Aquela noite, a porta do armario do Sandro García abriu de repente. O Sandro largou un chío:
– Aaaahhhhhhh! Un monstro dos computadores –berrou.
E a estraña criatura que acaba de saír do armario, certamente coa intención de espantar moito e ben, quedou paralizada.
– Ai, non, meniño. Eu non che son un monstro dos computadores. Son un monstro dos pesadelos. Un respecto, eh?
O Sandro ergueuse da cama, puxo as chinelas e a bata, e comezou a discutir co monstro horrendo que permanecía ao pé da súa cama.
– E logo? Vas ti dicirme como é un monstro informático?
– Vou. Eu son un monstro dos pesadelos clásico.
O Sandro non ía aturar aquilo. Colleu o seu portátil ao lado da mesa de noite, prendeuno e comezou a navegar.
– Aquí, aquí o tes –dixo cabo duns minutos o neno despois de atopar varias imaxes de monstros informáticos co motor de busca.
O monstro ficou todo tristeiro, pois pensara toda a súa vida que era un monstro dos pesadelos e non, era un monstro dos computadores... que pena tan grande sentía, até comezou a chorar.
O Sandro tratou de consolalo:
– Forza, seres un monstro informático é moito mellor, tes acceso a moita máis xente...
Mais o monstro non se daba consolado. Despediuse amabelmente e volveu a entrar no armario para non tornar a espantar.
© Texto: Frantz Ferentz
© Imaxe: Alberto Frías
Sem comentários:
Enviar um comentário