sexta-feira, novembro 26, 2021

COUSAS DE DINOSAUROS

 


PERSONAXES


Aligator: é un rapaz. Pronúnciese claramente como está escrito, e non <aliguéitor>

Reparador: é o pai de Aligator

Xenérica: é a nai de Aligator.


ACTO ÚNICO

CADRO 1


A sala de xantar dunha casa calquera. No centro do palco, próximo do público, hai unha mesa grande, onde a xente almorza e xanta.

A Xenérica está tranquilamente a tomar unha sopa nunha cunca, coa ollada perdida. A metade das veces que mete o coller na sopa, sácaa baleira ou cáelle case todo de novo na cunca.

De repente entra o Reparador por un lateral a camiñar con pasos amplos, decididos, case a saltar, até que chega ao pé da muller. Leva unha mochila nas costas.

REPARADOR [en ton xovial]. Xa estou aquí!

XENÉRICA [indiferente, apática]. Ah, ola.

REPARADOR. Chegou o neno? [bícalle a cabeza, sen ela deixar de alzar o coller unha e outra vez].

XENÉRICA. Aínda non.

REPARADOR. Aínda ben.

XENÉRICA [sempre a meter e quitar o coller na sopa]. E logo? Xa cansaches do rapaz? 

REPARADOR. Non é iso, muller. Hoxe é o seu día de anos, non te lembrabas?

XENÉRICA. A verdade, non. Non teño eu cabeza para lembrar os aniversarios de todos os meus fillos.

REPARADOR. Fillos? Só tes un.

XENÉRICA. É verdade. [Alzando a vista para o home] Mercaches a sopa, logo?

REPARADOR [lixeiramente alporizado]. Non, raios, non. Ocupeime do agasallo do noso fillo hoxe.

XENÉRICA [frustrada]. Outro día a pasar fame, que desgraza.

REPARADOR. Non entendo por que só comes sopa.

XENÉRICA. Porque gusto dela e só teño que a quentar no microondas.

REPARADOR [a recuperar o ton xovial]. A cuestión é que xa teño o presente para o noso fillo, custoume moito atopalo.

Mentres fala, Reparador pousa a mochila no chan da mesa. Non está fechada. Xenérica non fai outro que ollar para dentro, moi curiosa, mentres Reparador continúa a falar, évos máis ben un monólogo.

REPARADOR. O noso fillo é un neno moi especial. O que el procura é algo que máis ninguén teña. E eu, como seu pai, estou aquí para lle fornecer aquilo que el desexa [emociónase e até parece que lle vai caer unha bágoa]. Como che digo, case calquera agasallo pode ser conseguido con imaxinación.

Xenérica para de mirar na mochila. Fita para o seu home.

XENÉRICA. Que parvadas dis? Se o neno che pedir como agasallo de aniversario facer de gladiador, como o farías?

REPARADOR [largando unha breve gargallada]. Moi fácil, simplemente o levaría a ver un filme de gladiadores, ou até lle compraría uns lentes de visión virtual cun xogo de gladiadores. Con imaxinación é todo posíbel.

XENÉRICA. Que parvadas dis, meu. 

Xenérica volve interesarse polo contido da mochila, até mete a man e atopa dous ovos, que recolle e quita da mochila. Póusaos na mesa.

XENÉRICA. Estes dous oviños, cocidos, poden servirme para a cea.

REPARADOR [sobresaltado]. Para aí! Non toques eses dous ovos!

XENÉRICA. Egoísta, quérelos ambos para ti, que nin fuches facer as mercas.

REPARADOR. Nooooon! Ese é o agasallo para o Aligator!

XENÉRICA. Un par de ovos? Talvez cocidos? Viva a imaxinación!

REPARADOR. Non entendes nada.

Reparador mete a man na mochila e quita unha caixa de cartón e mais unha pequena lámpada con baterías que coloca na parede da caixa. Alí deposita con moito coidado os dous ovos e prepara unha incubadora.

REPARADOR. Viches?

XENÉRICA. O que é que teño que ver?

REPARADOR. A incubadora.

XENÉRICA. Esa caixa é unha incubadora?

REPARADOR. De ovos de dinosauro.

XENÉRICA. Eu sempre pensara que os ovos de dinosauro serían meirandes. Estes ben parecen de galiña.

REPARADOR. É que son de galiña.

XENÉRICA. Mais non acabas de me dicir que eran de dinosauro?

REPARADOR. Certo, son de galiña e de dinosauro asemade.

XENÉRICA. Toleaches?


CADRO 2


Chega Aligator que interrompe a conversa entre os seus pais. Entra polo lateral. Leva unha mochila ás costas. Achégase da mesa onde están os pais.

ALIGATOR. Ola, familia!

REPARADOR. Ola, fillo. Feliz día de anos!

Dálle un bico na bochecha. Despois, volve sentar.

XENÉRICA. Feliz aniversario, Aligator.

Xenérica érguese e dálle tamén un bico, despois senta de novo para continuar a sorber na súa sopa

De repente, Aligator repara na caixa enriba da mesa con dous ovos.

ALIGATOR [apuntando para a caixa]. E isto que é?

REPARADOR. O teu presente de aniversario.

ALIGATOR. A serio? Unha caixa con dous ovos? É para eu aprender a cociñalos?

REPARADOR. Non, fillo, isto son ovos de dinosauro.

ALIGATOR [sorprendidísimo]. Lembrácheste do que vos pedira para este aniversario!

REPARADOR. Claro, filliño.

XENÉRICA. Dille a verdade, dille que son ovos de galiña.

ALIGATOR [deludido]. Que son de galiña? Non son de dinosauro?

Nese momento, Reparador recolle a súa mochila e comeza a quitar libros que deixa enriba da mesa. Hai ademais un cartaz, que é este:

REPARADOR. Olla, todos estes libros falan da evolución. Neles demostran que os dinosauros evoluíron nas galiñas. Este afiche mostra iso.

O Aligator enxerga o cartaz con interese.

REPARADOR. Como es un amante da bioloxía, creo que poderás reverter a evolución destes dous ovos até os converteres en ovos de dinosauro, porque nos seus xenes están aqueles bichos espaventosos.

ALIGATOR [fascinado, con cara de parvo]. Tes razón, podo choerme no meu cuarto a investigar e esperar que os ovos eclosionen, para os someter a un proceso de retorno evolutivo. Coido que poderei alcanzar un estado previo en cuestión de meses, uns dinosauros pequerrechos do tamaño dunha galiña... [ri] Soa ben iso. Ademais, así podo usar o voso presente de hai un par de anos, o traxe de cientista tolo, mais sen eu tolear [agora ri maleficamente, coma un cientista louco]

Reparador aplaude entusiasta.

REPARADOR. Este é o meu fillo [abrázao].

XENÉRICA [parando de sorber na sopa]. Imaxino que mercarías os ovos xa fecundados. En que negocio de animais de compañía os mercaches? Ou foi nunha granxa?

REPARADOR. De que falas? Compreinos no supermercado, que che me saen moito máis baratos.

XENÉRICA [erguéndose e recollendo os ovos]. Olla que es parvo ti. O mellor que se pode facer con estes ovos é fritilos. 

ALIGATOR. Eu quero un ovo estrelado.

REPARADOR. Daquela, eu quérocho cocido.

XENÉRICA. Non, o outro ovo é para min. Ti vai ao supermercado e merca outro ovo para ti. E de paso, merca unhas candeas para que o fillo as sopre. É incríbel que teña que facelo sobre uns ovos en vez de sobre unha torta... Eu vou preparar os ovos.

REPARADOR. Eu vou comprar polo menos media ducia deles...

ALIGATOR. Eu vou... eu vou... ao meu cuarto fabricarme eu propio o meu agasallo de aniversario.

Cada un dos personaxes sae do palco por puntos diferentes.

Vai para o escuro.


Pano

© Frantz Ferentz, 2021

Sem comentários: