sexta-feira, novembro 02, 2018

HONZA E A TOUPA XIGANTE

Resultado de imagen de giant mole
   O Honza corría todo canto podía pola fraga.
  Aquela estraña criatura quebrara a parede da súa cabana como se fose de papel, embora fose de piñeiro macizo.
   As súas poutas case que o alcanzaran, mais o Honza conseguira escapar por un fío.
   Antes de fuxir, notou que o monstro era unha toupa xigante.
   Era, xa que logo, cego, mais tiña un sentido do olfacto impresionante.
   Quizá se anoxara porque o Honza construíra a súa cabana enriba da súa galería de túneis.
   A cuestión é que aquela besta o perseguía sen piedade.
   Debía medir por volta de oito metros de longo.
   Non había árbore que o detivese, levaba todo por diante, a gruñir.
   O Honza non sabía para onde correr, a fraga era grande de máis, aquela besta ía dalo alcanzado.
   Estaría perdido en cuestión de minutos.
   Até que viu aquela luz no medio da noite.
   Probabelmente era outra cabana.
   Correu para ela.
   Durante uns segundos, a toupa enleouse nunhas silveiras.
   Iso permitiulle gañar uns segundos.
   Bateu na porta da cabana.
   "Axuda!", berrou.
   A porta abriu.
   Unha muller con guedellas de bruxa abriu.
   "Axuda, perségueme...", comezou a exprimir o Honza.
   "... A toupa xigante", concluíu a muller. "Rápido, quita a camisa".
   "Que quite a camisa?"
   "Non retruques", dixo a muller nun ton imperativo.
   O Honza, a pesar da friaxe que sentía, quitou a camisa.
   A muller con cabelos de bruxa fixo un vurullo con ela e lanzouna pola traseira da casa, a cal rodou pola aba da montaña abaixo.
   A toupa pasou ao lado da cabana e seguiu o rastro da camisa, a gruñir furiosa e mostrar as súas temíbeis poutas.
   "Obrigado", dixo o Honza. "Salváchesme a vida".
   "Por esta vez", dixo a muller, "mais a toupa xigante voltará, a menos que utilices o único repelente que existe".
   "De que se trata?", perguntou el.
   "Hai algo que funciona moi ben, porque fai que pases desapercibido para a toupa xigante".
   "E como se chama ese produto?"
   "Desodorante. Aplícase aquí, no sobaco".

© Frantz Ferentz, 2018

Sem comentários: