segunda-feira, abril 09, 2012

CANDO MARÍA SOPRA AS CANDEAS



– Feliz aniversario, María. Sopra as candeas...

E María soprou as candeas con todas as súas forzas. E a lapiña que soprou de todas as candeas saíu pola xanela que entón estaba aberta porque ía bo tempo –era abril– e voou polos ares da cidade.
Primeiro pasou por baixo dos ollos dun neno que choraba, mais enxugoulle as bágoas, evaporándollas e facendo un arco da vella que fixo sorrir ao neno.

A lapiña seguiu pola cidade e chegou até unha paisana que, sentada nun banco, buscaba inspiración para un discurso sobre a vida mentres se miraba o embiligo. A lapiña entroulle suavemente polo nariz e fíxolle cóxegas. A paisana espirrou e a lapiña saíu disparada, mais deixoulle dentro un par de ideas para escribir un discurso sobre o valor de mirar para fóra e non para o propio embiligo que xa o temos moi visto.

A lapiña aínda seguiu a voar até chegar à casa dunha anciá que quedara sen mistos e non podía acender o forno para lles facer unha torta aos netos que, xusto nese día, ían visitala porque era, mira que casualidade, o seu aniversario. A lapiña, xa debilitada, meteuse no forno e acendeuno. A velliña puido usar o forno e facer a torta.

Xa a lapiña estaba case exhausta, mais aínda puido volver á casa de María e entrar pola xanela, mentres a María preguntábanlle:

– Pediches un desexo?

– Pedín.

– E cal foi?

– Só desexei que desexar sirva para algo... Mais teño para min que non vale para nada...

Mais enganábase... e moito. Xusto nese momento, a lapiña pousou nunha das candeas da torta e acendeuna. María mirouna asombrada e quedou toda pensativa. Quizais a lapiña...


©Texto:  Frantz Ferentz
© Ilustración: Enrique Carballeira



Sem comentários: