sábado, novembro 24, 2018

CHEIROS DE DESTRUCIÓN MASIVA


O Emilio estaba moi atento á Carla.
A Carla era a campioa da cidade en lanzamento de dardos.
Aquel era un día moi importante para ela, porque o liderado estaba en xogo.
Xurdira unha grande rival, a Mariantonieta.
A Mariantonieta era unha total descoñecida que comezara o campionato sen que ninguén apostase por ela, mais chegara á final.
E agora, tocáballe medirse coa campioa actual, a Carla.
O Emilio estaba apaixonado pola Carla.
Ía apoiala até a fin.
Entón, a Carla lanzou.
Tres dardos ficaron moi perto do centro.
E un algo fóra.
Fixo 27 puntos.
Era boa marca.
A coitada dela suaba.
O Emilio quixo abrazala para lle transmitir coraxe, mais ela non quixo, estaba moi pendente do que faría a Mariantonieta, que parecía tranquila.
─ Se non perde a concentración, é capaz de me gañar ─dixo a Carla entre dentes.
O Emilio sentiu aquelas palabras.
Faría o que fose mester para que a súa namorada gañase.
E sabía como.
Afastouse da Carla e lentamente foi achegándose da Mariantonieta.
A Mariantonieta contemplaba a diana como se fose un pastel de crema, porque se relambía.
Facía cálculos.
Si, era realmente boa.
Entón o Emilio comezou o seu plano de "desconcentración".
Primeiro descalzou un zapato.
A seguir o outro.
Xa non descalzou máis, porque só tiña dous pés.
De repente, arredor da Mariantonieta comezou a se espallar un fortísimo cheiro a pés.
A xente en derredor afastouse.
Era inaturábel.
Algúns tusían e alguén mesmo esvaeceu.
O dono do bar onde se celebraba o concurso chamou os bombeiros e a unidade de prevención da guerra biolóxica.
Porén, a Mariantonieta non pareceu notar aquela peste.
Non perdeu a concentración nin por un segundo.
Lanzou o primeiro dardo.
Lanzou o segundo dardo.
Lanzou o terceiro dardo.
Lanzou o cuarto dardo.
Os catro foron directamente ao centro.
Corenta puntos.
O máximo.
Xa non había case xente para aplaudir, o pouco público que non fuxira ou se esvaecera estaba a máis de dez metros da Mariantonieta.
Só o Emilio estaba ao cabo, pois el si era inmune ao seu propio cheiro dos pés.
Até se diría que gustaba del.
Por iso, non puido evitar a curiosidade e, despois de calzar os seus zapatos, preguntou:
─ Oi, como é que non che inflúe o cheiro podre de pés? Seica non tes olfacto?
─ Nada diso ─respondeu a rapariga─. O que acontece é que este cheiriño é moi suave comparado con outro cheiro que eu coñezo.
─ O cal? ─perguntou o Emilio morto de curiosidade.
Aí xa a Mariantonieta quitou un só zapato dela e dixo:
─ Con este.
Todos os presentes na sala fuxiron ás carreiras a conteren a respiración.
Nin cinco autobuses na sala producirían aquela peste.
O Emilio, porén, tivo que ser hospitalizado por intoxicación, porque era a persoa que estaba máis próxima do foco do cheiro.
As unidades de prevención de ataques biolóxicos puxeron toda a cidade en corentena.
Toda a atmosfera da cidade estaba poluída.
Da Mariantonieta xa ninguén soubo máis nada.
E é mágoa, porque, embora lle cheirasen os pés así, era verdadeiramente boa no lanzamento de dardos.

© Frantz Ferentz, 2018

Sem comentários: