segunda-feira, outubro 20, 2014

O ESTRAÑO CASO DA OBESIDADE CRECENTE DO OBDULIO GARCÍA

Obdulio García era un caso único en Vilanova da Aldeavella. Era a única persoa obesa que moraba alí. Mais iso non era o estraño do caso, a súa obesidade, senón que estivese obeso cando só comía sementes de xirasol, arroz cocido e algún amorodo cando era a época deles. E de beber, só auga. 
A xente de Vilanova da Aldeavella, boa xente polo xeral, mais tamén ben curiosa, especulaba sobre as causas daquela inexplicábel gordura do Obdulio García. Na súa familia non había antecedentes de mega-sobrepeso, por tanto, ninguén se explicaba como aquel coitado podía ter unha cintura tan enorme que, se unha mosca de pequeno tamaño acertaba a pasar arredor del, quedaba capturada pola forza da gravidade que xurdía do corpo do Obdulio até se converter nunha especie de satélite arredor da cintura do home, incapaz de escapar dela.
Así as cousas, a obesidade do Obdulio aumentaba día tras día. Algúns veciños comezaron a temer que o Obdulio ocupase el só media vila e o resto dos habitantes houbesen conformarse con vivir todo na outra metade, apeteirados. 
Como xa dixen antes, os habitantes de Vilanova da Aldeavella eran, polo xeral, boa xente, e quixeron axudar ao seu veciño o Obdulio. Convocaron un concello aberto na Casa do Concello e discutiron sobre cal era a causa daquela obesidade inexplicábel.
– Debeu absorber algunha toxina cando pequeno –opinou dona Crisanta, a farmacéutica–. Quedoulle no corpo e non a expulsou cando chegou o momento.
– Ao meu ver –opinaba dona Fina, a dona dunha tenda de fumeiros con denominación de orixe–, a causa está en que non come xamón. Aínda que digan que o xamón engorda, é falso. Ollen para min...
Era verdade, estaba feita unha sílfide.
– Penso que vos enganades, queridos veciños –dixo o concelleiro da oposición, don Leocadio de Todos os Santos–, o problema do noso veciño é que non fai exercicio demais, móvese pouco e mal...
En fin, había tantas opinións como veciños, ou se cadra, máis, porque algúns veciños tiñan máis dunha opinión, mais na asemblea só se podía dar unha só causa da obesidade do Obdulio.
O derradeiro veciño ao que tocou falar, don Hexemonio, aínda dixo:
– O problema do noso benquerido Obdulio é precisamente o seu nome. “Obdulio” comeza con “ob-“ como “obeso”. Se mudar o nome, desaparecería o problema.
Nada que facer. Así era imposíbel atopar unha razón convincente. Entón o rexedor de Vilanova da Adeavella, dixo á asemblea:
– Preguntemos ao noso querido Obdulio o que é que el pensa.
– Xa, mais teremos que saír ao campo, porque el non entra pola porta principal da casa do concello –explicou o cabo Rodríguez da policía local, máxima autoridade armada da localidade, que sempre vestía un impecábel uniforme azul co escudo do concello. 
O cabo Rodríguez até se fixera tecer tres pixamas de algodón, todos tres coa forma do seu uniforme de policía, que podería usar para saír na metade da noite caso houbese calquera emerxencia, sen ter que perder o tempo en vestir o seu uniforme de cabo da garda urbana, mais por sorte para el, Vilanova da Aldeavella era un lugar moi tranquilo onde pola noite só facían barullo os ratos e por veces dona Ramona, que a coitada era somnámbula, mais sempre pola rúa Maior, a ver as vitrinas das catro tendas que había en toda a vila, mais por sorte daquela estaban fechadas e non podía gastar diñeiro nelas.
Todos os veciños que participaron na asemblea foron á beira do río, que era o lugar favorito do Obdulio García e onde se atopaba o parque municipal. Alí, deitado na herba, os veciños fixeron unha corripa arredor del. O alcalde, que por algo era a máxima autoridade municipal, explicoulle que ninguén se puña de acordo sobre cal era a causa da súa obesidade crecente.
El, Obdulio, deitado na herba, comezou a pensar. O certo é que el mesmo non se ocupara nunca diso. Si, decatábase de que cada vez era máis gordo, mais non parecía importarlle moito, sinceramente.  E díxoo así, precisamente:
– Caros veciños, é verdade que a cada vez estou máis gordo, mais non me importa moito, sinceramente. Sou un tipo verdadeiramente intelixente, sou o tipo máis brillante de toda a provincia... que digo da provincia, de todo o país. Deberiades estar orgullosos de que un xenio coma min viva en Vilanova da Aldeavella.
Todos os veciños presentes na asemblea, excepto dona María dos Xuncos, que estaba absorta na contemplación dunha bolboreta que lle pousara no nariz e lle facía cóxegas, ficaron abraiados con aquelas palabras.
Aí o líder da oposición municipal, non se sabe se por convencemento ou se por gañar en votos para as próximas eleccións, dixo:
– Caro Obdulio, é tremendo iso que estás a dicir. Nosoutros, todos os teus veciños, non facemos máis do que nos preocupar por ti...
E o Obdulio sorriu e retrucou:
– Non sexas mentireiro. O que pasa é que a vós cómevos a curiosidade... e a envexa.
Aquelas palabras alporizaron os veciños, que axiña comezaron a murmurar. Mais aquel ambiente hostil non pareceu incomodar o Obdulio, el estaba a gozar da situación, con tanta xente a estar pendente del.
Nese momento, de entre os veciños, dona Levidade achegouse até o Obdulio e pinchouno cunha agulla de facer calceta. E o Obdulio, como cabe esperar, tivo a única reacción normal: berrar.
– Aiiii! Señora, toleou ou que?
E dona Levidade explicou que aínda quería comprobar se o problema do Obdulio non era que estaba inchado de algo e que, se cadra, cunha agulla, pinchando nel, desincharía, mais xa se viu que non.
E así as cousas, os veciños foron marchando do parque. Porén, a Ximena, unha meniña con pencas e trences, dixo aos veciños:
– Creo que sei por que o Obdulio non para de engordar!
Todos ollaron abraiados para ela. Como unha neniña tan pequerrecha ía saber o motivo da obesidade daquel ilustre veciño da vila? Ela non tiña experiencia ningunha da vida como para entender desas cousas.
– Contoumo a miña avoa –explicou a Ximena sorrindo–. Díxome que ela coñeceu, nos seus anos mozos, xente coma o Obdulio e que os motivos para a súa obesidade non son por mor de comer mal, son por outras cuestións... E eu sei como axudarlle!
  Todos os veciños presentes abraiaban. Como ían dar ouvidos a unha nena tan miúda con aqueles trences? Porén, se o Obdulio continuaba a engordar, acabaría ocupando toda a vila... Algo había que facer. Ao cabo, noutra asemblea, os veciños aceptaron a proposta da Ximena, que consistía, sinxelamente, nun concurso de preguntas e respostas, como os que pasaban na televisión.
Non foi difícil convencer o Obdulio para participar nun concurso. Así que coñeceu a proposta, dixo:
– Si, si, gusto da idea. Vou demostrar a miña grande intelixencia e o meu inmenso talento...
E axiña que dixo iso, engordou aínda un chisquiño.
Montaron os sets do programa no parque, ao aberto. E o concursante que se ía opor ao propio Obdulio non era outro senón a Ximena. Trouxeron un presentador moi coñecido da televisión, Johnnie John, tamén coñecido como John ao cadrado, o cal, cada vez que sorría, xurdía un lampexo de entre os dentes, mais non é porque lle brillasen, senón porque tiña un pequeno dispositivo instalado enriba da enxiva que disparaba automaticamente os lampexos.
Todos os habitantes de Vilanova da Aldeavella congregaron arredor do parque municipal, no set habilitado para o efecto. Todos, agás don Agamenón, que confundía a claustrofobia coa agorafobia; o coitado del estaba convencido que tiña pavor aos espazos abertos, cando na realidade o tiña aos espazos fechados, polo tanto ía perder aquela magnífica ocasión de ver como se rexistraba un programa da televisión na súa mesma vila. E todo por non consultar no dicionario a doenza que sufría.
O Johnnie John comezou largando un discurso sobre o bo presentador que el era, o cal irritou moito o Obdulio, que non gustaba que outros se gabasen diante del. Mais por sorte para o Obdulio, unha pomba que pasaba por alí deixou caer un cagallón enriba do Johnnie John e houbo que cortar o rexistro para lle limpar o ombreiro da chaqueta.
Unha vez resolvido aquel penoso incidente, comezou xa o concurso de preguntas e respostas sen máis prolegómenos. Para tentarmos resumir como foi o concurso, imos limitarnos a reproducir algunhas das preguntas e respostas.
JOHN: Primeira pregunta. De que cor é a melancolía?
OBDULIO: Alaranxada...
JOHN: Incorrecto. Rebote
XIMENA: Da cor contraria aos soños.
  JOHN: Correcto. 
OBDULIO: E de que cor son os soños?
JOHN: Iso aquí non se pregunta. Segunda pregunta. Como farían para que os peóns camiñen pola beira e os autos pola calzada?
OBDULIO: Cunha boa lexislación e boas multas, é claro...
JOHN: Incorrecto. Rebote.
XIMENA: Pondo carteis que digan que a xente ten que camiñar pola calzada, mentres que as beiras quedan reservadas para os autos.
OBDULIO: E por que é correcta esa resposta?
XIMENA: Porque a xente gusta de facer o contrario do que lle din que faga.
(...)
JOHN: Décima e derradeira pregunta. O que teñen en común un gato siamés e unha galiña choca?
OBDULIO: En que ambos son domésticos?
JOHN: Incorrecto. Rebote.
XIMENA: En que o nome de ambos comeza con ga–
JOHN: Correcto! E a gañadora é...
Aí soou un repique de tambor, mais era unha parvada, porque xa todos sabían que a meniña gañara o concurso. Ela respondera ben as dez preguntas, mentres que o Obdulio fallara con todas.
– A gañadora é... Ximena!
Toda a vila aplaudiu entusiasta, toda excepto o Obdulio, que estaba vermello de ira por o teren humillado. Ninguén reparou nel, mais marchou de alí, marchou a unha fraga próxima onde quedou á sombra dunha secuoia e non quixo ver xente. Porén, por alí pasaban veciños de cando en vez, veciños que corrían, levaban o can a pasear ou montaban na bicicleta. Todos, moi atentos, saudábano:
– Bo día, Obdulio.
– Bo día, Obdulio.
– Bo día, Obdulio.
Mais o Obdulio só rosmaba. Nunca na súa vida o humillaran na súa vida, e iso era o que tanto o incomodaba. El, o tipo máis brillante do mundo mundial, vencido nun concurso de preguntas parvas por unha meniña con trences...
E entón, correu a voz pola vila: O Obdulio enmagrecera. Si, despois dunha semana, o Obdulio estaba a cada vez máis magro. Testemuñábano todos os veciños que pasaban pola fraga e se atopaban con el sentado sempre embaixo da secuoia.  
– Talvez enmagrecese porque deixase de comer –opiniou dona Crisanta.
– Non, miña amiga, foi porque só come piñóns –retrucou dona Fina.
– As secuoias non dan piñóns –comentou daquela a Ximena–. O verdadeiro motivo polo enmagreceu é outro.
E aí toda a vila quixo ouvir, toda a vila sen excepción:
– Enmagreceu porque o seu ego estaba a se expandir no seu corpo. Críase o tipo máis intelixente, o máis sabio, o máis curriño e máis mellor de todos. Diso é do que me avisara a miña avoa: a vaidade só con modestia sanda. Por iso inventei o do concurso, porque se alguén demostraba ao Obdulio que non era nin o máis intelixente, nin o máis sabio nin o máis mellor, o seu ego desincharía...
Aquelas palabras foron moi ben acollidas polos veciños de Vilanova da Aldeavella. Alguén até pensou que había que levantar unha estatua á meniña, mais ela dixo que prefería que a convidasen a torta de amorodo con chocolate, que lle ía quitar máis proveito.
E así foi como o Obdulio deixou de estar obeso por causa da súa egolatría, mais aos poucos volveu a engordar, mais daquela foi por causa da súa afección sen medida ás lambetadas, que, segundo el, lle calmaban a angustia de xa non ser o tipo máis intelixente, máis sabio, máis curriño e máis mellor de toda a provincia... o de todo o país, mellor non llo mencionardes.

Frantz Ferentz, 2014

1 comentário:

osquelemos disse...

Con permiso, e tras ler a licencia, imos publicar este conto no blog da nosa biblioteca:
http://osquelemos.blogspot.com

Moitas grazas por compartir e animar a ler!

Unha aperta,
Osquelemos