quarta-feira, novembro 07, 2012

ALICE E O ENDOCRINO DO BIGOTE MOI FINO [+8 anos]


Cada vez que Alice ten que ir ao endocrino, ten medo.

Tenlle medo porque é un tipo moi serio que cando di: "Só perdiches cen gramos nunha semana, isto non vai", parece que na realidade lle está a dicir: "Perdiches cen gramos nunha semana, vas sufrir coma nunca, miúda, prepárate a ser deportada a un campo de concentración e enmagrecemento".

E claro, como o endocrino, un señor moi serio con bigote moi fino e rostro que nunca debuxou un sorriso, cobra un diñeirame polo tratamento, os pais de Alice por riba largan broncas á nena.

Que culpa ten ela de só ter perdido cen gramos?

Ela non é unha bóla de baloncesto, só está algo gordiña, mais iso non é tan ruín, non si?

Porén, os pais da nena non o ven así.

Opinan que a nena non pode parecer un planeta.

Esaxerados...

Mais as cousas van mudar de todo un día en que, paseando pola rúa, aparece un dragón.

Que que facía un dragón no medio da rúa un sábado ás tres da tarde?

Nin idea, mais a cousa é que estaba alí.

Non era un dragón deses que queiman todo, non; talvez sabía aburar co seu alento, mais, en calquera caso, aquel era un dragón famento, porque da que avanzaba pola rúa, engulía a xente que atopaba. 

Por riba, gustaba de comer humanos, non comía árbores, cans ou cogomelos, non, comía humanos...

Por sorte para a xente, non os mascaba, simplemente engulíaos, como se fosen lambetadas.

E Alice non se librou.

Cando quiso reaxir, atopouse na boca daquela besta (e miña nai, non lle tería aprendido a súa nai a lavar os dentes despois de cada comida, aínda que se non paraba de comer todo o día, non sabería cando tocaba lavar os dentes...) e caendo cara á gorxa do monstro...

Mais non pasou.

Quedou encaixada na gorxa.

Como unha rolla.

O dragón detívose.

Notou que algo non ía cando sentiu que non era capaz de engulir e que os humanos se lle acumulaban na boca.

Alice, alí encaixada, observou que outra das vítimas do apetito do dragón era, precisamente, o seu endocrino. 

O coitado del, por mor da moitedume que alí había, quedara ao pé dun dos grandes dentes do dragón e raspara na testa co dente afiado. 

Quedáralle unha fea ferida en forma de W...

Mais como a entrada ao estómago do dragón estaba turpida por Alice, xa ninguén podía caer.

O dragón comezou a chorar, mais ninguén o consolou, por acaso...

Porén, a xente comezou a saír da boca e fuxir.

E Alice, aínda alí encaixada, viu como todos marchaban...

Que sería dela?

E entón acordou.

Toda fora un soño, máis ben un pesadelo.

Mais o pesadelo aínda non rematara.

Non, porque esa mesma mañá, despois da ducha, do almorzo e dunha viaxe en bus, tería que ir ver o endocrino do bigote moi fino.

Que terror.

Mais cando entran na consulta, a cousa non é tan horríbel como outras veces.

O endocrino non di as cousas tan feas de costume.

Porén, Alice nota que o endocrino leva un chapeu todo o tempo.

Que estraño...

— Ben, Alice, esta semana non perdiches nada, mais non importa... —di nun ton suave, aínda que non sorrí.

O bigote del remexe un chisco, que é o máis parecido a un sorriso.

Os pais da nena alporizan:

— Doutor, como que non importa que a nena non perdese cen gramos esta semana?

O endocrino encolle os ombreiros e non di nada.

Que estraño.

Entón entra a enfermeira.

E da que tiña a porta aberta, hai unha corrente de ar, que fai voar o chapeu do doutor.

E entón Alice ve a testa do endocrino do bigote moi fino.

Ten unha cicatriz.

En forma de W.

Na testa.

Daquela comprende todo.

Alice pregunta:

— E logo, xa non estou gorda?

— Só un chisquiño redonda, nada grave. Ti tenta ser feliz como es.

E sen dicir máis nada, Alice chántalle un bico na meixela ao endocrino do bigote moi fino e sae da consulta, mentres os seus pais a contemplan abraiados sen comprenderen nada de nada.

Frantz Ferentz, 2012

Sem comentários: