Todo comezou de repente na cidade de Riobamba, no Ecuador. A xente decatouse de repente do que acontecía, era imposible non facelo; ademais, todos os media deron a noticia e chegou aos recantos todos do país e máis aló.
Xusto despois de os primeiros galos cacarexaren, un autobús azul ladrou da que se cruzou con outro verde que ía na dirección contraria.
E o autobús verde tamén ladrou, como se lle respondese.
Inmediatamente foron rexistrados por toda a cidade novos casos de autobuses que ladraban, e non só para se saudaren entre eles.
Un autobús comezou a ladrar porque a luz do semáforo non se puňa verde e iso parecía enfastialo.
Outro bus comezou a ladrar porque un auto se lle atravesou nun cruzamento e non lle permitía avanzar.
Un terceiro comezou a ladrar cando os pasaxeiros non daban montado nel rápido; parecía que tivese mesmo présa.
Por toda a cidade houbo testemuňos de buses ladradores, de tal xeito que a noticia axiňa chegou aos ouvidos da autarquía.
O alcaide mandou retirar todos os buses das rúas, para seren revistos polos mecánicos municipais.
Mais nin os mecánicos da vila primeiro, nin outros que viňeron despois da provincia e até do resto do país deron atopado nada de estraňo que explicase por que os autobuses ladraban.
Foi convocada unha convención de expertos para explicaren como era posible que os autobuses urbanos ladrasen, á cal acudiron sabios do Ecuador e doutras terras, porque a noticia correra coma a pólvora.
— Están enfeitizados —afirmou un seňor con bigote en forma de espaguete e lentes redondiňas que lle aumentaban tres veces o tamaňo dos ollos, o cal se declarara sabetodólogo—. A solución é facer un exorcismo aos buses.
— Non concordo —proclamou unha muller disfrazada de cenoira que se proclamaba defensora da natureza—. É a reencarnación dos espíritos dos cans vagabundos mortos nás máquinas.
— Estades errados —dixo un millonario texano con chapeu de vaqueiro e botas con esporas que era dono dun campo de petróleo—. O problema é o combustible, que está adulterado. Probade a me comprar a min bo petróleo texano. Yihaaaa!
Mais a convención non serviu para nada, ninguén quitou calquera conclusión. E foi aínda a peor durante o tempo en que os buses non circularon, pois pareceu que os taxis piaban coma canarios, seica por seren amarelos.
Por tanto, o Concello tivo que tomar unha decisión: permitir que os buses volvesen circular, pois outramente a cidade ficaría paralizada.
Riobamba mudou completamente, porque xa non se ouvían buguinas nin alarmas de auto, só ladridos e chíos.
Até parecía que a xente estaba avezada, máis aínda cando os camións do reparto comenzaron a facer "cuac cuac" coma os parrulos.
Porén, o alcaide non gustaba mormente de os buses ladraren e pensou que, se os retiraba da circulación, o resto dos sons de animais desaparecerían, polo cal anunciou o seu ambicioso plano.
— Deica tres meses, inauguraremos a primera liňa de tranvía de Riobamba —dixo en canto pensaba en que as eleccións autárquicas estaban próximas—. Aos poucos, substituiremos os buses por tranvías na nosa cidade.
Esa mesma noite, o alcaide e todos os concelleiros tiveron o mesmo soňo, que os tranvías xa circulaban polas rúas de Riobamba e rinchaban coma cabalos.
Con todo, ningún deles deu descuberto que un recolledor de botellas plásticas percorría, como todas as noites, as rúas da cidade no seu carro tirado por un cabalo que de cando en vez largaba un rincho tristeiro.
E o misterio de por que os buses de Riobamba ladran continúa sen ser resolvido; daquela, se ti, que agora les isto, soubeses o motivo, rógoche que mo comuniques o antes posíbel.
© Frantz Ferentz, 2023
Sem comentários:
Enviar um comentário