terça-feira, outubro 17, 2023

OPOSICIÓNS A SABIO

 



PERSONAXES

  • Amín al-Kudal, todo vestido con roupas de rico, túnica longa a lle caer por riba dos ombros até alcanzar o chan, gordecho e camiña estraño.
  • Coco, personaxe misterioso, que veste unha caste de poncho de cabelos moi longos que cobren todo o seu rostro.
  • Ibn Qanún, sabio presidente do xuri que viste unha camisa longa até os pés cunha longa barba branca.
  • Secretario do xuri, que pasa a maioría do tempo coa cabeza gacha a escribir cunha pluma enorme de pavo.
  • Dous ou tres membros do xuri, que ás veces falan entre eles e que dan razón sempre ao presidente Ibn Qanún.

AMBIENTACIÓN

Unha sala de exames, cunha mesa longa ao fondo para un lateral en que sentan os membros do XURI e mais o secretario. De fronte estarán AMÍN AL-KUDAL e COCO.

Todo decorre nun país árabe nunha época remota, o cal se pode reflectir na ambientación do palco.


Acto único

Os membros do XURI están a falar entre eles. O SECRETARIO simplemente escribe nunhas follas de papel. Decorren uns segundos. Remata de escribir, ponse en pé.


SECRETARIO

[Solemne] Membros do xuri, xa é a hora de comezarmos este concurso para escollermos o novo membro do Consello dos Sabios máis Sabios da cidade. [Os membros do XURI préstanlle atención] Rogo aos candidatos que pasen.

Entran os dous candidatos, primeiro AMÍN e logo COCO.

AMÍN colócase de fronte ao público. Fai unha inclinación.


AMÍN

[Ao público] Bo día, caro público. Eu son Amín, o máis sabio dos sabios desta antiga e nobre cidade de Damasco. Esa vaga de sabio do Consello dos Sabios máis Sabios será miña, porque me veño preparando para entrar nel case toda a miña vida.

SECRETARIO

Sabio Amín, por favor, limítate a seguir o protocolo...

AMÍN fica de fronte ao XURI, ao pé de COCO. AMÍN dálle unha cotobelada para o afastar. COCO larga un lamento de dor.

O SECRETARIO toma uns papeis entre as mans e le en ton solemne.

SECRETARIO

No nome do Consello dos Sabios más Sabios da cidade de Damasco, dou inicio a este acto de concurso oposición para cubrir unha vaga de membro deste consello. O acto consistirá na formulación de tres preguntas, onde cada candidato poderá demostrar a súa sabedoría...

AMÍN

[A interromper] Desculpe, súa Excelencia, mais eu son un sabio consagrado, non coma este... este... este ser de aquí [apunta para COCO], que parece que saíu dun esterqueiro... Eu son doutor en Cacoloxía, Maxíster en Autoloxía e diplomado en Egosofía. En troques, esta cousa de aquí, que estudos ten? E como te chamas?

COCO

Eu chámome Coco. Eu estudo as estrelas e mais as cartas de navegación e terrestres. 

AMÍN

[Ás gargalladas] Coco? Iso é nome de can, ou de gato. Nin ten estudos! Onde tal se viu? [Ao SECRETARIO] E segundo o Regulamento do Consello dos Sabios, no capítulo 6983, epígrafe 2345s, di claramente [aclara a gorxa]: “Para ser membro do Consello, é preciso ser nacido en ou ser descendente dun cidadán de Damasco”. Pola outra banda, no capítulo 984, epígrafe 23094f, di: “É recomendábel que o candidato a facer parte do Consello dos Sabios da Cidade de Damasco teña estudos superiores. [Novamente acena para COCO] Parece que este ser de aquí estudou cun pau a debuxar na area. 

COCO

O parágrafo que acabas de citar sobre estudos, di que é recomendábel ter estudos superiores, mais non di que sexa mandatorio. Non se é sabio só polos estudos...

AMÍN

[Con desprezo] O capítulo 984, epígrafe 23094f, que eu coñezo a lei mellor ca ninguén.

COCO

E canto ás orixes, é verdade que non nacín en Damasco, nacín na beira do Guadalquivir, en Alándalus, mais o meu avó era o sabio membro deste consello Abu el-Khabir.

IBN QANÚN

Que ti es neto do noso benquerido e recordado Abu el-Khabir? Se iso é certo, todos os membros da súa tribo teñen un gaticornio tatuado no seu antebrazo dereito.

COCO ergue a manga e deixa á vista a tatuaxe do gaticornio. Así que a ve, AMÍN vai contra COCO, agárralle o brazo e comeza a esfregar coa súa propia túnica na tatuaxe, como se quixese borrala.

COCO

[Entre queixas] E logo, ti que fas? É unha tatuaxe, non se borra!

AMÍN

Só quería verificar que é unha tatuaxe real, non só algo que pintou este monicreque...

COCO

Para de insultar, que non terás moita sabedoría, mais non tes respecto ningún.

AMÍN

[Cheo de vaidade] Sonche o máis sabio dos sabios de Damasco.

IBN QANÚN

Xa chega! Son horas de formular as preguntas. Secretario, pásamas. [O SECRETARIO pásalle un cartafol que IBN QANÚN abre; despois le]. Primeira pregunta: “Cal vén antes, o ovo ou a galiña?”

Hai uns momentos de silencio. AMÍN adopta unha posición de pensador, coa man no queixo. Pola súa banda, o COCO coñece a resposta e sorrí. Esa pregunta xa lla fixera o seu avó había anos e contoulle cal era o segredo para a responder correctamente.

AMÍN

[Novamente dá unha cotobelada a COCO para o afastar; mostra certa ansiedade] Esa... esa... esa é unha pregunta sen resposta, porque só Alá sabe o que foi primeiro, se o ovo ou a galiña, ou se a galiña e o ovo, porque el criou esa criatura e só el sabe; ademais, como non vos vén ningunha referencia a esa cuestión no Libro Sagrado, ninguén pode responder. Daquela, a resposta é que non hai resposta.

IBN QANÚN

[A COCO] A túa quenda.

COCO

Con todo o respecto, o presidente non preguntou cal foi primeiro, mais preguntou cal vén antes, daquela está a se referir a cal vén antes no dicionario, o ovo ou a galiña. E alfabeticamente é claro que o que vén primeiro é a galiña.

IBN QANÚN

A resposta de Coco é a correcta.

AMÍN

[Despois duns instantes de silencio en que ficara de boca aberta] Protesto, señor presidente! Non se especificaba en ningures que se fixese referencia ao dicionario.

IBN QANÚN

A sabedoría verdadeira está alén do que se estuda, e ti haberías sabelo, Amin al-Kadul, que te gabas de sabio dos sabios. E vou coa segunda pregunta, que di: “Cantos cabelos teño na miña cabeza?”

AMÍN

Eu podo responder a iso, porque é unha cuestión matemática. Só che pido o teu permiso para me achegar até ti e facer algunhas medicións.

IBN QANÚN

Tes o meu permiso.

AMÍN achégase a IBN QANÚN. Quita unha fita de medir enrolada dun peto interior. Desenrólaa e comeza a tomar medidas da cabeza do presidente do xuri, por riba, por baixo, polos laterais. Logo volve para o seu lugar, mentres enrola a fita, cun sorriso nos beizos, porque xa fixera os cálculos na súa cabeza.

IBN QANÚN

E ti, Coco, non queres tomar medidas da miña cabeza?

COCO

Graciñas, mais non me fai falla.

IBN QANÚN

Daquela, cal é a resposta?

AMÍN

Eu, eu, eu teño a resposta! Son exactamente cento corenta mil cincocentos setenta e dous. 

IBN QANÚN

E ti que dis?

COCO

Eu digo que ningún, cero cabelos.

AMÍN

[Moi sorprendido] Ti toleas, meu!!

IBN QANÚN

Mais o rapaz ten razón [e nese momento, quita a perruca que leva; fica á vista unha calva perfecta, lisa e brillante, onde, con efecto, non hai un só cabelo].

COCO

[Para o público, en ton confidencial] Ese é outro segrediño que me contou o meu avó, que o Ibn Qanún leva perruca [ri disimuladamente].

IBN QANÚN

Se por acaso non o dixen enantes, é preciso que quen se candidate ao Consello dos Sabios máis Sábios acerte as tres preguntas, outramente a vaga ficará baleira.

AMÍN

[A COCO] Impedirei que ti ocupes esa vaga, pois tarde ou cedo será miña. [A IBN QANÚN] Formula xa a terceira pregunta.

IBN QANÚN

Aí vai: “Para alguén que está en pé mesmo aí onde estades vós, por onde sairía o sol?”

Novamente hai uns instantes de silencio. AMÍN volve levar a man ao queixo, pensativo, mentres bisba algo para si. COCO, pola súa banda, móvese en círculos e asobía, como se estivese alleo a todo. De súpeto, AMÍN ponse teso e olla para Ibn Qanún.

AMÍN

Esta é unha pregunta ben fata. Toda a xente sabe que o sol sairía pola dereita, polo leste.

IBN QANÚN

Daquela pola dereita?

AMÍN

Definitivamente.

IBN QANÚN

Coco?

COCO

Ben, a resposta correcta é á dereita, á esquerda, defronte, detrás.

AMÍN

Iso non é posíbel? O sol non sae por onde a ti che pete, meu!

COCO

[Estende os brazos. Vai dando voltas de 90 en 90 graos no sentido contrarreloxo] Se estou aquí, sae pola dereita; se estou aquí, sae por detrás; se estou aquí, sae pola esquerda; sae estou aquí, sae defronte... Todo depende de para onde eu olle.

IBN QANÚN

É correcto. O leste pode ou non ficar á dereita, todo depende de para onde un estiver a ollar.

AMÍN

[Fóra de si] AAAAAAARRRRRGH!! Non é xusto!!

IBN QANÚN

[Érguese e vai para COCO; o SECRETARIO ségueo. Ambos dan a man a COCO e parabenízano]. Parabéns, Coco. Xa es oficialmente membro do Consello dos Sabios máis Sabios de Damasco.

AMÍN

E agora que será de min? Eu son un sabio sapientísimo cheo de sabedoría sapiente. Eu son un exemplo, eu sei de todo máis ca ninguén, son unha enciclopedia con pernas!

SECRETARIO

Fica descansado. Tomei nota de toda a sesión e escribirei unha historia sobre o que aconteceu aquí hoxe.

AMÍN

Muda o final, eh? Non quero que o público leve unha visión errada sobre min.

IBN QANÚN

[A COCO]. Coco, de verdade é ese o teu nome?

COCO

Na verdade, non. É así como me chamaba o meu avó. O meu nome é Lola.

SECRETARIO

Lola? Non é ese un nome de muller alí en Alándalus?

COCO

É.

AMÍN

[Eufórico] Daquela, podedes expulsala do Consello. O Regulamento é moi claro no capítulo 999, epígrafe 562, onde di que as mulleres non poden facer parte da institución. [Larga unhas gargalladas sonoras] Ao cabo, gañei eu! Gañei eu!

SECRETARIO

De feito non é así. Segundo o Regulamento, no capítulo 277, epígrafe 4, di que unha vez que un membro é aceptado no Consello, este xa non pode ser expulsado e será membro até o seu pasamento, ou caso faga trapallas nalgún exame. E o capítulo 277 vén antes do 999.

IBN QANÚN

Évos así... Coco, ou Lola bint Khabir é membro de pleno dereito do Consello.

AMÍN

[Ponse de xeonllos diante do secretario] Por favor, por favor, déixame a min que escriba esa historia, que lle daré o glamur que me corresponde, por favor, por favor...

SECRETARIO

[Afastándose] Para seres tan sabio, es moi patético, non si?

AMÍN

Por favor, por favor, por favor [e segue o SECRETARIO mentres vai de saída]

Vai para o escuro.

PANO

© Frantz Ferentz, 2023

Sem comentários: