Ludmila era unha persoa hiperracional. Isto quere dicir que pensaba e pensaba, que todo o vivía a pensar, mais que sentía pouco. Súa mai dicíalle:
— Filla, tes que sentir máis. Deixa o teu corazón falar...
— O corazón non fala —dicía ela.
— É verdade que non fala con palabras, mais exprésase.
Mais ela dicía que iso eran parvadas. Porén, a mai foi falar coa avoa, que era persoa sabia, por mor dos seus moitos anos.
— Ludmila non deixa saír os seus sentimientos —explicou a mai—, o único que fai é pensar. Estou ben preocupada.
A avoa pensou niso. E axiña atopou a solución. Chamou pola neta.
— Ludmila, ven a verme.
Ludmila acudiu rápido e, xusto da que ía polo corredor, a avoa púxolle a cambadela e Ludmila saiu voando até que aterrou nun cazabolboretas xigante.
Alí quedou apresada.
Ludmila tentou remexerse como unha louca e, en facéndoo, notou que o corazón lle ía para abaixo e que o cerebro lle ía para arriba. Cando a avoa calculou que o procesu xa estaba completo, agarrou unhas tesoiras e abriu o cazabolboretas. Ludmila baixou de alí toda mareada.
— Madeus, que medo pasei —dixo a rapaza.
— E logo? —preguntou a avoa.
— Non cho sei, era medo, e máis nada —dixo ela.
A avoa sorriu. A neta ía ter unha tempada o corazón onde o cerebro e o cerebro onde o corazón, só para compensar, despois habería que buscar como equilibrar a cousa, mais esa, amigos, xa vos é outra historia.
© Frantz Ferentz, 2012
Sem comentários:
Enviar um comentário