segunda-feira, junho 25, 2012

A AVOA INSIVIBLE [+10 anos]


— Mamá, eu quero ter un avó.
— Cariño, infelizmente todos os teus avós morreron hai tempo e iso non ten solución.
— Mais eu quero un avó, ou unha avoa!
Esa conversación repetíase todas as semanas entre Camila e súa nai, a señora Apis. E seguramente a cousa tería continuado igual até Camila alcanzar a adolescencia, que é cando a xente muda de intereses e se dedica a facer outras cousas.
Mais a cousa non foi así. A cousa foi... diferente. É complicado de explicar. Vexamos, a partir dun certo día, Camila parou de dicir que quería ter un avó ou unha avoa, senón que comezou a falar da súa avoa María, como se fose real. Dicía cousas como:
— Di a avoa María que para as espinacas saber mellor, hai que as facer con bechamel. Mamá, fasme as espinacas con bechamel?
— Di a avoa que para evitar que me piquen os mosquitos nos brazos, que poña vinagre.
— Di a avoa que me vai aprender a facer torta de mazá e papas de arroz...
Era tanto o que falaba Camila da súa avoa María que os país decidiron levala ao psicólogo da escola. A psicóloga, unha señora moi espelida que sabía moito do que dicían os libros sobre a mente dos rapaces, fíxolle unha chea de preguntas, fíxolle mirar unhas nódoas estrañísimas sobre o papel e preguntoulle se vía algo nelas, como morcegos, mais á María parecíanlle cagadas de mosca.
A psicóloga, despois de mergullar en ducias de libros moi sabios, chegou á conclusión de que a nena inventara unha avoa. Si, unha avoa invisible. Da mesma maneira que outros nenos inventan amigos invisibles, a Camila inventara unha avoa invisible que era o que máis desexaba ter. E a seguir deu uns bos consellos á señora Apis:
— Teña paciencia. A nena inventou a avoa invisible porque non ten avoa real. Na casa non han dicirlle nada, fáganse os parvos, díganlle que si, sen incomodala. Verán como co paso do tempo, a nena esquece a avoa en cuestión.
— Ten certeza diso? — preguntou a nai algo preocupada.
— E logo, para que cre que fixen eu tantos estudos? A mente humana non ten segredos para min, e menos aínda a mente infantil — retrucou a psicóloga espelida mentres acompañaba a señora Apis até a porta. Ademais, preparou un relatorio completísimo, de noventa e sete páxinas con gráficos a cores, para a mestra da Camila, a Manuela, co gallo que soubese tratar aqueles síntomas.
Mais a Manuela, cando recibiu aquel relatorio gordísimo, nin o folleou. Tiña todo o aspecto de ser inaturable, como ler as páxinas amarelas. Ademais, viu que o tamaño daquel tixolo de papel era ideal para pólo embaixo do monitor do seu computador e así telo a unha altura ideal; por tanto, usouno para iso. E aí quedou o relatorio da psicóloga polos séculos dos séculos.


*          *          *


Entrementres, a Camila seguía a falar todo o día da súa avoa, das cousas que aprendía dela, das historias preciosas que lle contaba. Era unha marabilla. A nena estaba máis contenta ca nunca. A nai gustaba de vela así de satisfeita, mais non paraba de preguntarse se aquilo sería bo. Non acabaría tola e choída nun manicomio? Até cos tíos e co resto da familia falaba da avoa María como se acabase de estar con eles.
A señora Apis volveu falar coa psicóloga espelida para lle manifestar a súa inquedanza, non fose que ela, por acaso, se tivese enganado lixeiramente.
– Non, miña señora –respondeulle ela indignada, porque nunca non se enganaba, faltaría máis–. O que acontece é que súa filla ten un síndrome de ausencia de figura ávica endogámica severa. Non é doado de detectar, porque é aínda moi pequena e esta doenza tende a se manifestar cando os nenos xa teñen contra doce anos e súa filla aínda ten dez...
– Pode ser, mais ela é moi precoz –quixo insistir a nai.
– Non me retruque, aquí a experta sonlle eu –rematou a psicóloga alporizada, de xeito que a mamá da Camila houbo marchar por onde viña sen ter resolvido nada.
E así, a señora Apis, moi desesperada, foi falar coa mestra da nena, a Manuela.
– Pois como lle digo –explicaba a nai da Camila–, estou moi preocupado polas fantasías da miña filla, que como xa debe saber, inventou unha avoa como quen inventa un amigo invisible. E fíxese que até di que lle aprendeu a facer torta de cereixa e a tecer xerseis de la... Non sei de onde quitaría todo iso, sinceramente. De min non, porque eu nin sei facer torta de cereixa nin tecer.
A mestra fitaba para ela. Cando rematou de falar, preguntoulle:
– E tenlle preguntado a ela?
– Á nena? Non, para que, ela vai dicir que todo llo conta a súa avoa.
– Non, eu quería dicir que se lle ten preguntado como coñeceu a avoa.
– Claro que non, é absurdo –explicou a señora Apis–, a nena pasa todo o día na casa, non podería ter coñecido na rúa. Ademais, xa a temos ben avisada de que non siga estraños pola rúa.
– Entendo. Con todo, fale con ela e levará unha sorpresa, é o único que lle podo dicir.
As palabras da mestra soaron misteriosas, enormemente misteriosas.
O que quería dicir a mestra? Por acaso, a señora Apis decidiu que ía espiar a súa filla, aínda que soase estraño.


*          *          *


Comezou por seguila até a escola. A mamá non era moi boa espía, tropezaba con toda a xente porque só ollaba para a filla, armando sempre boas escandaleiras, mais por sorte para ela, a Camila nunca non se decataba da presenza da súa nai.
Porén, todo parecía en orde, a nena non se vía con avoa ningunha. Daquela, onde a podía ver, se é que vía alguén? E entón unha luz veulle á cabeza: o computador. A nena pasaba horas e horas diante do computador soa, sen control.
Que erro. Nin a nai nin o pai se ocupaban da nena cando estaba diante do computador. E se por acaso algún pervertido se fixera pasar unha amable anciá que finxía querer ser avoa?
A señora Apis ía verificar iso inmediatamente, aquela mesma tarde, sen demora, cando a nena, despois de facer as tarefas da escola, acudise a sentar diante do computador e comezase a navegar pola rede...
Camiñando sobre a punta das dedas, procurando non facer ruído ningún, achegouse ao cuarto da nena, abriu a porta con moito coidado. E desde o limiar, ollando a través da fenda que deixaba a porta ao ser aberta, espreitou...
Mais de súpeto a voz de Camila dixo sen a nena se ter virado:
– Pasa, mamá, que che vou presentar a avoa.
A mamá quedou conxelada. Como era posible? Porén, axiña se decatou de que Camila falaba con alguén a través do computador, alguén con verdadeira voz de avoa, bo, de persoa maior. Achegouse até a súa filla e quedou a mirar por riba do ombreiro da nena.
Efectivamente, alí estaba unha simpática anciá con lentes redondos nun cuarto cuberto de cadros que falaba con Camila. A anciá axiña viu a señora Apis e cun enorme sorriso saudouna a través do computador:
– Boa tarde, señora Apis. Como ve, son unha avoa real...

*          *          *

Seguramente estades a vos preguntar como é posible que Camila tivese unha avoa así. Pois é ben sinxelo. A Camila dixéralle a súa mestra que coñecía unha simpática avoa internauta –ela tamén era internauta– que vivía nunha residencia de anciáns e estaba soa, porque nin os seus fillos, nin os seus netos ían vela nunca.
Camila contactou con ela polo chat e entrambas comezaron unha relación real de avoa e neta. A avoa aprendíalle ducias e ducias de cousas, dáballe receitas, explicáballe como tecer, etc, e pola súa banda, Camila contáballe todo o que lle pasaba, porque era a única persoa que a escoitaba de verdade. Como as novas avoa e neta vivían a máis de mil quilómetros de distancia, só podían relacionarse por medio do computador, pola internet, mais a ninguén lle escapou que aquelas dúas eran realmente avoa e filla, e así seguiría a ser por moito tempo...
Até que un día a avoa Liliana se presentou cunha bolsa de viaxe na casa de Camila, de repente, sen avisar... Mais esa, meus amigos, évos xa outra historia.


© Frantz Ferentz, 2012

2 comentários:

Reis Quarteu disse...

Uma bela história, bem provável que aconteça nos dias de hoje! :-)

Frantz Ferentz (Xavier Frías Conde) disse...

Pois é, infelizmente.