domingo, março 07, 2021

COUSAS DE MONSTROS

 

PERSONAXES: 3 monstros peludos.

LUGAR: Interior dunha cova con iluminación de fachos. MONSTRO 1 e MONSTRO 2 sentados no chan beben de caveiras humanas.

MONSTRO 1: Estou desesperado (coa caveira na man), se non consigo asustar polo menos dous rapaces esta semana, vanme botar da tribo.

MONSTRO 2 dá unha palmadiña a MONSTRO 1 no ombro.

MONSTRO 2: Como te entendo! Hai tres semanas que non dou espaventado ningunha cría humana. Experimentei con todo, mais foiche en van.

Ambos os MONSTROS sacoden a cabeza con pesar. Entra MONSTRO 3. Senta cabo dos outros dous monstros.

MONSTRO 3: Ola, rapaces! Por que estades tan lúgubres?

MONSTRO 1: ¿Lugru... qué?

MONSTRO 3: Con cara de preocupados.

MONSTRO 1: Que fino falas. Unha caveiriña de sisos?

MONSTRO 3: Non, obrigado, xa almorcei. Por que tanto desasosego?

MONSTRO 1: A ver, a ver, por que falas tan estraño? Ti no eras así e por riba estás moi ledo. 

MONSTRO 3: Claro que estou ledo. Teño un éxito rotundo asustando humanos. Sonvos o campión non só da tribo, senón de todo o cuadrante escuro Beta 4A.

MONSTRO 1: Cóntanos iso.

MONSTRO 3: Todo comezou por acaso cando entrei por erro nun predio grandísimo. Chámanlle biblioteca. Acontece que alí empecei a ler sobre os humanos, aprendín do que gustan e do que non. Aprendín o que era o cinema e lin sobre filmes de terror. Virei todo un especialista en crear cenas de terror para os humanos máis novos segundo as técnicas que eles mesmos utilizan. E limítome a utilizalas con eles propios. 

MONSTRO 2: Qué interesante! Mais non sei o que é nin bibliqueta ni finema.

MONSTRO 1: Eu tamén quero experimentar. Como é que se fai todo iso?

MONSTRO 3 quita un libro de embaixo do pelame.

MONSTRO 3 [entusiasta] De aquí sae toda a miña sabedoría!

MONSTRO 2 arrebátalle o libro das mans e come nel destrozándoo. Logo cuspe algúns anacos. MONSTRO 3 leva as mans para a cabeza. MONSTRO 2 sae ás carreiras.

MONSTRO 2: Que noxo! Esa cousa sabe a papel e tinta!

PANO

Frantz Ferentz, 2021

Sem comentários: