domingo, setembro 26, 2021

UN PRÍNCIPE AZUL NO LIXO

 


Dramatis personae

Andrea

André

Salamiconpán, príncipe azul (ten realmente a pel azul), vestido con roupas de príncipe.

 

 

ACTO 1

 

Unha praia do trópico. O chan é de area. Hai algúns matos. No fondo, vese o mar. Nun lateral, hai unha enorme caixa de madeira alongada.

No inicio, o palco é baleiro. Non hai ningún ser humano. De repente, óuvese a voz dunha rapariga que berra sen aínda ser vista.

ANDREA: Axúdame, que non podo eu soa.

Outra voz, esta de rapaz, responde sen que tampouco se vexa o seu propietario.

ANDRÉ: Vou, impaciente. É que me pareceu ver un sapoconchiño a correr para a praia, mais a final era unha ra.

ANDREA (estrañada): Unha ra na praia? Ti soñas.

ANDRÉ: Daquela sería un mexillón con patas...

ANDREA: Ven, que no podo eu soa.

ANDRÉ: Vou, vou.

Entón xa aparecen os dous no palco. Dun lateral, ambos arrastran unha rede grande de máis, toda chea de residuos. Pódese apreciar a ollo nu que hai embalaxes, bolsas, roupa...

Arrastran a rede até o centro do palco. Lárgana, déixana caer no chan e fican os dous sentados. Suspiran, bufan. Decorren uns segundos. De repente, Andrea érguese.

ANDREA (decidida): Ben, xa chega, imos proseguir con isto.

ANDRÉ (lamentándose): Mais, ti que dis? Estou rebentado.

ANDREA (anoxada): Ti? Ti, rebentado? Ti non moviches un dedo.

André érguese sen vontade. Dedícase, xunto con Andrea, a abrir a rede e extraer lixo, peza a peza. Vese como sacan os restos dun triciclo, unha bóla de fútbol rota, trapos, moitas bolsas de plástico, botellas tamén de plástico. 

Todo o meten en bolsas plásticas pretas que previamente colocaron en derredor, onde clasifican o lixo.

De repente, cando André mete a man na rede, óuvense uns queixumes, varios "ai", até que ao cabo se escoita un comando:

PRÍNCIPE: Non me tires do cabelo!

André detense. Andrea achégaselle. Ambos os rapaces fican a ollar. Daquela vese como a rede se move e sae unha figura, que se pon de pé quitando o lixo de enriba sacudíndose.

Trátase dun home azul.

André e Andrea axudan ao acabado de aparecer a saír da rede. O home colócase entre ambos os rapaces.

PRÍNCIPE: Obrigado, nenos. Onde é que estou?

ANDREA: En Manabí, Ecuador.

PRÍNCIPE: Ui, que lonxe acabei.

ANDRÉ: E que fas aí, atrapado nesa rede?

PRÍNCIPE: Ben, évos unha longa historia, mais, para abreviar, heivos dicir que eu son o príncipe Salamiconpán, príncipe azul do reino de Halucinestán. Hai unha semana, houbo unha revolución no meu reino, fun derrocado xunto con toda a miña familia real, e proclamaron unha república. A min, directamente botáronme ao lixo, porque dicían que os príncipes azuis non servimos para nada, agás para encher a cabeza das mozas de fantasías. En fin, que como todo o lixo acaba no mar, eu tamén fun parar a esa illa de plástico.

ANDREA: Cada vez hai máis illas de plástico, iso é verdade. Moita desa porqueira remata na costa. Nós tentamos limpar as praias e, de paso, vender plástico para a reciclaxe.

ANDRÉ: Lamento a túa situación. Que podemos facer por ti? Que sabes facer na vida?

PRÍNCIPE: Nada, os príncipes azuis non sabemos facer nada, mais eu gustaba da política, podería ter feito cousas boas se me deixasen. En fin...

ANDREA: Oi, teño unha idea. Se cadra, podemos reciclarte, como facemos co lixo aquí.

PRÍNCIPE (alporizado): Estás a me chamar lixo?

ANDREA: Nooooon, só dicía que te podemos transformar.

PRÍNCIPE: Como?

ANDRÉ (a Andrea): Estás a pensar na nosa máquina recicladora?

ANDREA: Estou.

ANDRÉ: Se cadra é unha boa idea. (Ao príncipe) Acompáñanos.

Os tres camiñan cara a caixa de cartón, con dúas entradas por cada lateral.

André e Andrea colócanse nun dos extremos, seguidos polo Príncipe Azul. Detéñense cabo dela.

PRÍNCIPE: E onde está esa vosa máquina recicladora?

André dá uns toques na caixa de cartón.

ANDRÉ: Éche esta.

O Príncipe Azul larga unha risada.

PRÍNCIPE: Como brincadeira évos boa, mais eu esperaba que me axudariades.

ANDREA: E imos axudarche. Non te fíes do aspecto da nosa recicladora. Construímola nós mesmos e funciona moito ben.

ANDRÉ (colocando a súa man no ombreiro do príncipe): Fíate de nós, como che di a Andrea.

O príncipe azul gruñe, mais ao cabo dá un paso e entra na caixa polo lateral. A seguir, o André mete a man na caixa e manipula uns comandos.

Óuvense un “Aaaahhhhh” de susto do príncipe.

Soan algúns sons mecánicos, que non duran uns poucos segundos.

Ao cabo, o príncipe sae polo outro lado da caixa, mais xa non ten o mesmo aspecto que tiña antes de entrar.

Agora veste roupa normal e a súa pel xa non é azul.

O príncipe, cando sae da caixa, non fai outro que ollar para os seus brazos.

PRÍNCIPE (entusiasmado): Funcionou!

ANDREA (a sorrir): Estás reciclado!

ANDRÉ (ao príncipe): E agora que farás.

PRÍNCIPE: Non sei... teño que pensar. Mais agora que son normal, quero facer cousas. Aburiño e novamente obrigado.

O príncipe mexe a man como despedida e logo marcha polo lateral que fica máis lonxe, mentres os dous rapaces ollan para el, até que abandona o palco.

Vai para o escuro.

 

ACTO 2

 

André e Andrea continúan a recoller lixo na praia, como no inicio do acto anterior.

ANDREA: Olla que es lento cando queres, eh?

ANDRÉ: Lento, non, selectivo.

ANDREA: Todo é lixo.

ANDRÉ: Hai lixo, lixo-lixo e lixo lixísimo. Non é todo o mesmo.

ANDREA: Mais pode ser reciclado?

ANDRÉ: Pode.

ANDREA: Daquela recolle e cala a boca.

ANDRÉ: Que antipática es ás veces!

ANDREA: E ti que preguizoso e que cocho... (Detense) Unha botella!

ANDRÉ: Iso que é, un novo insulto? Chámasme de botella?

ANDREA: Non, que hai unha botella.

ANDRÉ: Que novidade, isto está cheo de botellas de todos os tamaños, cores e duns poucos materiais.

ANDREA: Si, mais esa está aínda no mar e vén contra nós.

Andrea acena para un punto impreciso para o mar. Érguese e recolle a botella. A seguir, regresa ao pé do André.

Ambos fican a ollar para a botella con moito interese.

A botella é de vidro. Andrea quita a rolla, que é de cortizo.

ANDRÉ: Parece que ten un papel dentro, non si?

Andrea mexe a botella para riba e para baixo até que fai caer un papeliño enrolado.

Cólleo da area, desencártao e le nel, mais a voz que soará non é a dela, mais a do Salamiconpán.

PRÍNCIPE: Queridos Andrea e André: Xa decorreron un par de anos desde que me rescatastes na praia. Grazas a vós, a miña mudou completamente. Quérovos contar que son un home novo. Regresei a Halucinestán. Ninguén me recoñeceu, porque con aquela miña pele igual ca do resto da xente, puiden facer unha vida normal. Daquela, eran as eleccións a presidente da república. Fixen campaña e gañei. Agora son o presidente de Halucinestán. Porén, non todo rematou aí. Aconteceu que me apaixonei por unha muller. Ela era unha princesa amarela. Como tiña a pel de cor, era moi marxinada. Mais é tan linda. En fin, que casamos e xa tivemos a nosa primeira filla. Como eu mudara a miña cor de pel, mais non o meu sangue, que continúa a ser azul, a nosa filla saíu verde, por aquilo da mestura de cores, ben sabedes, azul e amarelo dá verde. Teño certeza de que esta mensaxe vos chegará porque, por desgraza, todo o lixo acaba no mar e vós recollédelo todo. Graciñas e até sempre.

André limpa a meixela onde unha bágoa loita por saír. Está emocionado.

Andrea permanece inmóbil.

ANDRÉ (incorporándose): Alégrome por el.

Andrea tamén se incorpora, mais toma un ton serio.

ANDREA: Volvamos ao traballo, que todo este lixo non se limpa só.

ANDRÉ: Oi, ti cres que algunha vez rescataremos alguén interesante outra vez?

ANDREA: É capaz, mais iso non ocorrerá se deixamos todo este lixo aquí na praia.

Ambos continúan a súa recolla do lixo en silencio.

De repente, Andrea grita a André.

ANDREA: André, ven, que parece que hai un pelicano na rede!

VOZ: Sacádeme de aquí, sacádeme de aquí.

ANDREA: E por riba fala!

Cae o pano.

Sem comentários: