou a carreira polo monte en dirección ao burato no valado de arames.
Os ladridos dos cans indicaban a posición de toda a tropa de cazadores, armados até os dentes. E tal como previra o curuxa na asemblea, os cazadores cruzaron a rede de arames e pasaron do outro lado.
As raposas recibiron o sinal das noitébregas de que xa debían chama-la atención dos gardas da fronteira. Abondoulles con envorcar uns caldeiros na cabana onde estaban e facelos saír. 
Non fixo falta máis nada, porque xa os cazadores disparaban como loucos. Os gardas despacháronse para ir detelos e acusalos de invasión armada do seu país.

        

Porén, aquel acto non ía quedar aí.
As autoridades do país dos cazadores pediron inmediatamente a súa liberación, mais foi en van, porque os cazadores foron acusados de invasores.
Aquilo provocou unha guerra entre humanos. Soldados dos dous países comezaron a dispararse, a rede metálica caeu en moitos puntos, mais a vida dos animais foi aínda peor, porque non había xeito de poder vivir entre disparos. Nin as aves estaban a salvo.
No medio dunha pausa durante a noite, volveu celebrarse unha asemblea de animais. Se xa unha asemblea era algo excepcional, unha segunda, despois de tan pouco tempo, era algo do que non se tiña noticia.
Con moito medo e rodeados de cheiro a pólvora, os animais volveron a xuntarse convocados novamente pola curuxa.

        

Normalmente os animais non interfiren nas brutalidades dos humanos, mais si naquela ocasión. A proposta da curuxa foi inutiliza-las armas de todos os soldados, para o cal todos os animais, durante a seguinte noite, terían que facelo, cada un ao seu xeito. Só poderían estragar as espingardas e as pistolas, mais con iso abondaría.
Á outra noite, amparados no escuro e sen faceren o menor ruído, todos os animais espallaron por entre os soldados dos dous exércitos. Participaron todos, absolutamente todos, desde as avespas que picaban as mans dos soldados para que estes non puidesen disparar até os ratos que roían os gatillos das armas, a seguir polas aves que cubriron de caca os depósitos de armas para estes ficaren inservíbeis, aínda que os corvos preferiron simplemente roubar todas as armas que puideron.


       


Ao día seguinte, non houbo combates. Ou os soldados non podían disparar, ou non tiñan con que facelo.
De feito desertaron todos, os dun lado e os do outro, porque aquela guerra non ía con eles. Era absurda, de fronte ás veces tiñan os seus curmáns, cos que tantas veces foran de festa.
O monte ficou baleiro. Os animais triunfaran. Por iso, a rede metálica acabou caendo. Os humanos dun lado e do outro volveron a cruzar aquela fronteira como fixeran sempre, a pé e asubiando. 
E así, un ano despois, a perdiz cos seus novos poliños, puido percorrer a chaira sen interrupcións, fuxindo só da raposa ou da cobra que espreitaban os seus pequenos.
Porén, pensades que acaba aquí esta historia?
Infelizmente non.
Ficaron os cazadores.
Eses seguen aí, sempre, á espreita. Talvez houbera algunha outra asemblea de animais, mais iso é algo que xa non se conta e talvez sexa parte doutra historia.

© Frantz Ferentz, 2011

Sem comentários: