quinta-feira, novembro 08, 2012

O MONSTRO DA CRISE. A CRISE EXPLICADA AOS NENOS POR UNHA AVOA PENSIONISTA [+12 anos]


— Avoa, que é iso da crise de que tanto falan papá e mamá? —preguntou Henrique á súa avoa Margarida, que sempre o ía levar e recoller á escola.

— É complicado... Se cadra non tes aínda idade para o entender.

Henrique rañou a cabeza e lembrou o que o seu pai se queixaba da crise, que lle aumentaba o prezo do gasolina para ir traballar, ou como a mamá se lamentaba de que co soldo que gañaba vivían cada vez peor.

En todas as partes, sentía que a crise estaba a destruír todo, por iso Henrique chegou a pensar que a crise era un monstro invisible que entraba nas casas da xente e comía a roupa, a comida e até bebía a gasolina dos autos.


— Entón a crise é un monstro? —preguntou Henrique a avoa, mentres esta tecía un xersei de la no banco do parque.

A avoa parou un momento e fitou o neto.

— De verdade queres saber o que é a crise?

Henrique moveu a cabeza de abaixo para arriba.

— Está ben, mais despois non me chores, eh?

Henrique pensou que a avoa ía entregalo ao monstro invisible para que o devorase e por iso se asustou, mais o que avoa fixo foi meter a man no moedeiro e quitar unha moeda de dous euros.

— Canto tempo hai que non comes lambetadas? —preguntou a avoa.

— Moito...

— Cando os teus pais che daban dous euros, ti mercabas lambetadas, non si?

— Mercaba. Con dous euros tiña para 40 lambetadas!

— Vai comprar agora.

Henrique obedeceu. Volveu cabo duns minutos coa cabeza baixa.

— E logo? —preguntou a avoa—. Cantas lambetadas che deron por dous euros?

— Só vinte cinco —dixo o neno en ton moi triste.

— Daquela, xa entendiches o que é a crise?

Henrique moveu a cabeza afirmativamente, mais non era o que a avoa pensaba, senón que o neno confirmou que a crise era un monstro invisible, mais aínda máis cruel do que el pensara, porque non só lles comía as cousas aos adultos, tamén lles comía as lambetadas aos nenos.

Texto: Frantz Ferentz, 2012
Ilustración: Enrique Carballeira

Sem comentários: