quarta-feira, outubro 25, 2023

O ACCIDENTE

 


PERSONAXES

  • Persoa 1
  • Persoa 2
  • Persoa 3

AMBIENTACIÓN

Unha estrada en que houbo un accidente de tránsito. Só se ve un valado e fitas da policía de prohibido o paso. Hai unha luz de sirena que vén do lateral (é unha luz de emerxencia)


ACTO ÚNICO


Inicia con PERSOA 1 a ollar para o público. Fai xestos de asombro e larga expresións como "Uff" e até mexe a man.

Polo lateral achégase PERSOA 2 que está a dar un paseo cando se sente curioso de ver o sarillo. Colócase ao pé de PERSOA 1. Debrúzase tamén. Fai "Buff". 

PERSOA 1 e PERSOA 2 na realidade ollan para o público.

PERSOA 2

Bo día.

PERSOA 1

Bo día [sen parar de ollar de fronte].

PERSOA 2

Tremendo accidente, non?

PERSOA 1

Tremendo, tremendo...

PERSOA 2

E sabe como foi?

PERSOA 1

Seino. Veu por aquí un axente da lei e explicoume que foi unha sabotaxe dun grupo radical que está contra o avanzo do noso país. Fixeron esvarar ese tráiler até facelo envorcar. Espallouse todo o contido polo chan, caixas e caixas, como pode ver.

PERSOA 2

Que mágoa. Non dou entendido que haxa xente tan ruín que está contra o progreso da patria.

PERSOA 1

Estou de acordo con vostede. Botando a perder toda esta carga, o país vai sufrir moito. Non haberá cientistas, nin dirixentes honestos, nin futbolistas que gañen un mundial de fútbol, nin cantores que nos representen en festivais internacionais...

PERSOA 2

Que razón ten. Son uns antipatriotas. É un material carísimo. O goberno gastou unha fortuna niso e agora está todo botado polo chan.

PERSOA 1

Case todo estará botado a perder.

Entra PERSOA 3. Camiña devagar, mentres PERSOA 1 e PERSOA conversan.

PERSOA 3 colócase ao carón das outras dúas PERSOAS.

PERSOA 3

Bo día.

PERSOA 1 e 2

Bo día.

PERSOA 3

Tremendo accidente. Xa ouvín pola radio que foi unha sabotaxe. Mais saben que era o que transportaban?

PERSOA 1

Olle aí abaixo [acena para abaixo, cara ao público]. Aí o ten, nesas caixas.

PERSOA 2

Son cerebros reciclados. Un cargamento deles que dá para reciclar os cerebros da metade do país.

PERSOA 3

Uf, que mágoa [pausa]. Saben que? Sería lástima deixar perder uns cerebros tan bos, tan ben reciclados. Eu teño unha filla que precisa dun cerebro bo e non vou perder a ocasión...

PERSOA 2

Ten razón, é unha pena deixar podrecer eses cerebros. Están moi ben empacados nesas caixas de zapatos. Eu teño tamén algún familiar que precisa dun cerebro novo.

PERSOA 1

Que raios! Eu tamén quero algúns cerebros reciclados. Até eu mesmo podería mudar o meu...

PERSOA 2

[Acena para o lateral, mais cara abaixo] Ollen, aí hai un espazo entre as bouzas. Podemos pasar por aí sen a policía nos ver.

PERSOA 1

Imos logo.

PERSOA 3

Atrás de vostedes.

As tres PERSOAS saen do palco polo lateral. Durante uns segundos aínda se escoitan as súas voces, mais sen se entender de que falan. Continúa a luz de emerxencia a emitir luces no exterior.

Vai para escuro.

TELÓN

© Frantz Ferentz, 2023

Sem comentários: