sexta-feira, abril 03, 2020

ÉRASE OUTRA VEZ




Dramatis Personae


Muller 1
Muller 2
Camareira

Cadro 1

No palco só se ilumina unha mesa de bar con dúas cadeiras no centro, máis para o bordo, de fronte ao público.
Entra unha figura pola esquerda, en penumbra. Nótase que muda a roupa, deixa uns vestidos vistosos. Avanza cara á mesa. É unha muller vestida con roupas de moteira, co seu overol e o seu casco. Senta, deixa o casco no chan e espera.
Así que senta, pola dereita, tamén en penumbra, entra outra muller. Segue o mesmo proceso,desvéstese de roupas vistosas e a seguir achégase tamén da mesa. Leva un vestido sinxello e unha pamela. Aproxímase da primeira muller.
Muller 1 (erguéndose para dar un bico a Muller 2): Ola, linda, todo ben?
Bícanse. Muller 1 senta e Muller 2 achégase da súa cadeira e despois toma asento.
Muller 2: Todo ben, obrigada (quita a pamela e déixaa a pendurar no respaldo da cadeira). Qué tal todo pola casa?
Muller 1: Ben, o meu home, como sempre, de caza, ás súas cousas. 
Muller 2: Cómo te entiendo... o meu, en troques, dedícase a tuitear todo o santo día e subir fotos ao Instagram. Só quere que o admiren.
Ambas largan un sonoro suspiro asemade.

Cadro 2

Nese momento, Achégaselles a camareira. É unha moza que veste unha blusa branca e un pequeno pano vermello que lle suxeita o cabelo. O seu mandil tamén é vermello.
Camareira (sorrindo): Ola, mozas, o que vos poño?
Muller 1: Para min un café con leite, mais con nata por riba.
Camareira: Entendido (toma nota nunha libreta). E para ti? (dirixíndose a Muller 1).
Muller 2: Non che sei, son tan indecisa...
Camareira: Déixame aconsellarche. Temos unha batida de guanábana que resucita un morto. Recoméndocha.
Muller 2: Guaiaba?
Camareira: No, guanábana. É unha froita tamén da América. Éche feísima, mais o seu sabor é unha marabilla.
Muller 2: De acordo, tráeme unha desas.
A camareira toma nota e sae.

Cadro 3

Muller 2: Sabes? Teño tido tantas saudades de ti (toma a man da súa amiga que está enriba da mesa). Non dou entendido como tanto ti coma min nos deixamos arrastrar por un par de cretinos.
Muller 1: Ben, hai que entender o contexto. Eramos moi novas. Ambas viviamos nunhas circunstancias onde os nosos pais nos controlaban, e claro, aqueles dous parvos viñeron, bicáronnos pola primeira vez e cremos que todo era de cor de rosa.
Muller 2: Si, éche así. mais aínda ben que nos coñecemos naquela festa. 
Cóllense ambas as mans.
Muller 2: Non podería vivir todo este inferno sen o teu apoio. Aínda ben que nos podemos ver de vez en cando, estar xuntas, apoiarnos...
Muller 1: Si, mais isto é un remendo. Eu non podo aturar máis. Vou mandar o tuiteiro con súa nai, que para ela é sempre o seu bebé curriño...
Muller 2: Estás certa?
Muller 1: Ao cento cincuenta por cento.
Hai un momento de silencio. Ambas óllanse, sen ceibaren as mans.
Muller 1 (nerviosa): E por qué no dás o paso e mandas o teu cazador a papar ventos e marchamos ti e mais eu xuntas?
Muller 2: Mais para dónde?
Muller 1: Que sei eu. Tanto ten. O importante é que esteamos xuntas. Non quero depender dun tipo só porque unha vez me beixou e aparentemente me salvou.
Muller 2: Enténdote tan ben. Por iso hai tanta química entre nós.

Cadro 4

Entra a camareira. Leva unha bandexa en que transporta as bebidas. Primeiro coloca o café con leite e a seguir a batida de guanábana nun copo alto.
A camareira xa se está a retirar, mais, de golpe, detense e volve para a mesa.
Camareira: Perdoade o atrevemento, mais creo que vos coñezo.
Muller 1 e Muller 2 ceiban as mans e fitan para a camareira.
Camareira: Eu xa vos teño visto dantes (fai xestos de querer recordar). Vós non sodes... non sodes... non sodes... un dueto musical que actuaba hai anos?
Muller 1 e Muller 2 botáronse para atrás, asustadas. Parecían querer non ser recoñecidas, mais agora relaxan.
Muller 2: Non, non somos nós.
Camareira: Disimulade, disimulade.
Muller 1: Nada, muller.
Camareira (mal se dá media volta, cando, de repente, encara as clientas): Xa sei! Vós sodes Branca de Neve e Bela Dormente!
As dúas mulleres bótanse para atrás, arrastrando a cadeira.
Muller 1: Cala, por favor.
Camareira (sorrindo): Tranquilas, aquí estades entre amigas. Non sabedes quen son eu?
Ambas as mulleres negan coa cabeza,
Camareira: Eu son Christine Chapeau.
Ambas as mulleres fican a se ollar sen comprenderen.
Camareira: Máis coñecida como Carapuchiña Vermella.
Muller 1 e 2 (asemade): Ahhh!
Camareira: Así que, ficade tranquilas.
Muller 2: Mais a ti non tentou comerte un lobo e fuches salva por un cazador? 
Camareira: Non, en absoluto. Essa foi a versión que contamos. Na verdade, o cazador era un cretino que quería casar comigo para eu lle cociñar e lle lavar. Valeunos de escusa, fixémoslle crer que matara o lobo, mais o certo é que foi todo unha montaxe. O lobo é agora o meu home, quen, a propósito, é quen serve na barra, levamos o negocio entre os dous.
A camareira saúda ao fondo, mais non se ve nada, porque está escuro, mais óuvese un ouveo.
Muller 1: Obrigada por todo.
Camareira: Non hai de que. E estades convidadas.
Muller 2: Qué bonito detalle! Graciñas outra vez.
A camareira retírase.

Cadro 5

Muller 1: Ben, anímaste?
Muller 2 hesita uns instantes.
Muller 2: De acordo, vaiámonos xuntas e deixemos eses dous mentecaptos.
Muller 1: Se queres, pómolos en contacto entre eles.
Muller 2: Non vale a pena... Son demasiado perfectos, o ao menos iso pensan eles, admíranse só a si propios.
Muller 1 toma o café dun só grolo
Muller 2 téntao, mais precisa de tres grolos.
Muller 1: Daquela, heite recoller mañá ao riscar o día?
Muller 2: Si, Mais como viaxaremos?
Muller 1: Na miña moto, ou seica esqueciches que che son unha muller de recursos?
Ambas érguense e abrázanse. Recollen o casco e a pamela, e xébranse. 
A unha vaise pola esquerda e a outra pola dereita. Ambas volven a se vestir como no inicio, mais agora si se ven as súas roupas. Son traxes de princesas. Ambas colócanse unha diadema.
Saen cada unha por un lateral.

Telón

© Frantz Ferentz, 2020

Sem comentários: