segunda-feira, abril 20, 2015

O MISTERIO DA VACA VOADORA [+10 anos]


Ao Filipe xa lle doían os ollos de tanto xogar co telemóbil. Decidiu darlle unha pausa ao bate-papo que o tiña tan absorto e ergueu a vista. A seguir, ollou pola xanela para fóra. 

En circunstancias normais, ao ollar pola xanela para fóra, vería o predio de fronte e, se callar, algunha gaivota que atravesaba a rúa polos ares chiando. Se se debruzaba un bocadiño máis, vería un pedazo de ceu azul (ou cincento, caso estivese cuberto de nubes). 

E iso era todo. As vistas pola xanela do seu cuarto, sentado na cama, non daban para máis.

Mas naquel serán, xa case á noite, o Filipe non viu o esperado. Non. Nunca tal tería imaxinado. Non é que un avión voase baixo por cima da súa rúa, ou que un autobús de oito andares pasase por baixo da súa xanela. Non, nada diso. O que o Filipe viu foi unha vaca que aboiaba no ar, segurada con balóns. Si, con balóns normais, deses que venden nos parques, que por norma son enchidos con helio, un gas que permite que os balóns voen.

A pasaxe da vaca por diante da xanela foi breve, había unha brisa que empurraba a vaca e esta atravesou os ares, seguindo a rúa onde moraba o Filipe.

Mas antes de a vaca se perder de vista, o rapaz aínda tivo vagar de lle tirar varias fotos co telemóbil. Despois, correu para o salón para contar a súa mai o que acababa de ver.

E a mai, como ben podedes imaxinar, non acreditou unha palabra do que lle dixo o fillo acerca dunha vaca que voaba segurada con balóns. Xustificou todo falando da fantasía, a imaxinación e os videoxogos, que enchían o maxín do rapaz de ideas irreais.

Mas entón o Filipe quitou o telemóbil do bolso e mostrou as fotos á mai. Porén, esta aínda se negaba a acreditar. Era imposíbel que unha vaca voase. Ela estaba certa que se trataba dalgún tipo de publicidade. Ou a vaca era de cartón, ou era simplemente unha cuestión de hologramas.

E discusión acabada.

Talvez o Filipe tivese esquecido aquel episodio de non ser porque un par de semanas máis tarde, a vaca en cuestión voltou a pasar por diante da súa xanela. Quen sabe cada canto tempo pasaba por alí a vaca. Con todo, na altura reparou que a vaca pasaba de noite, polo cal non era visíbel desde o chan, mas como ía tan próxima da xanela, podíase ver a ollo nu. A vaca, alén diso, era un animal ben silencioso, non bramaba nada, notábase que estaba afeita a voar. 

Desa maneira, o misterio inicial de ver unha vaca a voar, tornouse maior cando lle veu o pensamento ao rapaz de para onde ía e de onde viña a vaca. Deixábase simplemente levar polas correntes de ar? Se for así, era ben perigoso. Tería algún sistema de leme, como os cepelíns? 

Como era tarde demais, o Filipe houbo contentarse con lle tirar máis fotos. E desexou poder ficar a saber máis cousas sobre aquel estraño animal. Con todo, non demorou moito tempo até a vaca voltar a pasar por diante da súa xanela. E naquela altura si saíu disparado para a rúa, mas tentando camiñar na punta das dedas para non ser ouvido polos pais. Apresouse polas escadas, porque achou que sería máis veloz que esperar polo elevador, once andares. Xa arfaba cando chegou á rúa, mas aínda entrevía unha nódoa escura no alto que avanzaba lentamente. 

O predio onde moraba o Filipe ficaba nos arredores da cidade. Por iso, non demorou moito até que, seguindo a súa propia rúa, alcanzou a autoestrada de circunvalación, que cruzou por baixo a través dun conduto para a drenaxe da auga das chuvias, e alcanzou o outro lado, onde xa había pradarías, onde aínda medraba a herba porque o tixolo non invadira todo.

O Filipe, xa case sen alento, proseguiu a súa marcha, embora mal divisase a nódoa no ceu. Por sorte, había lúa chea, o cal permitía manter o contacto visual coa vaca no ar. A vaca parecía seguir por cima dun carreiro que se ía afastando da cidade, até que, de repente, comezou a descender. 

O rapaz alcanzou a ver unha quinta nun estado de conservación bastante fraco. Había unha morada miserábel e algo que talvez fose unha corte. Á porta da morada, á luz dun candil e nunha cadeira de balanzo, un vello cantaruxaba unha cantiga descoñecida para o Filipe. Do interior tamén saía unha luz suave.

— Boa noite —cumprimentou o Filipe cando estivo ao pé do home.

E o vello, que estaba distraído de todo, ergueu os ollos, contemplou o rapaz e sorriu mostrando a súa boca baldeira de dentes.

— Boa noite. Perdícheste, rapaz?

— Non, vin seguindo a vaca voadora que aterrou aquí hai uns minutos.

O vello largou unha lixeira gargallada. Despois dixo:

— Ah, entón seguiches a Micaela.

— Micaela? A súa vaca chámase Micaela?

— Chámase. 

Despois houbo un profundo silencio. Por sorte até alí non chegaban xa os ruídos da cidade, embora si se visen as súas luces brillar na distancia. De vez en cando ouvíase algunha curuxa.

O vello pareceu comprender o que quería o Filipe: información.

— Verás —comezou a dicir—, a vaca vive comigo desde sempre. É unha vaca vella, aínda que non o pareza. Só nos temos ela a min e eu a ela. Estamos sós no mundo. Ela é como unha filla para min. Desde sempre, a Micaela gostou de percorrer o mundo, mas como eu agora xa vou vello e non podo camiñar moito, nin mesmo conducir a camioneta, houben procurar un medio para ela viaxar soa...

— Xa entendo —dixo o Filipe—. E foi así que ideou o dos balóns. Con eles a Micaela aboia e pode ver o mundo desde arriba, certo? Foi unha boa idea a dos balóns...

Aí o vello fitou para o rapaz e até puxo un rostro serio:

— Sospeito, filliño, que non entendiches nada.

O Filipe ficou de boca aberta.

— Verás —proseguiu o ancián—, a Micaela é unha vaca voadora. Ela non precisa dos balóns para voar. Os balóns son para despistar.

— Para despistar?

— Claro. Tu mesmo pensaches que ela aboia grazas aos balóns. Olla ben, son balóns normais, pequenos, e por cima non están inflados con helio.

Aí a cara do Filipe pareceu ir caer até o chan.

— Os balóns —continuou a exprimir o ancián­—, serven para despistar. A vaca voa soa, é unha vaca voadora, acabo de cho dicir. Mas se alguén a vir, pensará que a vaca aboia porque a sosteñen os balóns... Dese xeito, a Micaela pode pasear polos ares da cidade á vontade, sen ninguén a incomodar, mas xa a teño avisado que non voe alto demais, non vai toparse cun avión de pasaxeiros. Aí si que iamos ter un desgosto. 

Mas aí aínda lle veu ao Filipe unha pregunta:

— E como fai para mudar de dirección encanto voa?

O vello sorriu novamente e dixo:

— Como vai ser? Co rabo. O rabo é o seu leme.

Claro, era lóxico, pensou o rapaz.

O Filipe aínda achegouse da corte para ver aquela incríbel vaca. Alí estaba a Micaela a comer tranquilamente herba seca da manxadoira, sen ninguén a incomodala... a aboiar a uns centímetros do chan e a mexer no rabo para espantar as moscas, como fan todas as vacas.

Uns minutos despois, o Filipe regresaba tranquilamente para a casa, non sen antes prometer ao vello que gardaría o segredo da vaca voadora e que até voltaría de vez en cando para os visitar.







Cando o Filipe regresou á casa, mergullou no computador e comezou a procurar pola rede información sobre vacas voadoras. Ben logo encontrou información sobre unha vaca voadora no Brasil. Contaban a súa historia nun libro dunha autora brasileira chamada Eddy Lima, a cal narraba a historia da primeira vaca voadora por causa dunha beberaxe máxica. O rapaz quedou a pensar. Non sería a Micaela descendente daquela vaca brasileira? E outra pregunta máis difícil de responder: como reaxiría a poboación caso a alguén lle caese unha bosta de vaca na cabeza vinda do ceu? 

Mas esas son cuestións que aquí e agora non podemos responder. 


© Texto: Xavier Frías Conde
© Ilustración: Valadouro

sábado, abril 11, 2015

UN MONSTRO CHAMADO MOSTRENGO [+10 anos]

Moitas das estorias que falan de monstros comezan nun armario. Esta tamén. Talvez sexa así porque os monstros gostan de se abeirar nos armarios, á espreita, para cando chega o momento apropiado, saltaren para o cuarto e meter medo aos miúdos.

Esta estoria tamén comeza igual, cun monstro que acostumaba morar nun armario roupeiro, onde tiña que aturar as trazas. Se callar, iso era o peor para el, porque aquelas bolboretas comedoras de tecidos o consideraban un vello saio de la e non facían máis que tentar comelo. O coitado monstro sufría o que ninguén podía imaxinar. Non lle respectaban nin os cornos, que, polos vistos, tiñan un gosto a caramelo que resultaba unha tentación.

Porén, o peor non era a tortura das trazas, non. O peor era o que lle acontecía cada noite cando saltaba fóra do roupeiro e tentaba meter medo ao rapaz que lle tocara naquela altura. Aquilo si era un pesadelo para calquera monstro, embora estivese esperto.

O que acontecía ao coitado monstro era que, así que o rapaz ou rapariga abría os ollos, en vez de chiar de terror, comezaba a rir ás gargalladas. Si, ría ás gargalladas e sen parar durante minutos. O monstro tentaba daquela ruxir como faría calquera da súa especie, mais de certo os seus gruñidos soaban como ataques de impo, e por riba, tentaba explicar que el non estaba alí para causar riso, mais para meter medo. E era entón cando no medio daquelas explicacións, o rapaz ou rapariga en cuxa casa estaba o monstro sentía que lle estouraban os pulmóns do riso, tanto que algúns até dicían:

— Basta, non máis piadas ou rebento a rir.

— Piadas? — preguntábase sorprendido o monstro —. Quen está aquí a contar piadas?

Daquela, o monstro sentía que os cornos lle caían e mudaba a súa expresión de furia por outra de tristeza, mais iso por norma os humanos non o apreciaban por causa de tanta seda que cubría o monstro e que facía con que os seus ollos ficasen case ocultos.

E así as cousas, non lle quedaba máis remedio que saír do cuarto, ouvindo aínda resoar os risos do rapaz ou a rapariga.

Loxicamente, tanto fracaso chegara até os ouvidos dos outros monstros, que comezaron a dicir del que non era un monstro, que era un mostrengo. E a partir de aí, xa todos esqueceron o seu verdadeiro nome e foi coñecido polos da súa especie como Mostrengo.

A vida do Mostrengo virou un inferno. Todos rían del. Como ía causar medo? Se el era un monstro, tiña que saber aterrorizar os humanos e ser respectado polos seus conxéneres. Onde tal se vira?

Aos poucos foi deixando de facer o que os monstros fan, é dicir, saltaren dos armarios ou saíren debaixo da cama para asustar. Para que — preguntábase aquel coitado. Mais non encontraba resposta.

Foi así que decidiu afastarse dos seus conxéneres no mundo subterráneo e ir polo mundo avante, sempre de noite, non para evitar asustar a xente — que ben sabía el que non o conseguiría —, mais para evitar que risen del así que o visen aparecer.

Durante o día repousaba entre os matos, nalgún alpendre ou en calquera lugar á sombra (moitos monstros son fotofóbicos, isto é, non aturan a luz solar), mais de noite proseguía a súa camiñada sen destino, todo triste.

Nin se sabe canto tempo decorreu. Talvez semanas, talvez meses. O coitado do Mostrengo estaba a enmagrecer que daba mágoa velo, tanto que os seus tres ollos chegaron practicamente a se tocar na súa cabeza, até case parecer un gran ollo triplo.

É posíbel que aquela triste situación tivese durado meses aínda, mais un certo día, todo mudou. E aconteceu da maneira máis estraña que un puidese pensar.

O Mostrengo chegou a unha cidade inmensa, unha capital, con millóns de habitantes. En lugares así, vive xente de todos os xéneros, xente que veste da maneira máis estraña que un poida imaxinar. Sendo así, non foi de estrañar que ninguén reparase no Mostrengo, que podía pasear pola rúa sen chamar demasiado a atención. A maioría da xente pensaba que ía vestido de viquingo — polo dos cornos na cabeza — e cunha pelella de guerreiro nórdico, a pesar da calor.

E camiñando, camiñando, camiñando sen rumo, chegou até un local cheo de luces, onde a xente se acumulaba á porta. O Mostrengo, grazas á multitude, conseguiu escoar sen lle pediren a entrada.

Alí dentro había moitas salas, algunhas para danzar, outras para ver espectáculos de teatro, outra para discoteca e outra... outra cun palco onde saía xente de cando en vez a contar piadas. Aquela sala precisamente estaba apeteirada. Non cabía xa unha agulla. Cada persoa que subía ao palco contaba varias piadas e o público aplaudía e ría con maior ou menor forza segundo fose de convincente a persoa en cuestión.

Por un instante, o Mostrengo pensou que alí había máis xente congregada da que tiña visto en toda a súa vida. Achou que, se por acaso, conseguía asustalos, gañaría o respecto de todos os seus conxéneres monstros, que até pasaría ás crónicas monstruosas por ter aparecido no medio dun palco e feito correr a ducias de humanos causando unha debandada.

Dun recanto escuro, analizou o local. Ben logo na súa mente formouse un plano de ataque. Para iso, moveuse sempre apegado á parede e, sen chamar a atención, escoou pola traseira do palco. Cando estivo certo que non había ninguén nel, o monstro afastou as enormes cortinas e chantouse no medio do palco, sob a luz dos focos, como unha aparición, perante a sorpresa de todo o público que non se esperaba algo así.

— Buuuuh! — berrou de repente.

A primeira reacción de moitas persoas foi, precisamente, de susto. Ouvíronse algúns chíos na sala. O corazón do Mostrengo acelerouse. Pensou que, finalmente, ía levar a súa por riba, ía asustar os humanos e en masa.

Repetiu o gruñido:

— Buuuuh!

Mais xa alí non houbo máis reaccións de pánico. Aí xa comezaron os risos. Primeiro tímidos, despois máis fortes, por causa do timbre con que fora proferido aquel chío. 

Que desgraza para o miserábel monstro. Mais é que os humanos non sabían distinguir entre o que mete medo e o que fai rir? É que tiña que llelo explicar el? E así, todo serio, comezou a explicar ao público cal era a diferenza entre rir e berrar de medo. Para iso, usou toda a mímica que foi quen de improvisar. Ademais, incluía explicacións que, coa súa voz, soaban como se unha frauta falase.

O público caía polo chan do riso. A case toda a xente lle saltaban as lágrimas en ouvindo e vendo o espectáculo do Mostrengo no palco. Ao cabo, o monstro, ao ver que cantos máis esforzos facía, máis ría a xente, parou. Ficou inmóbil alí encima a contemplar o persoal.

Así que o Mostrengo calou, o público comezou a aplaudir con tanta forza que parecía que o edificio enteiro ía esboroar. Viñeron persoas das outras salas para ver o que acontecía. Uns xornalistas comezaron a tirar fotos do monstro facendo lampexos cos seus flashes, encanto a criatura peluda e de tres ollos contemplaba todo aquilo sen comprender nada.

Entón un señor vestido cunha garabata bolboreta subiu ao palco e entregou ao Mostrengo un cheque por unha porrada de euros e díxolle:

— O señor acaba de gañar o concurso nacional de piadas. O público enteiro xulgou que a súa actuación foi a mellor, unha piada que non se entende, acompañada de mímica. Unha actuación inesquecíbel.

E o público continuou a aplaudir... O Mostrengo proseguiu en silencio, tentando entender o que se pasaba.

Dous meses despois daquela actuación, ao Mostrengo concederon un programa de humor na televisión, todo para el. Chámase, Mostrengo tenta explicar. O monstro deu entendido que, se non tiña talento para asustar, si o tiña para facer rir.

Por tanto, decidiu mudar de profesión.

Agora é monstro cómico e vaille francamente ben.

Mais a xente aínda non se decatou que el é mesmo un monstro, pensan que é un disfrace que leva sempre, mais talvez nunca se decaten do que el é. Talvez sexa mellor así.



© Texto: Xavier Frías Conde
© Ilustración: Sónia Borges

quinta-feira, abril 09, 2015

PAPÁ PERNAS LONGAS

Un día, cando a Helena estaba doente na casa, lembrouse de seu pai. Despois do divorcio coa súa mai, deixou de o ver habitualmente. Primeiro só o encontrou aos fins de semana, dous en cada catro. Porén, ben logo a meniña decidiu que aborrecía e deixou de ir visitar o pai. Apenas o vía unha volta a cada dous ou tres meses.

Despois, nun dia, abandonou o país e foi vivir á Irlanda, porque precisaba traballar e no seu país non había traballo. De vez en cando, recibía unha mensaxe electrónica do pai, onde ele lle preguntaba pola súa vida e ela respondíalle e contaba con preguiza o que ela facía, mais nin sempre escribía. 

Porén, naquel día ela lembrouse da súa infancia, cando estaba doente e ficaba na cama sen ir à escola. Naqueles días o pai aparecía polo seu cuarto cunha torta única. Viña cun doce feito de unha substancia especial. O pai dicíalle que era torta de nubes. 

A Selena adoraba comer aquela torta que, con efecto, parecía feita de nubes, que se desfacía na boca, tan doce. E ela sempre preguntaba ao pai: 

— Como é que consegues facer torta de nubes? 

— Porque sou capaz de recoller bocadiños de nubes, batelos como se fosen ovos e preparar con eles torta de nubes. 

— Mais tu non podes voar? Como chegas até as nubes? — preguntaba sempre a Selena. 

— Porque teño unhas pernas que se estrican —explicaba sempre o pai—, se estrican e se estrican, até eu crecer tanto que consigo cozar as nubes coa cabeza. E cando chego alá, apaño un bocadiño de nube, apenas un bocadiño, e traio para ti. 

O pai da Selena sabia que o pai non tiña pernas verdadeiras, embora non soubese que as perdera por causa de unha mina que lle tiña estourado cando mozo, antes de ela nacer, nalgunha remota zona de guerra. E aquelas pernas, con efecto, estricábanse un bocadiño. 

E así, a Selena, en crianza, imaxinaba o seu pai facendo estricar sen limites aquelas pernas e despois imaxinaba como ele preparaba a torta na cociña —e até lembraba ter ouvido o bater da coller no prato. 

Aquelas lembranzas da infancia voltaban a súa mente naqueles días, cando estaba de novo soa, mais agora tan lonxe da casa. E desexou inmenso que o seu pai lle trouxese unha daquelas tortas, como cando miúda. 

Decidiu que lle enviaría unha mensaxe. Colleu o telemóbil e escribiu: 

«Ola, papá. Todo ben contigo? Hoxe estou doente». 

Non quixo escribir máis nada. Non quería parecer unha meniña pequena que se queixaba das doenzas. Ela xa tiña vinte e dous anos e era independente. Por iso, non puido esperar que, no dia seguinte, alguén fixese soar a campaíña da súa casa. 

— Quen é — preguntou a Selena con pouca voz. 

— Sou eu — soou a voz do pai. 

Que sorpresa. Mais nin só iso, o pai apareceu cunha torta nas mans. 

— Torta de nubes? — preguntou a Selena sen acreditar. 

— Torta de nubes. 

— Non podo acreditar. E algún dia vasme dicir como é que preparas esta torta? 

Cal é o ingrediente segredo que fai con que pareza mesmo feita de nubes? 

O pai non respondeu e apenas deu un beixo à filla na testa; ela sentiu que estaba a precisar mesmo de un beixo do pai despois de tantos anos. 

E de repente, a Selena deu conta que a presenza do pai na Irlanda era inexplicábel. 

— Papá, nestes días hai greve de controladores aéreos e todos os voos foran cancelados. Como é que conseguiches chegar?

— Talvez da mesma maneira que apañaba nubes para ti —explicou el—, mais iso ten de ser un segredo.

E ela concordou. Era mellor así, sen ela saber como o pai tiña chegado até ela, nin se alcanzaba mesmo as nubes para lle conseguir o ingrediente principal daquela torta cuxa receita só o pai coñecía.



© Texto: Xavier Frías Conde
© Deseño: Elisabete Ferreira

quarta-feira, abril 08, 2015

XIMENO, O «ESTRAÑOUCO»

Na escola, o Ximeno non tiña moitos amigos. De facto, non tiña ningún. Por iso, gostaba de se afastar para un recanto e ficar alí só, a ollar para todo, sen dicir unha soa palabra. Sempre que había momentos de pausa, el se afastaba e vía os compañeiros correren, falaren ou lidar, mais non participaba das súas actividades, nunca. 

E os compañeiros, como era de esperar, referíanse a el apenas como o estrañouco, facendo unha mestura de palabras, porque daban por feito que, se era estraño, tamén era louco. Mais ninguén falaba con el, deixábano estar alí, só, nun recanto, acompañado polos seus pensamentos... e os seus libros. 

O Ximeno sempre tiña algún libro nas mans. Levábaos sempre consigo, na súa mochila. Había libros de toda casta, grandes, pequenos, engurrados, lisos, a cores, en preto e branco, novos, vellos e... até comestíbeis, si, porque algún dos libros debía ser comestíbel, visto as trabadas que tiña polas esquinas, mais talvez fose obra dos ratos, quen sabe. 



&   &   & 



Desde os seus primeiros tempos na escola, o Ximeno fora considerado estraño, xa cando mal tiña seis anos. Porén, os compañeiros comezaron a o consideraren ademais un louco, cando con dez anos a profesora lle preguntou: 

— E logo, Ximeno, o que é que queres facer cando adulto? E el, sen dubidar, dixo: 

— Quero tocar unha nube. 

Aquelas palabras non fixeron máis do que causar gargalladas entre os colegas da turma, porque ninguén, naquela idade, podía entender o que o Ximeno quería. Por iso, algún dos colegas berrou: 

— O Ximeno está louco! 

— Non só é estraño, e tamén louco —engadiu mais alguén. 

E de aí, pasaron ao estrañouco con que era coñecido entre os seus compañeiros da escola. 

O Ximeno, polo seu lado, parecía aceptar aquela situación resignadamente. Estaba acostumado a non ter relación con ninguén e pasaba o tempo só, na casa e na escola. 

Até aquel día... 


&   &   & 


Naquel día aconteceu algo inesperado. Naquel día comezou a chover como nunca chovera por alí. Aquela era unha terra máis ben seca, polo que tanta chuvia non ía senón causar serios problemas. Ben logo, a auga asolagaba todo, as rúas eran ríos. Só o Ximeno apareceu na escola, que estaba aberta por algún motivo inexplicábel, visto que a xente quedara na casa, ou até marchara fóra. 

Mais non foi el o único que acudiu á escola nese día. Tamén apareceu por alí a Susana. Chegou toda ensopada, porque con aquel triste parachuvias que levaba. Por iso, cando viu que na escola só estaba o Ximeno —ademais do celador, que abrira a escola e estaba alí todos os días, aínda que caese un raio—, quedou abraiada, mais os seus pais eran xente seria que crían que un só pode faltar á escola cando se está doente ou cando a escola ten esboroado; outramente, non hai xustificación para non frecuentar as aulas. 

— Ola —saudou ela. 

— Ola —respondeu el. 

— Está a caer un dioivo, non si? 

— Está. 

Aquelas eran as primeiras palabras que a rapariga dirixía ao rapaz en seis anos que estaban xuntos na escola. Despois, ficaron xuntos a contemplar como a auga caía e caía sen pausa, en pingas miúdas, facendo con que o chan deixase de ser visíbel. 


&   &   & 


— E como sairemos de aquí? —preguntou a Susana cando chegou á hora da saída—. Os meus pais non poden apañar o carro e vir por min. 

Ao Ximeno iso non importaba moito, porque a el nunca viñan a recollelo de carro, el sempre voltaba a pé para a casa. 

A escola estaba fóra da vila, nun cotarelo onde, ademais, había un pequeno aeródromo na traseira. O máis probábel é que a estrada que levaba até a escola ficara cortada por causa das chuvias. 

— Eu non quero morrer de fame! — exclamou a Susana, cuxos ollos se encheron de bágoas. 

O Ximeno non sabía como consolala. Os libros que lía ás veces falaban diso, mais el non tiña moitas habilidades sociais, máis ben non tiña ningunha. 

Polo outra lado, non había nin rastro do celador. Aquel si era un tipo ben estraño, que acudía ao seu posto de traballo nunha vella moto con sidecar, mais cando os rapaces quixeron decatarse, a moto, que no xeral deixaba estacionada na traseira da escola, xa non estaba. Dependían de si mesmos. 

— Dásme unha aperta? —pediu de repente a Susana. 

Unha aperta? E como se fai iso? Raios, por que non lera algo sobre apertas nos seus libros, preguntábase o Ximeno. Mais antes que el tivese vagar para responder, ela abrazouno e a el, espontaneamente, veulle a idea de rodeala cos seus brazos, como ela facía con el. Era unha sensación fantástica, nunca fora abrazado nin abrazara ninguén. Na súa casa só abrazaban o gato, porque aos pais non lles parecía importante aprender ao fillo o que era un abrazo, mais agora estaba a sentir cousas extraordinarias, inimaxinábeis. 

Aínda pasaron a noite deitados nos sofás da sala dos profesores. Quen ía dicirlles nada naquelas circunstancias? Ambos deles mal conseguiron durmir, tiñan medo. A chuvia non cesara durante a noite. Cando amañeceu, ambos os rapaces se debruzaron ás xanelas máis altas da escola e comprobaron con horror que da vila só se vían os tellados. A auga continuaba a ascender e sería cuestión de horas que chegase ás portas da escola. 

— Temos que fuxir de aquí —dixo o Ximeno. 

— E como? 

— Nunha das avionetas do aeródromo que hai na traseira. 

— Eu non sei pilotar. E tu? 

De certo, o Ximeno tiña terror mesmo ás motos, mais a situación xa era grave demais. 

— Tampouco, mais ou saímos de aquí polos ares, ou talvez acabemos abafados. Iso era certo. 

— Nun dos meus libros —dixo o Ximeno—, explica como se manexan os biplanos. 

— Os que? 

— Os biplanos, que son eses avións vellos con asas por riba e por baixo, os que usaban na Primeira Guerra Mundial, con hélice. 

Á Susana todo iso soaba a chinés. 

— E hai deses aí atrás? —preguntou ela. 

— Hai. E aquí está o meu libro sobre biplanos. 


&   &   & 


Media hora despois, ensopados como nunca, os dous rapaces entraban no vello hangar do aeródromo. 

— Tu pilotarás e eu irei atrás, lendo o manual sobre como pilotar este aparello — dixo o Ximeno así que estiveron cabo da avioneta. 

— Queres que eu pilote? 

— Quero. Sei que o farás ben. Temos que traballar en equipa. 

A Susana quedou sorprendida. Sabía moi ben que, coa maioría dos seus colegas masculinos da escola, caso coincidise con algún deles aquela situación, quererían eles mesmos pilotar, que lle dirían algo así como “as raparigas, mellor de copilotos”. Mais co Ximeno era diferente. El era diferente. 

— Está ben —aceptou ela. 

Seguindo as pautas que indicaba aquel manual de avións biplanos, non foi difícil arrancar o motor. Non era un modelo con oitenta anos, era un modelo moderno que imitaba os antigos, por iso bastou con tirar dunha panca e o avión comezou a ruxir. Aínda ben que levaba combustíbel... 

Dez minutos máis tarde, coa Susana a pilotar a o Ximeno a dar instrucións na traseira, o avión erguía o voo facendo ruxir o motor. 


&   &   & 


A avioneta descolou. A Susana demostrou que levaba no sangue o espírito aventureiro da súa avoa Matilda, que fora capaz de pilotar un avión moitos anos atrás, polos ares de África, facendo de carteira. Todos na familia estaban fartos daquela estoria que a avoa repetía cada vez que había encontro familiar, mais que era certa. E agora a súa neta estaba a repetir a fazaña. Ai, se a súa avoa a vise daquela! 

E foi así como ascendendo conseguiron alcanzar a zona que estaba por riba das nubes. 

O sol lucía espléndido. 

— Susana, quero facer unha cousa.

— O que?

— Quero recoller un anaco de nube agora.

— Tu estás louco?

— Estou, ou non é iso o que dicides todos na escola, que sou o estrañouco?

A Susana non sabía o que dicir, mais entrementres, o Ximeno puxera un arnés que estaba aos seus pés e amarrárao cunhas cordas. Despois quitou un frasquiño da mochila. Aquel frasquiño levábao sempre consigo, sempre, porque estaba pronto a usalo cando chegase o momento de realizar o seu soño: meter un farrapo de nube dentro.

A Susana berráballe que voltase ao seu sitio, mais el facía orellas moucas. Avanzaba pola asa esquerda en catro patas, como un bebé. A Susana tentou non mexes a avioneta, mantela firme e coas asas horizontais afeito, para o Ximeno non se precipitar.

Cando o rapaz chegou ao cabo da asa, viu que aínda non alcanzaba as nubes de abaixo.

— Fíome de ti! —berrou á Susana e deixouse caer, só suxeito coas cordas.

E así si, así rañou as nubes. Pasou o frasco por cima coa man dereita e coa esquerda axiña puxo a tapa ao frasco. Despois, meteuno por baixo do arnés. E sen máis, gatuñou polas cordas, voltou á asa e regresou, de novo como un bebé en catro patas, até o seu posto na avioneta.

E así que estivo sentado, as nubes comezaron a abrir. O dioivo rematara.

O sol xa voltaba a bicar a terra.

O Ximeno, desde atrás, abrazou a Susana e murmuroulle ao ouvido:

— Obrigado.

E entón si, entón xa a Susana deixou que o biplano virase e descendese para a terra.


© Texto: Xavier Frías Conde
© Ilustración: Elisabete Ferreira