Desde o día que chegou á escola, Dimitri foi obxecto de todas as burlas da parte do matón da aula, Carolo, máis coñecido por todos coma O Touro.
O Touro adoraba o asedio, case que parecía a súa profesión na escola. Xa repetira tantos cursos que parecía que nunca ía acabar os estudos.
E non hai asedio ben feito que non comece cun alcuño ben posto, de xeito que Dimitri recibiu o alcuño de O Tallarín, porque estaba moi magro.
A Dimitri tanto lle tiña o alcume. Escapara da guerra do seu país coa súa familia por un pelo e até no inicio nin notou o asedio, porque non entendía o idioma. Despois si, despois foise decatando de que aquel tipo grandón e con cara de vaca tola facía piadas acerca del e que o resto dos compañeiros da aula rían os seus chistes.
Aínda que non dese entendido os chistes que o Touro facía sobre el, comprendía aínda menos os risos dos seus compañeiros. O que o abusador dicía non debía ter moita graza, mais os outros rían mesmo así.
Até aquel día. Era un momento especial, porque os estudantes daquela turma tiñan que escoller quen os representaría no concurso de habilidades da escola.
O Touro, coma sempre, ía querer ser el o representante da súa turma. Para iso, tentaría erguer un escano con tres compañeiros enriba. Aquela manifestación de forza bruta contaba co total apoio do profesor de ximnasia.
Daquela, Carolo comezou a erguer lentamente o escano. Puxérase todo colorado do esforzo, mais axiña viu que o groso dos rapaces da súa turma marchaban. Como ousaban desatendelo? Como era posíbel?
O Touro pousou o escano no chan e foi para un círculo de rapaces que contemplaban algo. Abriu paso aos empurróns. No centro do círculo estaba Dimitri. Nas mans tiña un cubo (era un cubo de Rubik, mais iso o Touro ignorábao).
Dimitri collía o cubo e igualaba todas as caras en 10 segundos a mexer as súas mans a unha velcidade de vertixe. Despois daba o cubo a calquera dos compañeiros para o desfacer e repetía a operación de recolocar todas as caras. A expresión de abraio de todos ía en aumento.
O Touro, ao estar consciente de que perdera o interese dos compañeiros da turma, berrou:
— Que degorrios pasa aquí?
— O novo —explicou alguén—, que é quen de recompor o cubo de Rubik en dez segundos.
— Iso faino calquera —exclamou o Carolo.
Daquela, Dimitri aventoulle o cubo e díxolle:
— Zroby ty tso sam.
— Que andas a dicir? Insultáchesme?
— Faino ti só —repetiu Dimitri.
Carolo tomou o cubo entre as mans e comezou a manipulalo, mais foi inútil, a cada vez complicábao máis. Aquilo provocou as gargalladas dos compañeiros, que eran verdadeiramente volátiles, mudaban de bando coma de camisa.
Cabo de cinco minutos, a furia puido con el e aventou cheo de ira o cubo contra Dimitri, mais o rapaz evitouno facilmente cun lixeiro movemento da cabeza, de xeito que o cubo bateu contra a cabeza do profesor de ximnasia, precisamente cun extremo. O profe levou a man á testa e notou o sangue a agromar. Axiña berrou:
— Carolo, cagáchela...
O profesor non era moi fino coa linguaxe, como estades a ver.
Dimitri recolleu o cubo do chan e botou a camiñar para a aula, facendo e desfacendo as seis caras con toda a facilidade, seguido polo resto da turma, que ollaba fascinada para el, coma os ratos atrás do frautista de Hamelín.
© Frantz Ferentz, 2022
Sem comentários:
Enviar um comentário