sábado, novembro 02, 2013

A ODISEA DUNHA BOLA DE BEISBOL [+8 anos]

Aquel día, Carl ía bater nunha bóla de beisbol pola primeira vez na súa vida. Na equipo todos rían del, porque pensaban que era moi frouxo, pois é que para o Carl acertar na bóla sería preciso que houbese unha alineación planetaria ou mesmo algo máis serio. O lanzador era outro rapaz da súa idade, once anos, cuxa fama xa era inmensa en todo o Estado de Dakota. Lanzou a bóla con todas as súas forzas na dirección do Carl. E o Carl bateu nela. Bateu á primeira. O bate rompeu en dous, mais a bóla ascendeu para os ceus e perdeuse. Non caeu, aínda que durante unha hora estiveron á espera da queda da bóla en algures.

Dez anos despois, Carl convertérase nun xogador medíocre dunha equipa de beisbol en Misuri. O episodio daquela bóla lanzada para os ares e perdida nas alturas era xa unha vaga lembranza no fondo do seu cerebro. Porén, talvez aquela fose a partida máis importante da súa vida. Só talvez. Se a súa equipa non gañaba aquela partida, el e todos os demais xa se poderían dedicar a calquera cousa que non fose o beisbol.

A equipa contraria gañaba por un punto. Se facían a derradeira carreira, levarían a vitoria e todo o esforzo da equipa do Carl non tería servido para nada. O lanzador da equipa de Carl aventou a bóla contra o bateador da equipa adversaria. Aquel bateu nela como batera anos atrás o propio Carl, facendo subir a bóla até as nubes, até se perder de vista. No estadio un berro de vitoria soou nas grades. A equipa do Carl estaba vencida.

Mais non. De repente un zumbido se sentiu no ceu. Axiña todos puideron comprobar que era unha bóla. Mentres o bateador corría tranquilamente, sen présas, polo estadio, celebrando a vitoria, o Carl alzou o seu brazo esquerdo e apañou aquela bóla que por algún estraño motivo non caía como se fose un proxectil. Carl atrapouna e o estadio enmudeceu de repente.

A equipa do Carl vencera. O propio Carl observou aquela bóla. Non era na que batera o adversario había uns minutos, senón a mesma bóla que el propio lanzara para os ares dez anos atrás. Inexplicabelmente caéralle a el xusto alí e daquela. Non había explicación para aquilo. 

Espontaneamente os seus colegas alzaron o Carl polos ares, mentres el se preguntaba como chegara até el aquela bóla dez anos despois, se era cousa dos anxos, ou de quen. 

E entrementres, a varios centenares de quilómetros por riba da atmosfera da Terra, un ET dicíalle a outro dentro da súa nave invisíbel aos telescopios e aos radares:

"E logo, xa volviches a inmiscuírte nos asuntos dos terrícolas?"

"Só un pouco", dixo o segundo. "Adoro ver a cara de pánfilos que poñen os humanos cando suceden cousas para as que non atopan explicación racional..."

E a seguir, meteu aquela bóla de beisbol nunha gabeta onde coleccionaba obxectos curiosos dos humanos. Talvez cabo duns anos volvese a facer unha brincadeira con ela. Talvez.

Frantz Ferentz, 2013


Sem comentários: