Todo aconteceu repentinamente.
Sen aviso.
Os estudantes da sala de aula estaban concentrados nunha tarefa que a profe Celia acababa de lles encargar.
Por iso, cando uns cantos estudantes comezaron a facer "snif-snif", ademais de cheirar aquel peído inesperado, cheiraron a traxedia.
– Alguén tirou un peído –soou unha voz no fondo da sala de aula.
A profe Celia arrepiou.
Os estudantes cesaron a súa tarefa e comezaron a cheirar.
– Ten cheiro afroitado –dixo o Basilio.
– Con toques de nata – engadiu a Amelia.
– E matices de cebola caramelizada... –concluíu a Petra.
Aínda que non o pareza, aqueles estudantes tiñan un olfacto propio de somelieres.
Mais quen estaba apavorada era a profe Celia, porque aqueles estudantes describiran, sen o saberen, o seu almorzo: hamburguesa con cebola caramelizada, bolos de nata e algo de froita.
Claro que estaba aterrada.
E se os estudantes ficaban a saber que fora ela quen tirara o peído?
Por iso, a profe Celia comezou a actuar:
– Quen rompeu a regra de que na sala de aulas non se tiran peídos?
Silencio.
Ninguén falou.
– Ninguén vai recoñecer que rompeu a regra 12/34b sobre produción de cheiros de orixe intestinal?
Máis silencio.
A profe comezaba a respirar tranquila, malia o cheiro do seu propio peído, que aínda pairaba no ambiente.
Ninguén podería descubrir que ela tirara aquel peído!!
Se o soubesen, perdería toda a súa autoridade, como lles diría "non vos tiredes peídos", cando ela era a primeira que os tiraba?
Por sorte, parecía que ninguén na sala de aula sospeitaba dela.
De facto, ollábanse entre eles para tratar de descubrir quen era o causante daquel gas intestinal, cuxos efectos aínda perduraban.
Porén, a profe Celia tiña que manter o teatro para disimular, outramente non se entendería por que nesa altura non actuaba como tiña actuado noutras ocasións, cando algún estudante tirara un peído.
– Daquela, non sae o responsábel do peído? –dixo con voz moi seria.
Silencio.
– Estades todos castigados sen recreo unha semana.
Murmurios de desaprobación.
Quen tirara aquel peído tan estraño, preguntábanse todos.
Nese instante soou a campá que anunciaba a fin das aulas.
Todos foron saíndo cabisbaixos.
Só ficou Calima, que se achegou da profesora.
– Profe –díxolle mentres a Celia recollía os seus artellos nunha pasta–. Eu sei que o peído é cousa súa.
– Que andas a dicir? –preguntou a Celia moi nervosa.
– Que a profe tirou o peído.
A Celia ficou inmóbil e sen palabras.
Con todo, quixo aínda manter o tipo.
– Esa é unha acusación moi grave e serás punida por iso.
– Déixeo. Ese peído é seu. Eu teño anotados os cheiros dos peídos de todos os estudantes desta turma e ese cheiro non é de ningún de nós.
A Celia non podía acreditar no que ouvía, mais a Calima quitou unha caderneta e foi acenando para como cheiraban os gases intestinais de cadanseu compañeiro da turma.
– Sabe que? –proseguiu a Calima–. Sempre me dixeron na casa que os profes son o noso modelo, mais eu aquí non vexo exemplo ningún...
A Celia enguliu cuspe.
– Mais de todo o ruín, pode saír algo bo. Escóiteme a miña proposta...
***
Cando no día seguinte, os estudantes entraron na sala de aulas, atoparon un recanto novo.
De facto, era un espazo fechado con cortinas de ducha, sostidas con una barra tamén de ducha, enriba da cal dicia: «Sala de xénese de gases».
Contaba, ademais, cun vello extractor de gases que aínda funcionaba.
– O que é isto? –preguntou a Petra.
– É a sala dos peídos –explicou a Calima–. Acabouse a restrición de tirar peídos na sala de aula. Hai un lugar específico onde podemos ir tirar peídos, xa non temos que aguantar a gana.
Aquela noticia foi recibida cun "hurra", e despois con outro, cando aos estudantes lles foi anunciado que o punimento dunha semana sen recreo lles era retirado...
Desde aquela, ninguén tivo que aguantar a gana de tirar peídos na sala, só tiñan que ir á sala de xénese dos gases, como era chamada, e libertar o seu intestino á vontade.
© Frantz Ferentz, 2018
Sem comentários:
Enviar um comentário