sábado, novembro 24, 2012

O MONSTRO DO ARMARIO E O ATAQUE DE RAMIRA, A NENA MÁIS MÍOPE [+10 anos]



Artimulo era un monstro do armario do máis feroz. Espantaba só con abrir a boca e deixarse ver. Non había ser humano que resistise a súa presenza. Tanto era así, que se tornara lexendaria a súa feúra.

Mais a súa carreira brillante atopou un obstáculo importante. Foi o maior desafío que tivo en todos os séculos que se dedicou a espantar. Aquilo aconteceu cando coñeceu a Ramira, unha nena moi curta de vista que usaba lentes, mais que era como se mirase a través dun papel, porque vía o mesmo, a coitada.

A primeira noite que Artimulo se chantou diante da nena para espantala, ela estaba sentada na cama a tentar ler un libro que ela pensaba que trataba de fadas, mais de feito estaba a ler un manual de Dereito Internacional do Século XVII, mais o mellor de todo é que a meniña ás veces ría co que alí dicía.

O monstro non chegou a abrir a boca. Só estendeu os seus inmensos brazos para dar a aparencia de que o seu tamaño era o duplo do que era (realmente os monstros dos armarios non son moi grandes, teñen que caber nos armarios). A nena viuno e fitou para el. Sorriu. Que bonito, pensou a Ramira, teño un amigo...

O monstro non entendía aquel sorriso, mais algo lle fixo agoirar que aquilo non era nada bo. E non se enganou, axiña puido comprobar que o que se escondía tras aquel sorriso era un ataque, algo contra o que ningún monstro doméstico estaba preparado, algo contra o que nin a besta máis brutal tiña armas, aínda que non soubese como se chamase o que alí estaba a piques de acontecer...

Ramira saltou da cama, porque estaba a contemplar o monstro desde ela, foi para a gabeta dos seus trebellos de beleza e comezou a quitar todo o que alí había. Despois, levou todo entre os brazos e pousou todo o seu cargamento (armamento, podería dicirse tamén) enriba da cama. Entrementres, o monstro permanecía inmóbil, atento aos movementos da nena. De repente, sen mediar palabra, Ramira lanzouse sobre o monstro e comezou a facerlle unha especie de permanente sobre o seu pelame brutal. Púxolle bigudís por todo o corpo. Para a Ramira era xenial, porque como todo o corpo estaba cheo de sedas, podía facerlle a permanente ao monstro por todo o corpo.

O Artimulo non podía moverse. Estaba totalmente paralizado por aquel ataque que, nin no peor dos seus pesadelos, podería ter esperado. Porén, aquilo só comezara, porque a segunda fase foi peor. A nena colleu as lacas e comezou a pasalas polo corpo del. Os rizos quedaron como petrificados. Até perdeu a mobilidade o monstro. E a seguir, a nena decidiu que era hora de tinxir. Porén, debido á súa escasa agudeza visual, confundiu a pintura co tinte. Por iso, pintou, pintou con pintura de auto o pelame do monstro polas costas e pola cabeza, até pólo dunha cor amarela fosforita moi chamanteira. De feito o monstro non precisaría máis un chaleco de automobilista, porque se lle vía a quilómetros de distancia.

A nena estaba feliz. Que obra de arte. Que lindo aquel peluche xigante que lle agasallaran. Quen sería, a avoa? Coitada, sempre esquecía a data do seu día de anos e, por iso, facíalle prendas en calquera momento. Era tan boíña a avoa. Porén, aquel peluche xigante era o máis bonito agasallo que lle fixeran nunca, pensaba a Ramira.

O Artimulo, entrementres, continuaba inmóbil. Primeiro quedara paralizado pola sorpresa, mais despois pola laca. Tiña que fuxir de alí, mais non podía nin mover unha deda. Estaba a piques de amañecer e iso é tremendo para un monstro do armario. De feito, os máis dos monstros domésticos evitan a luz do día, mais algunhas especies, como os monstros do armario, teñen fotofobia, isto é, medo da luz.

E amañeceu. Mais non cantou galo ningún porque esta escena aconteceu nunha cidade e nas cidades non acostuma haber galos, como máximo espertadores, mais non soan igual de ben. A mamá da Ramira, que por sorte para ela vía ben, aínda que ouvía mal, entrou no cuarto para espertar a filla para ir á escola. O primeiro que atopou foi aquel caos de trebellos de beleza espallado polo chan. Despois atopou o monstro inmóbil en pé, xunto da cama. Ela pensou, como a filla, que se trataba dun peluche xigante. Non tiña idea de quen llo puidera agasallar, pensou na veciña do sexto, que lle tiña moito aprezo á nena e cuxo marido era fabricante de peluches de todas as clases. 

Porén, aquel era feo de máis, até case que daría medo senón fose pola permanente e pola pintura fosforescente das costas. A mamá da Ramira turrou del e sacouno do cuarto. Meteuno nun armario encastrado na entrada do apartamento, e quedou alí choído. Despois foi espertar a Ramira, quen lle preguntou axiña á nai:

— Mamá, viches ti o meu peluche xigante?

E a nai, como ouvía máis ben pouco, entendeu:

— Mamá, pediches ti unha pizza xigante?

Que barbaridade, unha pizza xigante para o almorzo, que é a refección máis importante do día. Esta nena era boba.

— Non, filla —respondeu a nai—, que te vas intoxicar...

Intoxicar? Seica o peluche xigante era tóxico? A nena espantouse. Habería que lle dicir á avoa que, co próximo agasallo que lle fixese, tería que mostrar un certificado de que o produto non estaba intoxicado. Mais talvez a nai se refería á laca... Si, seguramente era iso, que era un produto tóxico.

Entrementres, o Artimulo seguía choído no armario. Dunha banda estaba máis tranquilo, porque ao menos alí estaba no escuro e lonxe daquela nena. O que sería capaz de lle facer logo? Aquela nena era un perigo, en toda a súa carreira de monstro nunca sufrira un ataque como aquel. Pensaba que até mesmo estaba pronto a pedir axuda a outros monstros, aínda que despois eles risen del até escacharen, mais era preferíbel pasar pola humillación de os outros saberen que fora derrotado por unha nena curta de vista e que, por tanto, era imposíbel de asustar polos medios convencionais, que seguir nas mans dela. Polo de agora, estaba a salvo. Era cuestión de que aquela maldita laca rompese... Xa podía comezar a mover as poutas da pata dereita. Tería que agardar pacientemente que chegase a noite.

E a noite chegou. E con ela a Ramira. Volveu ao serán, despois de ter pasado o día na escola, despois no curso de pintura coas orellas e, finalmente, no curso de natación en lama. A nena deixou os zapatos no armario encastrado da entrada e, oh sorpresa, recoñeceu o seu boneco de peluche alí depositado. Turrou del dun brazo e arrastrouno para o seu cuarto. Era doado facelo esvarar polo chan todo encerado da casa. O coitado do Artimulo temeuse o peor. Aquilo non ía rematar ben. Mal conseguira recuperar a mobilidade nas poutas da segunda pata. A aquel ritmo non recobraría a mobilidade completa até dez anos despois...

A nena deixou o monstro no seu cuarto, no escuro e foi cear. Cando volveu, traía unha barbeadora do pai na man. 

Horror. Comezou a facer o que nunca ningún monstro peludo doméstico podería nin imaxinar en toda a súa vida. A nena comezou a depilalo. Si, porque ela pensaba que un peluche daquel tamaño non podía seguir con aquelas sedas, aínda que ela mesma lle fixera a permanente na noite anterior, mais nin se lembraba diso, porque tiña unha vida moi movementada. O monstro, entrementres, contemplaba con horror como o seu pelame ía caendo ao chan e formaba un tapete... Até sentiu ganas de chorar, mais os monstros non choran... Alto, quen dixo iso de que os monstros non choran? Está seica escrito nalgún manual de leis monstrís?

— Xa está —anunciou a nena cando rematou o proceso unha hora despois.

Se queredes saber cal era o aspecto do monstro pelado, iso xa é algo que este narrador non pode describir. Por pudor, é mellor que iso quede en segredo. Este narrador só pode comentar que, cando dúas horas máis tarde, a nai entrou no cuarto para abrigar a nena, atopou aquel pelame polo chan. Non entendía de onde saíra, mais como era unha señora moi curiosa, meteu todo nunha bolsa plástica enorme. Tiña intención de botalo ao lixo, mais algún tempo despois decatouse de que aquel pelame era ideal para encher un colchón, bo de feitos varios. Hoxe, na casa da Ramira, toda a familia dorme en colchóns de pelos de monstro do armario, mais eles non o saben.

Mais tornando á nosa historia, o Artimulo comezou a ter unha sensación que nunca antes experimentara, unha sensación totalmente nova para un monstro: comezaba a sentir frío! A friaxe era unha sensación totalmente descoñecida para os monstros, pois todos eles están cubertos por unha grosa capa de pelame que os protexe. De feito, ninguén ten visto un monstro depilado.

E claro, a friaxe provocou que o monstro Artimulo espirriase: "Atchís!"

A nai da Ramira, que sentira aquel espirro, confundiuno coa pesa da ola exprés na cociña. Saíu do cuarto da filla para ver se, por acaso, esquecera a ola no lume. Grazas a iso, non descubriu o monstro inmóbil nun recanto escuro do cuarto da filla.

Mais tamén é certo que, en quitando depilándoo, o monstro foi aos poucos recuperando a mobilidade. Porén, non podía marchar de alí así, sen pelos, non tanto porque algún outro monstro podería escachar de riso ao velo, mais polo frío tremendo que tiña. Así, saíu do cuarto na punta das dedas para non ser ouvido pola nai —o coitado del non se decatara de que xa podía derrubar unha parede que a nai pensaría que se trataba duns pratos a caer na cociña— e foi para o salón. Despois foi para o baño. Alí atopou un albornoz tras da porta que parecía moi cálido. 

Púxoo sen pensalo. Por fin estaba a quecer.Cando xa estivo máis ou menos recuperado, procurou un armario, que é o vehículo de transporte destes monstros (ou por que pensades que lles chaman monstros dos armarios, porque os fabrican?). A porta do armario do baño ranxeu, mais conseguiu meterse dentro, entre unhas caixas de aspirinas e uns frascos de colonia de bebé que, por acaso, estaban mal cerrados e enchouparon a pel do monstro da que xa marchaba, co cal quedou impregnado dun cheiro a cuiño de bebé durante varias semanas.

Poderiamos dicir que aí rematou a historia máis terríbel que o Artimulo viviu na súa vida. E foi así. Mais é certo que, desde aquel día, o Artimulo xa non puido dedicarse ao que se dedican todos os monstros dos armarios. 

Entre outras cousas porque non lle medrou o pelame de novo, contra a crenza de que os pelos volven a medrar. Iso será entre os humanos, mais non entre os monstros. O Artimulo tivo que usar peles sintéticas para se cubrir o corpo. Pasou algún tempo probando pelames artificiais por tendas de toda a cidade. Porén, ningunha o convencía de máis, así que decidiu deseñalas el mesmo. E foi tal o éxito dos seus deseños, non só entre os monstros, senón até no mundo da moda humano, que agora é un deseñador de modas de fama mundial tanto para humanos como para monstros, aínda que nese sentido leva unha dupla vida. Porén, non preguntedes cal é o seu nome humano, porque ese é un dos segredos mellor gardados.

O Artimulo quixo agradecerlle á Ramira que lle mudase a vida. Por iso, unha noite volveu ao cuarto da nena a través do seu armario. Atopouna durmindo placidamente abrazada a un monstro das gabetas, unha especie máis pequena que o monstro dos armarios cuxa especialidade é asustar desde atrás da almofada. Porén, aquel estaba todo tinxido de laranxa, certamente fosforescente, e vestido cun vestido de boneca que o inmobilizaba. Sentiu pena do monstriño, así que o liberou suavemente dos brazos da nena e despois quitoulle o vestido que o aprisionaba. A segir, aquel monstriño esvaeceu por unha gabeta aberta para non volver máis nunca a aquela casa.

O Artimulo colleu daquela un estoxo que levaba no bolso. Quitou un par de lentes del e mudounos polos lentes da Ramira. Comprendera que aquela nena non podería nunca recoñecer a realidade tal como era, porque todos os pares de lentes que lle facían eran un desastre. Por iso, o bo do monstro, como proba de agradecemento, ía agasallarlle aqueles lentes especiais para ela. E unha vez feito o cambio, volveu a meterse no armario e desapareceu para sempre da vida da Ramira.


Á outra mañá, cando a nena abriu os ollos, o primeiro que fixo foi procurar o seu par de lentes na mesiña. Case pon os copos de agua nos ollos, mais descubriu ás apalpadelas onde deixara os seus anteollos. E cando xa puxera os óculos, ergueu a vista cara á parede. E entón viu aquilo. Era horríbel, unha criatura que construía casas na nada, que cuspía un tecido pegañento e que a contemplaba con moitos ollos onde o rostro da nena se reflectía. A Raimunda non puido máis e largou un berro brutal, un berro que até a nai sentiu e acudiu ao cuarto ás carreiras.

— Que tes, filla?

— Mamá, mira aí, na parede, un monstro, un monstro!! —acenaba a nena para un punto negro na parede de fronte.

A nai mirou para alá. O único que viu foi unha pequena araña a pendurar que estaba aínda máis asustada que a propia meniña e que corría para a súa arañeira nun recanto do teito.




Frantz Ferentz, 2012

Sem comentários: