domingo, março 07, 2021

O SEÑOR NON SABE QUEN SON EU

 


Un auto parado, ocupado por HOME e MULLER. É cabrio, por tanto, os diálogos decorren facilmente. Mesmo atrás hai dúas motos, con AXENTE 1 e AXENTE 2, cuxos sexos non están determinados.

O AXENTE 1 acóstase ao auto parado. Saúda militarmente.

AXENTE 1: Bo día. Sabe por que lle fixen parar?

HOME: Non.

AXENTE 1: Por exceso de velocidade.

HOME: Pero, axente, esta estrada é toda chá, non hai nin un auto. Que problema hai?

AXENTE 1: Que superou tres veces o limite de velocidade.

HOME: En fin, axente, non quería chegar a isto, mais sabe quen son eu?

AXENTE 1: Non, señor.

HOME: Que non sabe quen son eu?

AXENTE 1: Non, señor, xa llo dixen.

HOME: Pero a min coñéceme toda a xente, eu son...

Chega o AXENTE 2. Interrompe o HOME.

AXENTE 2: Algún problema?

HOME: Estaba a piques de dicir ao seu compañeiro quen son eu, parece mentira que non me coñezan. Eu son...

AXENTE 2 [interrumpiendo]: Documentación do condutor e do automóbil, por favor.

O HOME fai un xesto á MULLER. Ela abre o garda-luvas e quita un portafolio. Dáa ao HOME e este extrae dous documentos que pasa ao AXENTE 1.

AXENTE 1: E agora, por favor, o seu permiso de conducir.

O HOME mete a man nun peto interior, quite o carné de conducir e entrégao ao AXENTE 1.

HOME: Xa ve quen son eu?

O AXENTE 1 mostra o carné ao AXENTE 2. Bisban entre eles.

HOME: Xa sabe quen son eu?

AXENTE 2: Garde silencio, por favor, porque así non podemos ler o seu documento.

HOME [á muller]: Dilles quen son eu!

MULLER: Dillo ti.

Ambos os axentes ollan para a muller. A seguir, o AXENTE 1 contempla o AXENTE 2:

AXENTE 1: E sabe quen son eu?

AXENTE 2: Non teño idea. E o señor sabe quen son eu?

AXENTE 1: Tampouco. Señora, sabe quen somos?

MULLER: Lamento, mais non.

AXENTE 2: E a señora quen é?

MULLER: Non llo sei, a verdade.

AXENTE 1: Daquela, ninguén aquí sabemos quen somos.

AXENTE 2: Que duro isto, non si?

MULLER: Si, si...

HOME: A ver, alto, que eu si vos sei quen son...

AXENTE 1: Mais o señor pasou todo o tempo a preguntar quen é, así que está tan perdido coma nós.

HOME: Que non, que non! Eu ben sei quen son. Son alguén moi importante, moito. Eu son... eu son... eu son... Raios, olle no meu carné!

O AXENTE 1 observa o carné.

AXENTE 1: Verá, non trouxen os anteollos de ler, así que non vexo nada.

Devólvelle o carné e o resto da documentación.

HOME: Non pode ser...

MULLER: Daquela, se ningún non sabemos quen somos, mellor marchamos todos, non? Axentes, ¿algún de vós me pode levar na súa moto?

AXENTE 2: Claro, señora.

HOME: E logo, marchas con eles e déixasme aquí chantado? Seica non sabes quen son eu?

MULLER: Laméntoo, mais non me lembro.

Ela sae do auto e monta detrás do AXENTE 2.

AXENTE 1: Ben, xa está. Apuntada a matrícula. Vaille chegar unha coima considerábel por exceso de velocidade. Que teña un bo día [saúda militarmente].

O AXENTE 1 regresa á súa moto. Óuvese como ambas as motos arrancan, mentres o HOME continúa a berrar.

HOME: Vós non sabedes quen son eu! Vós non sabedes quen son eu! Vós non sabedes quen son eu!

MULLER E AXENTES 1 e 2 [asemade]: Non, non o sabemos!


PANO

© Frantz Ferentz, 2021


Sem comentários: