terça-feira, dezembro 24, 2013

CARMIÑA ESTÁ EN TODA A PARTE [+10 anos]



A Carmiña tiña un problema. Era un problema para o cal se cadra nin había cura. Algúns psicólogos dixeran que se trataba dun caso de hiperactivismo agudo, até o ponto que ninguén se daba explicado como era quen de facer até tres cousas asemade. 

E claro. Alguén descubriuno un día. A Carmiña podía facer tres cousas ao mesmo tempo e en tres lugares diferentes, porque desenvolvera poderes de bilocación, que é como chaman á habilidade de unha persoa estar en dous lugares asemade. Porén, os inventores de palabras poderían ter chamado a aquilo trilocación. 

Non había maneira de sandar iso. Se un está en tres lugares de vez e fai tres cousas diferentes, é imposíbel arranxar iso.

A psicóloga da escola estaba verdadeiramente interesada nese problema. Ela fora a única que conseguira estudar o comportamento da nena. Seguiuna durante días, a tomar notas de todo na súa caderneta, até que chegou a unha conclusión:

— Esta nena —dicía ela— é tan nerviosa que non é quen de parar e como non lle abonda con facer unha cousa en plena hiperactividade, fai tres, mais non é que sexa multitarefa, é que para facer todo, rompe en tres e cada parte dela actúa autonomamente e fai o que quere. Despois, cando xa acouga un pouco, volve a ser unha.

A explicación parecía unha parvada. Como ía unha persoa a romper en tres e estar en tres lugares ao mesmo tempo? Iso era imposíbel... Bo, até que a psicóloga, que se chamaba Antonela, o demostrou mercé á grabación con cámaras de vídeo. Superpuxo as tres imaxes nun só monitor, onde se podía ver como a Carmiña recortaba figuras de papel no seu cuarto, preparaba papas de arroz na cociña e xogaba unha partida de futbol cos colegas da escola no patio da mesma escola.

Os pais da meniña non sabían o que dicir.

— Seica non notaron nada? —preguntoulles a psicóloga.

— Só que se movía moi rápido —dixeron eles.

Tampouco a mestra notara nada diso. Considerou que a Carmiña era, certamente, hiperactiva, mais nunca sospeitara que puidese ter poder de trilocación, aínda que chegou a comentar:

— Mais agora me explico como eu vía que ela estaba a cubrir follas na sala de aulas coas tarefas e asemade eu ouvía como a chamaban fóra no patio, como se estivese a xogar unha partida coa bóla...

Aquel caso atraeu a atención de ducias de especialistas de todos os países, todos con varios títulos de pedagogos, infantólogos e educatólogos. Tamén se achegaron por alí gurús de seitas, espións de países que nin se sabía que existían nos mapas, xornalistas, vendedores de cachorros quentes e até un domeador de elefantes, se por acaso fixesen falla os seus servizos alí.

Aos pais ofrecéronlles moitos milleiros de euros por daren unha entrevista para a tevé. A eles caíalles a baba ao pensaren en poder comprar, afinal, unha moto de auga para as ferias.

E os pais aceptaron unha exclusiva. Como non ían aceptala! Así, as cámaras e mais unha morea de xente entrou na casa da Carmiña e foi para o cuarto da menina coa intención de a grabar.

Mais cando chegaron ao cuarto, alí non había ninguén. A nena evaporárase. Que desgraza. Que preocupación... os pais ían perder os milleiros de euros.

— O importante é que a cativa estea ben —protestou a Antonela.

Mais parecía que ninguén pensaba niso.

A Antonela abandonou a casa e volveu ao seu gabinete, onde reviu as notas que tomara nas moitas sesións que pasara coa Carmiña. Estaba certa que alí atoparía algo que lle daría unha pista de como tratar coa menina. Porén, primeiro tiña que atopar a nena. Onde se metería? Mais non botou moito a sentila berrar fóra. Estaba no patio da escola a xogar futbol cos seus amigos. Adoraba xogar futbol. Preguntouse se nese instante ela estaría trilocada ou se estaría soa.

Antonela saíu ao patio e chamou pola miúda. 

— Temos sesión hoxe? —preguntou ela estrañada.

— Non, mais os teus pais andan a te procurar coma loucos. Meteron a tevé na túa casa...

— Ai, eu diso non lle quero saber nada —respondeu ela. 

— Pensan que son un bicho estraño e non o son. Só é que ás veces me poño nerviosa de máis.

E nese instante bateu na bóla que chegou até aos seus pés e marcou un gol que ninguén se esperaba. A Carmiña era un fenómeno cando se trataba de bater no balón.

— Espere un chisco —pediu a nena á psicóloga—, mais imos perdendo e imos ter que remontar...

E xusto nese instante, a nena buligou e separouse en tres. Foi visto e non visto. Os compañeiros parecían estar habituados a iso, porque ninguén se asustou. Cada unha das Carmiñas avanzou polo campo, dúas polas bandas e outra polo centro. Pasábanase a bóla entre elas, entre as tres Carmiñas. Non había xogador que lles roubase a bóla. A coordenación era perfecta, pois a nena, sendo sempre unha aínda que triplicada, non precisaba falar consigo mesma.

E entón a Antonela comezou a pensar que, talvez, o da trilocación non era má cousa. Mentres a equipa da Carmiña remontaba doadamente a partida mercé ás tres Carmiñas, comezou a pensar que se a nena fose capaz de se quintuplicar, non só triplicar, como até daquela, podería formar unha equipa de futsal. Ela soa sería unha equipa. Certamente era errado pensar que aquela habilidade da nena era unha fonte de problemas. Ao contrario, era unha vantaxe. Ninguén podía triplicarse á vontade. De certo aquilo era algo máis do que unha cuestión de hiperactividade, ela mesma estaba enganada e convencera a todos do seu engano.

Tal habilidade, se cadra, podería ser a solución a moitos dos seus problemas, dos da nena, é claro.

Por iso, cando rematou a partida, a Antonela achegouse á Carmiña e díxolle:

— Ah, Carmiña, o que che parecería se...

Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: