sexta-feira, novembro 26, 2021

EU E O MEU NOME

 

PERSONAXES


Angus: é unha nena.

Avó Trifulco: é inventor

Avoa Aromática: sofre de perda parcial de memoria.

Avoa Sixtina: é fumadora compulsiva. Aparece rodeada dunha nube de fume de tabaco todo o tempo, só se lle verán as pernas.

Avó Tríptico: é un antigo espía que sofre de manía persecutoria.

Carteiro: trae un paquete para Angus.


ACTO ÚNICO

Angus está sentada no salón da casa. A única mobilia é o sofá que hai ao fondo do palco, no centro. Está a ler tranquilamente un libro, pasa unha páxina. De repente, hai un estrondo. Entra no palco o avó Trifulco. Arrastra un saco enorme, en cuxo interior hai algo que no inicio non se ve. Parece pesado. Achégase á meniña.

TRIFULCO. Angus, axúdame. Angus, ven. Angus, quero que vexas o meu último invento!

Angus pousa o libro no sofá, aberto para non perder a páxina e encóstase ao seu avó, quen está a quitar o saco para deixar ao descuberto o obxecto oculto.

ANGUS. Que queres, avó?

TRIFULCO [emocionado]. Angus, Angus! Con este meu invento, Angus, vou revolucionar os sistemas de alarma. Ademais, Angus, este concretamente é moi económico, non precisa de instalación e os seus efectos sobre potenciais ladróns, Angus, son impresionantes.

Mentres fala, acaba descubrindo o obxecto en cuestión. É un funil moi grande, cunha boca enorme e un extremo para a saída dos líquidos máis pequenos, cunhas correas.

O avó coloca o extremo fino do funil no traseiro e axústao coas correas.

TRIFULCO. Angus, viches?

ANGUS. Non entendo nada. Para que queres colocar aí ese funil?

TRIFULCO. Angus, non é un funil, é un potenciador de peidos.

ANGUS. Avó, que andas a dicir? Que parvada é esa? Para que queres potenciar o son dos peidos?

TRIFULCO. Miña querida Angus, na verdade o aparello é máis completo que iso. Potencia o son e tamén o cheiro. Imaxinas, Angus, un peido cen veces máis potente que un normal? Só con medios naturais, un ten un sistema antiladróns totalmente eficaz, non ves, Angus?

ANGUS. Paréceme unha porcallada, avó... E ademais, dubido que funcione.

Angus regresa ao sofá e retoma a súa lectura. Entrementres, o avó Trifulco ponse a argallar no seu invento, como se axustase pezas, cun desaparafusador.

Entra a avoa Aromática. Pasa ao lado do avó Trifulco, a ollar para o chan, para o alto, para diante, para trás, como se procurase algo no ar.

Chega ao pé do sofá e detense ao carón de Angus.

AROMÁTICA. Ola.

Angus interrompe a lectura e pousa novamente.

ANGUS. Ola, avoa. Todo ben?

AROMÁTICA. Non, non, non. Perdín novamente a memoria e ando a procurala... Non a verías por algures?

ANGUS. Non, avoa.

Aromática fica a ollar para Angus.

AROMÁTICA. Ti e mais eu coñecémonos?

ANGUS. Claro, sonche a túa neta Angus.

AROMÁTICA. Angus? Algo che me soa ese nome. Angus, Angus, Angus, Angus...

ANGUS. Por que non sentas aquí un bocadiño para recuperares o folgo?

AROMÁTICA [concentrada]. Angus, Angus, Angus, Angus... [para a miúda] Oi, ti viches a miña memoria, meniña? E como te chamas?

ANGUS. Son Angus, a túa neta.

AROMÁTICA. Es moi curriña ti, recórdasme a alguén, mais non sei quen.

Aromática afástase do sofá e fica ao cabo, a ollar para o chan, mentres camiña en círculos. Entre murmurios vai repetindo o nome de Angus.

Angus retoma a súa lectura sentada no sofá.

Nese intre entra no palco a nube de fume que envurulla a avoa Sixtina. Camiña devagar, cantarexa algo e achégase ao sofá.

SIXTINA [en ton alegre]. Ola, Angus, como che vai?

Angus novamente pousa o libro no sofá, aberto boca abaixo.

ANGUS. Aquí tranquila, a ler este libro, que presta moito [acena para o libro]. E ti que tal?

SIXTINA. Moi ben, Angus, netiña. 

ANGUS [adoptando un ton serio]. Avoa, non vas parar de fumar algún día?

SIXTINA. Mesmo agora non estou a fumar, Angus.

ANGUS. E todo ese fume que te envurulla?

SIXTA. Son xa tantos anos de fumar que debeu tomarme cariño, Angus...

Entra silandeiro o avó Tríptico, na punta das dedas. Achégase á avoa Sixtina e escóndese tamén na nube, mais non o fai moito ben, porque se lle ve unha boa parte do seu corpo.

A avoa Sixtina nótao, reméxese e quéixase.

SIXTINA. Que fas aí? Lisca!

TRÍPTICO. Cala a boca, que me van descubrir.

ANGUS. Quen, avó?

TRÍPTICO: Os meus inimigos, Angus. Xa sabes que son un espía moi cotizado. Sei millóns de segredos e por iso queren liquidarme, Angus.

SIXTINA. Angus, di ao teu avó que procure outro lugar onde se esconder.

TRÍPTICO. Angus, di á túa avoa que non me quero pór en perigo.

SIXTINA. Angus!

TRÍPTICO. Angus!

TRIFULCO. Angus!

AROMÁTICA. Angus!

OS CATRO AVÓS [asemade]. Angus!!!

De supetón, soa un breve estoupido. A seguir, os catro avós continúan a chamar pola neta, mais xa non pronuncian o seu nome, mal lles sae un son, algo parecido con “iihh”. Fican un anaco así, a chamar pola neta, mais sen pronunciaren o seu nome, só producen o chío.

Angus para de lles prestar atención e volve ás súas lecturas.

Un carteiro entra por un lateral. Fai soar unha campaíña invisíbel nunha porta tamén invisíbel.

Soa a campaíña da porta. Sorprende a todos. Angus érguese do sofá e vai abrir. Nun lateral do palco hai un carteiro, Leva un paquete nas mans. 

Angus fai o xesto de abrir a porta invisíbel.

ANGUS. Bo día.

CARTEIRO. Bo dia. Trago este paquete para... [tenta ler no nome] para Iiihhh!

ANGUS. Desculpe, eu chámome Iiiihhhhh.

CARTEIRO. Eu quero dicir Iiiiihhhh

OS CATRO AVÓS [asemade]. Ela é Iiiihhhh!

CARTEIRO [lixeiramente amoscado] E logo, quere o paquete ou non?

Angus alonga a man para o recoller. 

CARTEIRO. Que teña un bo día e faga algo co seu nome, que non se pode pronunciar.

O carteiro vírase e marcha, saíndo do palco. 

Angus volve ao sofá co paquete nas mans, mais non o abre. Fica a pensar.

SIXTINA. Que tes, Iiiihhh?

ANGUS [ollando para os catro avós]. Non o vedes? Xa ninguén me pode chamar polo meu nome. É como se..., como se..., como se...

AROMÁTICA [interrompendo] Como se che tivesen gastado o nome.

ANGUS. Exacto! É mesmo iso. Usádelo tanto que, ao cabo, o meu nome gastou.

TRIFULCO. Eu, se queres, invéntoche un nome, que para iso son inventor, e dos boísimos.

ANGUS. Graciñas, avó, mais non paga a pena. Teño que escoller un nome de meu.

SIXTINA. E como farás para que, deica un tempo, non cho gastemos outra vez?

Angus pon cara de pensar. Hai silencio durante uns segundos. Ao cabo, anuncia cun gran sorriso.

ANGUS. Xa sei, Quero un nome que me describa. Desde hoxe, teredes que me chamar co meu nome completo, que é este: Mociña-que-gusta-de-ler-sentada-no sofá-e-é-moi-curriña-porque-se-ocupa-de-toda-a-xente-que-a-rodea. 

TRIFULCO. Temos que chamarte así?

ANGUS. Así mesmo. Outramente non vos atenderei. E logo, como me chamo?

TRIFULCO.Mociña-que-senta-nunha-cadeira-para-ler-receitas-de-cociña-mentres-conta-chistes-aos-seus-avós.

SIXTINA. Non, non é así. Évos Meniña-que-senta-nas-nubes-e-conta-as-cores-do-arco-da-vella.

TRÍPTICO. Errades ambos. Chámase Rapariga-que-tece-soños-mentres-inventa-sabores-de-xeado.

AROMÁTICA. Algún de vós viu a miña memoria por algures?

ANGUS. Non tendes remedio. Mais chámadame cada un como dixestes, así terei moitos nomes e será máis complicado gastárdesmos.

Angus senta e volve á súa lectura. Os avós van saíndo do palco por cadanseulado.

Vai para o escuro.


Pano

© Frantz Ferentz, 2021

Sem comentários: