segunda-feira, janeiro 30, 2023

A ALFERGA MÁXICA

 

A única cousa que herdei do meu pai foi un xogo de alfaiate. 

El vivira toda a vida de coser roupas para os aldeáns, a gañar o xusto para nos manter á familia, miña nai e mais eu, pero miña nai tamén falecera, de modo que eu estaba só no mundo. Por iso, case non me deixou nada, nin a alfaiataría, porque houben pagar débedas despois do seu pasamento.

E daquela encontreime cun fardeliño onde cabían todas as pertenzas do meu pai. Sen moito interese, abrino e baleirei o seu contido na mesa para ver se había algo que puidese vender e quitar algúns cartos con iso.

No fardel non había gran cousa: dous xogos de agullas de varios tamaños, tres pares de tesoiras tamén de varios tamaños, moitos rolos de fíos e... unha alferga. Axiña reparei nela, era un obxecto moi bonito, tiña debuxos en ouro. Se cadra, era a única cousa pola que me darían algún diñeiro, caso a vendese.

Porén, non tiven vagar de vender nada, pois o burgomestre da vila veu onda min e díxome todo serio:

– Caro Lucador –esquecera comentarvos que ese é o meu nome–. Após o triste falecemento do teu pai, ficamos sen alfaiate na vila. Daquela, do Concello pómosche un obradoiro ao teu dispor e desde aí poderás atender os vilegos.

Era unha proposta moi boa. Eu andaba sen oficio, non tiña onde caer morto e até a miña casa estaba para esbroar (“casa” era mesmo un termo xenoroso para definir onde eu moraba). O obradoiro de seguro tería un cuartiño onde podería morar e así resolvería o meu problema da vivenda.

Doutra banda, eu non sabía coser. Nunca usara unha agulla e iso de enfiar era algo ben complexo para min. A miña verdadeira vocación era a de músico, mais, como xa vos dixen, meu pai non tiña cartos a esgalla para me comprar sequera unha frauta, por tanto desenvolvín un talento especial pola percusión. Cos meus dedos a bater nunha superficie de madeira, por exemplo unha mesa, era quen de montar un pequeno concerto e só cos meus dedos, coma unha miniorquestra.

Como non tiña intención de durmir na rúa, ou baixo unha ponte, aceptei a proposta do burgomestre. Pensei que xa improvisaría. En fin...


& & &


Os meus veciños non vos me tiñan fiúza. Nos primeiros días, ninguén pasou pola alfaiataría, de modo que eu pasaba o día todo alí a mirar as paredes e a colocar a miña herdanza nun só estante.

Aborrecía enormemente. Por tanto, decidín practicar o meu pasatempo. Tiven unha idea. Aquela alferga soaría moi ben sobre a madeira da mesa, podería crear unha nota especial grazas ao toque do metal na madeira.

Así, comecei a soar unha miña composición na mesa. Soaba moi ben. Mais de repente, alguén entrou. Era unha baronesa que me traía un vestido de veludo que precisaba de certos axustes, porque a señor gañara algo de peso e agora había que enanchar o vestido.

Deixoumo na mesa de más maneiras e con ameazas:

–– Quero este vestido arranxado para mañá. Outramente farei que os meus cabalos te pisen á vontade.

Non puiden nin retrucar. Até aí chegara. Tocaba marchar da vila e comezar unha nova vida de cero nalgunha outra vila, lonxe, moi lonxe, onde, talvez, gustasen dos músicos.

Mais a melodía que comezara a compor batía na miña cabeza. Antes de marchar, quería rematar aquela peza. Soaba moi ben grazas á alferga. Por tanto, púxenme a bater na mesa cos dedos.

E toquei.

E que sorpresa levei...


& & &


Mentres eu batía na madeira coa alferga, as agullas comezaron a se mexer soas, a abaiar no ar, a se enfiar soas. Asemade, as tesoiras tamén comezaron a se mover soas e, en cuestión de segundos, unhas mans invisíbeis principiaron a arranxar o vestido da baronesa.

Detivenme todo abraiado.

Tamén a man invisíbel se detivo.

Batín novamente na mesa cos dedos, alferga incluída e o traballo reiniciou, coas tesoiras a cortar con absoluta precisión e as agullas a fechar.

Comprendín que, mentres eu batese na mesa cos dedos, habería maxia. Non sabía como o explicar, era un total e absoluto misterio, mais entendín que a alferga era máxica. Para verificalo, quitei a alferga e continuei a bater cos dedos nus na mesa, mais as agullas e as tisoiras detivéronse. 

Novamente puxen a alferga no dedo e continuei a miña interpretación. De seguida a maxia reestabeleceu e o arranxo do vestido foi feito por unha man invisíbel que eu non daba visto.

Era un ritmo que me soaba interesante: TOC, TOC, TOC-TOC-TOC, TOOOC,

O vestido estivo preparado en media hora, porque, ademais, eu batía cos dedos rapidamente, aquela miña peza era moi rápida, polo que a restauración do vestido de veludo da baronesa foi todo lixeiro.

No día seguinte, a baronesa acudiu ao meu obradoiro con gana de eu servir de tapete aos seus cabalos, mais levou a sorpresa da súa vida ao encontrar o seu vestido que lle acaía como unha luva.

Pagoume ben, estaba tan leda co vestido que correu a voz de que eu era moito mellor ca meu pai como alfaiate. Daquela, o meu negocio foi invadido por veciños da vila que querían que eu lles arranxase roupa ou que llela fixese.

Así visto, podería até parecer que todo ía perfectamente e que esta historia remata aí, comigo rico.

Mais non foi así.

Alguén descubriu o meu segredo.


& & &


Cometín un descoido imperdoábel. Non coloquei cortinas nas xanelas. Durante o día non se vía o interior do exterior, mais como tamén tiña que traballar á noite, do exterior víase ben o interior que estaba todo alumado con candeas.

Foi así como un par de ollos indiscretos, despois de espiar durante varios días, descubriu o segredo da alferga.

Así, unha mañá, cando fun comezar a miña xeira, non conseguín atopar a miña alferga por ningures. Axiña descubrín un vidro esnaquizado da xanela. Non me fixo falla tirar do fío, comprendín logo que me roubaran a alferga. Só iso. Daquela decateime de que vira algunhas sombras por tras da xanela algunhas noites, mais non receei nada.

Caín na desesperación. Sen a alferga, non podería continuar co meu traballo. E sen traballo, perdería o obradoiro. E se perdía o obradoiro acabaría na rúa como un senteito, a mendigar.

Mais non me ía render. Saín escopetado para a rúa. Quería procurar o ladrón da miña alferga máxica. Para iso, utilicei a miña cabeciña.

Se alguén se decatara de que a miña alferga era máxica, ou a vendera a outro alfaiate ou se trataba dun alfaiate mesmo.

Na vila só había outra alfaiataría. E por riba acababa de abrir. Fun até alí, mais procurei disfrazarme para non ser recoñecido. 

No obradoiro atopei un alfaiate malencarado que esgazaba teas como un poseso. A aquel paso, ía deixar o suministro de teas tallado en anaquiños inservíbeis en cuestión de minutos. Fiquei a observalo un tempo, para ver se cosía, mais na verdade só cortaba e cortaba. Creo que se continuaba con aquel ritmo de esgazamento dos grandes rolos de teas, acabaría facendo toneladas de confeti. Se cadra era iso o que pretendía.

Non parecía posuír a miña alferga. Daquela, pensei que talvez, se conseguía enganar novamente o ladrón, el mesmo levaríame até o seu cliente.

Tiña unha idea e ía pola en práctica.


& & &


Fun visitar un dos ourives da vila. Por sorte, teño unha memoria moi precisas para certas cousas. Sabía de memoria o deseño externo da alferga, ben como o seu peso concreto, porque como músico precisaba executar os movementos do dedo con absoluta precisión, outramente non acadaba o ritmo exacto.

Debuxei nun papel a superficie da alferga e indiquei ao ourive como tiña de ser, que partes tería de ferro e de ouro.

O ourive resultou un profesional. Fixo unha réplica perfecta da miña alferga, mais estoutra non era máxica.

Finxín traballar aquela mesma noite e até batía na mesa, mais non con ritmo, porque non pretendía compor nada, simplemente facía barullos para atraer a atención do ladrón.

Chegoume cunha soa noite. Xa notara eu que alguén me espreitaba do outro lado da xanela, moi atento aos meus movementos. Para a farsa ser total, deixara uns retais á vista que parecían ser cosidos, cousa que conseguín movéndoos cos pés grazas a uns finos fíos que eran invisíbeis desde a xanela.

Despois finxín estar a caer de sono e que ía á cama.

Uns minutos despois, un vidro da xanela partía e uns pasos case imperceptíbeis entraban no meu obradoiro.

Xa caera o rato na trapa.


& & &


A trapa consistía en que a alferga estaba apegada á mesa con cola de zapateiro, mais tamén o burato e a parede estaban igualmente cheos de cola, de modo que, así que o ladrón agarrou a alferga, os seus dedos ficaron apegados.

Era unha cola moi boa que me custara ben cara, mais valera a pena. Acudín aos bufidos que saían da boca do intruso mentres tentaba liberarse, mais non o daba feito.

Cunha candea vin, por fin, o rostro da persoa que me roubara a alferga na noite anterior. Tratábase dunha figura miúda, se cadra un adolescente, cunha carapucha. 

– De aí non te moves até me dicires o que fixeches coa alferga que me roubaches onte.

O ladrón detívose da que sentiu a miña voz. Alzou a cabeza e olloume. Nese momento, descubrín que se trataba dunha muller. Era, xa que logo, unha ladra.

– Fala! –exixinlle.

Ela parou de tentar ceibarse. 

– Roubeino para un estranxeiro que mo encargara. Díxome que era unha alferga máxica, que te vira manipulala para invocar unha forza máxica.

– E onde está ese estranxeiro?

– Que sei eu. Cando lle dei a alferga, liscou.

– E que pretendías facer con estoutra alferga?

– Polo de agora, roubarcha. E xa atoparía alguén que ma comprase.

– Como te chamas? –preguntei.

Ela non esperaba aquilo. Hesitou uns segundos, logo dixo:

– Ania.

– Moi ben, Ania, quero que saibas que esa alferga que me roubaches era unha herdanza do meu pai, mais que esta que tentas levar agora é unha réplica. Non ten nada de máxica.

– Non cho creo –ousou dicir ela.

– Heicho demostrar.

Fun até unha gaveta e extraín un frasquiño cun disolvente moi potente.

– Isto vaiche pruír, mais non é culpa miña ––aviseina.

Apliquei o disolvente entre os dedos e a alferga. Ela largou un queixume de dor, porque o disolvente era basicamente ácido. Ofrecinlle un pano para enxugar os dedos.

– E agora, olla.


& & &


Comecei a bater cos dedos na mesa e xa coa alferga posta no furabolos. Tamén colocara unhas teas e os instrumentos do alfaiate ao cabo, que son basicamente fíos, agullas e tesoiras.

Quería demostrarlle que, aínda que eu batese na mesa unha das miñas melodías, alí non ía acontecer nada. Non habería maxia, porque a alferga réplica non era máxica.

Fixen soar unha das miñas melodías preferidas. E mal soei uns segundos, os instrumentos comezaron a se mexer sós, a esgazar a tea, a coser nela e a formar unhas calzas.

A ladra non daba creto.

Mais eu tampouco.


& & &


Daquela, habédesvos preguntar como era posíbel. Por acaso a segunda alferga era tamén máxica?

Non, non o era.

E que desencadeaba a maxia se non era a alferga?

Era o ritmo. Mais eu non entendo de feitizos nin cousas parellas, só sei que cando eu interpretaba as miñas pezas, unha forza máxica acudía a min e facía o meu traballo, realizaba aquilo que eu tiña na mente.

Foi Ania quen se decatou diso.

– Non é a alferga. Es ti.

– Queres dicir que son mago?

– Non, mais a túa percusión atrae a maxia –explicoume ela.


& & &


Despois daquela descuberta, abandonei o oficio de alfaiate, que non era realmente a miña vocación e montei unha orquestra fantasma, xunto con Ania. 

Ela, grazas á habilidade dos seus dedos, toca a harpa, mentres eu compoño a partir da percusión.

Vainos moi ben, gañamos a vida moito mellor ca coa alfaiataría. Por fin gaño a vida do modo que me presta.

E a maxia? Ídesme preguntar.

A maxia toca o resto da orquestra: violinos, piano, trompetas, saxos e todo o resto, sempre a partir do que a min me vén á cabeza e transmito con golpes nunha mesa coa miña alferga, a cal, a propósito, xa me roubaron un par de veces, mais sempre teño varias de reposto. Por iso, convén tornarse amigo dun bo ourive, e telo sempre á man.


© Frantz Ferentz, 2023


Sem comentários: