domingo, outubro 30, 2016

A REBELIÓN DOS SACOS DE LIXO


Resultado de imagen de garbage bag


Personaxes

Saco de lixo 1
Señora con canciño
Axente 1 / saco 2
Axente 2 / saco 3
Corredor / saco 4
Rexedora / saco 5
Capitán da policía / saco 6


O palco é un parque convertido en vertedoiro, con sacos de lixo espallados polo chan, principalmente na metade final, para o fondo. Os sacos de lixo han de ser de preferencia mouros.

O palco estará case ás escuras, excepto por algún foco que ilumine, principalmente, a metade del que cae do lado do público, mentres que a outra metade debe estar na penumbra ou até ás escuras.

De repente, un saco de lixo érguese. Pódese notar a súa forma humana, con brazos e pernas. O saco do lixo aproxímase do centro do palco e espreguiza.

SACO 1: ¡Uahhhhh! (estricando). ¡Que soneca tan agradábel! ¡E agora a cear!

De repente, séntense uns pasos. Tamén se ouven uns ladridos de can pequeno. Aparece por un lateral unha señora a pasear o seu canciño. O can será falso. A señora turra del para o centro do palco. O animal oponse ficando parado, mais a señora conseguirá arrastrar nel. Entre tanto, o saco de lixo ficou inmóbil, sentado, no centro do palco.

SEÑORA: Pinki (ao canciño). Ven, parviño, non queiras que che rogue.

O can continúa a se resistir, mais a señora consegue turrar del e chegan á altura do saco de lixo que permanece inmóbil. E mesmo cando o can chega á altura do saco de lixo, este salta de repente sobre el e devórao dun bocado. A correa cae n chan e óuvese un sonoro arroto.
Entre tanto, a señora ficará paralizada, presa do medo. Mais só uns segundos, a seguir, largará un alarido e correrá para o lateral por que entrara, saíndo do palco.
O saco, polo seu lado, hase erguer tranquilamente do chan e irá reunirse co resto dos sacos de lixo na metade final do palco.

SACO 1: Nótase que ese can estaba ben criado. Aínda que fose tan pequeno, tiña moita carne.

Así que o saco de lixo sente xunto cos outros sacos, entre os cales pasará desapercibido, entrará no palco novamente a señora do can, presa da histeria, acompañada de dous axentes da policía que levan cadansúa lanterna.

SEÑORA: Xúrollo, axente. Un deses sacos lanzouse sobre o me Pinki e comeuno de vez, sen mastigar nin nada (di mentres mentres acena para o centro do palco, onde xa case chegaron, mais alí non hai nada)

AXENTE 1: Imos ver, señora, e non será que o seu Pinki, que debe ser brincallón como todos os cans, no se metería el só nun saco para xogar ou procurar comida e agora non pode saír?

SEÑORA: Que non, axente, que non…

Ambos os axentes e mais a señora xa están no centro do palco. Nese momento, o segundo axente aluma coa súa lanterna para o chan e encontra a correa do Pinki alí botada.

AXENTE 2: Sospeitoso, moi sospeitoso (di mentres mostra a correa do can ao seu compañeiro)

AXENTE 1: Ti ves moitas películas, non si?

Nese momento chega un home a correr, en chándal.

CORREDOR: Deixen paso, por favor.

Tenta evitar os policías e mais a señora. Para iso móvese contra os sacos do lixo. Berra. Cae, pérdese entre os sacos. Un deles acaba de o engulir.

AXENTE 1: Está ben? Mancouse? (ao corredor)

Óuvese de novo un arroto. Do corredor non hai rastro ningún, porque caeu entre os sacos de lixo, mais foi engulido por un deles.

AXENTE 1: (ao axente 2) Achégate e dálle unha axudiña a ese señor, se cadra até se mancou.

AXENTE 2: Non penses, eu vou pedir reforzos. Isto é un ataque de zombis. (O axente 2 quita o seu transmisor e comeza a pedir axuda.). A todas as unidades, temos un 4-3-4, ou quizá sexa un 8-0-3… Ben, non sei, a cousa é que necesitamos de reforzos. Repito, necesitamos de reforzos.

AXENTE 1: Non sexas paranoico.

O axente 1 métese entre os sacos.

AXENTE 1: Señor, está ben? Escóitame? Señor?

       Óuvese un novo arroto. O axente 1 desaparece. É engulido por un saco de lixo, de aí o arroto.
       Ao axente 2 cáelle o transmisor para o chan. Quita a pistola. Treme coma un flan.  

AXENTE 2: Sacos de lixo, estades arrestados. Tendes dereito a gardar silencio. Todo o que digades pode ser usado contra vós. Tendes dereito a un avogado. Se non podedes pagalo, hásevos asignar un de oficio...

Mentres vai dicindo todo isto, coa pistola fora da funda, o axente métese tamén entre os sacos de lixo. Axiña desaparece da vista. Óuvese un novo arroto. Tamén el é engulido.
Tres sacos póñense en pé.

SACO 1: Vedes como eu tiña razón? Aquí hai cea para todos.

SACO 2/AXENTE 1: Certo, mais este poli tiña o colesterol un bocadiño alto.

SACO 3/CORREDOR: Polo contrario, o meu era todo fibra. Non gusto de comer deportistas, déixanme famento…

SACO 1: Está ben, non vos queixedes, que eu só comín un can miudiño.

SACO 4/AXENTE 2: A min este policía provócame gases… (e larga un arroto).

Entrementres, a dona do can foi testemuña muda da conversa entre os sacos de lixo. Mais nese instante reacciona e fala co saco 1. Comeza a bater nel co seu bolso.

SEÑORA: Devólveme o meu Pinki, devólvemo…

SACO 1: Señora, pare quieta, por favor.

A señora aínda bate no saco dúas veces máis co seu bolso. Mesmo entón chega a rexedora co capitán da policía.

CAPITÁN: Todo ben, señora?

SEÑORA: Si, mais quero que este lixo me devolva o meu Pinki.

SACO 1: Guau, guau.

SEÑORA: Pinki!

O capitán achégaselle con cautela, esquivando os sacos de lixo; cóllelle a man e turra dela e quítaa da zona dos sacos até a colocar cabo da rexedora.

REXEDORA (ao saco 1): Que reivindicacións tendes?

SACO 1: Só queremos comer.

REXEDORA: Desde cando os sacos de lixo se alimentan?

SACO 1: Desde que vós, os humanos nos creastes. Non estades conscientes de todo o que botades para o lixo. Toneladas e toneladas de desperdicios en vertedoiros. Aí o deixades todo e, se tal, soterrádelo. Entón, sabede que despois de tanto tempo a vos desfacer dos vosos desperdicios, nós cobramos vida. Vós creástesnos…

REXEDORA: Iso é imposíbel. Nós non fixemos tal. Somos os amos do planeta.

SACO 1: Iso é o que vós credes.

REXEDORA: Ademais, como fededes. É que ninguén vos explicou o que é unha ducha?

SACO 1: Señora, sómoslle lixo.

Nese momento, todo o palco fica ás escuras. Non se ve nada. Apenas se ouven tres arrotos consecutivos. Os tres personaxes son engulidos por tres sacos baleiros. Proseguirá a escuridade.

SACO 2/AXENTE 1: Bo proveito

SACO 1: Graciñas.

SACO 5/REXEDORA: Graciñas.

SACO 6/CAPITÁN: Graciñas.

       Regresa a luz. Os seis sacos son de novo os seis personaxes que foron previamente engulidos, aínda que enfundados nun saco de plástico por riba das súas roupas (deixarán saír a cabeza, os brazos e as pernas. O saco 1 é agora a señora do canciño, mas esta camiña sobre catro patas e ladra.

AXENTE 1: Xa está. Agora o planeta é noso.

REXEDORA: E eu vou ordenar, que é do que gusto.

AXENTE 2: Ah, non, que eu sempre quixen ordenar tamén. Déixame a min, déixame a min.

REXEDORA: Nin penses.

CORREDOR: Parecedes humanos.

SEÑORA (fala medio ladrando): Tes razón, arf, arf, tes razón… Auuu (ouveando)

CAPITÁN: Non discutades. O importante é que o demos feito. Como sabía eu que aquel vello ditame humano era totalmente certo.

TODOS JUNTOS: Que ditame?

CAPITÁN: Aquel que di: “Somos o que comemos”. Por tanto, se os humanos comen lixo, son lixo; mais, se nós comemos humanos, somos… (para o público)

REXEDORA (para o público, adiantándose até o bordo do palco): Por favor, non nos confundades cos zombis. Nós cheiramos moito peor.


TELÓN


© Frantz Ferentz, 2016

Sem comentários: