sábado, dezembro 31, 2016

LARA E O CANICORNIO [+10 anos]


Resultado de imagen de unicorn dog

Personaxes

Lara
Artus, o canicornio
Poldo
Berta
Mingo


O palco é un bosque. A parte traseira mostra unha masa impenetrábel de follas, como se fose unha cortina vexetal. Tras ela estará escondido o canicornio (en principio é un can cun chifre na testa), cuxa presenza será recoñecida porque, cada vez que a Lara fale con el, as follas serán remexidas, dando a entender que algo ou alguén está tras elas.
O resto do palco será de facto a calvela do bosque, onde a miúda vén para se encontrar co seu amigo. A cena iníciase coa Lara sentada no chan a falar aparentemente coa follaxe.

LARA: Non sabes? Hoxe na escola dixéronme outra vez que son unha soñadora, unha fantasiosa e que debo xa comezar a me comportar coma unha persoa responsábel. Iso dixo a mestra, mais o peor son os compañeiros, sonche ben ruíns comigo, rin de min todo o tempo...

A follaxe remexe. Polo lateral entra Poldo arrastrándose. Fica a uns dous metros da Lara, escondido tras unha bouzas e fica alí, á espreita.

LARA: Non entenden que eu te teña de amigo, mais como non digo quen es nin como es, todos pensan que es un amigo imaxinario. Dígoche de verdade que teño moita vontade de te presentar aos meus compañeiros, que vexan que es real, que eu non invento nada (a follaxe remexe).

O Poldo aproveita, estando no chan, para quitar o telemóbil do peto e ligar. Non se escoita o que fala.

LARA: Eu non quero ser coma toda esa xente que pasa o día a facer as mesmas cousas, a estar coas mesmas persoas, a ir aos mesmos lugares, a manter as mesmas conversas. Eu sei que hai cousas que non vemos e que están aí. É só cuestión de querer descubrilas, como me aconteceu a min contigo (novamente a follaxe remexe)

Entrementres, chegan a Berta e o Mingo. Arrástranse polo chan até chegaren á posición do Poldo. Todos tres quedan alí, á espreita.

LARA: Acredítame, non teño máis amigo ca ti. Ninguén na aldea quere estar comigo, todos din que son estraña, que son louca, que sería mellor para min mandárenme lonxe onde ninguén me coñeza. Eu só quero que entendan que te teño de amigo...

Os risos dos tres rapaces escondidos xa se escoitan. Aquela conversa élles moi divertida. Os risos son ouvidos por Lara, quen se pon en pé e vira a cabeza na dirección deles.

LARA: Quen está aí?

Os tres rapaces póñense en pé. Móvense até quedaren á altura da Lara.

POLDO: Aiou. A nosa Lara estaba a falar co seu amigo imaxinario, eh?

BERTA: Que tipo de amigo che é? Unha cascuda xigante? Unha vaca faladora? Un auto abandonado con sentimentos?

MINGO: Grazas a isto, imos ter motivos para rir de ti durante os próximos dous anos

Os tres rin ás gargalladas.

LARA: (enfurecida) Chega! Eu non invento nada. O meu amigo é real!

BERTA: E logo, como se chama ese teu amigo? (ton de chacota)

LARA: Artus!

Os tres rapaces volven a rir. O nome sóalle altisonante.

LARA: Artus, por favor, móstrate (e acena coa man para a follaxe ás súas costas).

A follaxe remexe. Ábrese un oco e por el sae unha criatura que ten toda a aparencia dun can. Mais ten unha característica especial. É un can cun chifre na testa. Ademais, trátase dun can dun tamaño considerábel.
Os rapaces fican paralizados á vista daquel animal. Até dan uns pasos para tras por medo a seren atacados.

LARA: Este é Artus.

MINGO: Mais que fera é esa? Parece un can, mais ten un corno!

LARA: Exacto. Trátase dun canicornio.

O canicornio camiña lentamente na dirección dos rapaces, mais estes parecen estar apegados ao chan, até o punto que acaban caendo de xeonllos, mortos de medo.

POLDO: Deteno!

LARA: Por que? O Artus non fai nada.

POLDO: Deteno! Vainos comer!

BERTA: Porque non creo que un can, aínda que teña un corno, sexa vexetariano.

MINGO: Mamá, ven salvarme, ven salvarme, por favor (a chorar).

LARA: Non sexades tan parviños. Como vedes, teño un bo amigo, o mellor amigo. Eu non o imaxino. E agora, Poldo, colle ese teu telemóbil e tírame unhas fotos co Artus. Quero que toda a xente se convenza que non estou louca e que non invento amigos.

POLDO: Como digas, mais bota ese bicho un pouco para tras.

A Lara fai retroceder un pouco o canicornio, para a follaxe.
O Poldo quita o seu telemóbil e tíralle varias fotos.

POLDO: Xa están feitas.

LARA: Pois agora, marchade de aquí e fai con que as fotos se vexan nas redes sociais. Ou, se non, digo ao Artus que me acompañe á aldea...

Os tres rapaces non o pensan dúas veces e saen ás carreiras polo lateral do palco. A Lara fica soa co canicornio.

LARA: Ben, por fin sós. Penso que xa non van rir de min nunca máis. Tiveches unha moi boa idea, porque ben sabías que ese parvo do Poldo me seguiría, así que pensaches todo para que el caese na armadilla, e caeu (ri). E sabías tamén que chamaría polos seus inseparábeis amigos.

O canicornio, entre tanto, fica deitado no chan, preguizoso. A miúda acaríñalle a cabeza e o lombo.

LARA: En fin, creo que fixeches ben finxindo ser un canicornio. Non existe tal animal, mais eles creron que si. Se soubesen cal é a túa verdadeira natureza, sería horríbel, porque até poderían chamar ao goberno e virían cientistas e soldados na túa busca. Mais así, cando falen do canicornio, os adultos pensarán que é cousa de nenos, aínda que haxa fotografías e ti estarás a salvo. Bo, xa son horas de recuperares a túa auténtica natureza.

A Lara retira o corno ao Artus, que está suxeito cunha goma elástica ao redor da súa cabeza.

LARA: Xa está.

O Artus ponse en pé. Queda de facto a dúas pernas e estrica os brazos. Deles xorden dúas asas, que el buliga un par de veces.

LARA: Que bo, Artus. Ninguén posúe o privilexio de ter un amigo coma ti, un auténtico candragón da Bohemia. Grazas por seres meu amigo.


Ambos danse unha forte aperta.

© Frantz Ferentz, 2016

Sem comentários: