quarta-feira, agosto 07, 2024

ZOILO E O SEU TELEMÓBIL

 

O Zoilo toma a súa bicicleta que está apoiada na parede da casa. O neno ten once anos e quer ir da casa até a piscina, porque case non ten nada mellor para facer do que tomar baño. Con tanta calor, non hai quen resista esa fogaxe.

A casa do Zoilo non é na realidade do Zoilo, mais dos seus avós e está nunha aldea da Mancha. Non vive alí durante o ano, mais agora é verán e os pais usan a casa dos avós como aparcadoiro para deixaren alí o neno durante tres ou catro semanas.

Cando cativo, Zoilo queixábase sen parar por ficar onda os avós, porque aborrecía moito. Mais cando lle agasallaron o seu telemóbil, parou de se queixar. Durante as horas que está acordado, non retira a vista do telemóbil, nin para comer.

— Filliño, para un pouco coa maquiniña e come, ho —dille a avoa todo o tenramente que pode, mais o Zoilo non escoita.

A avoa quer pórse brava co neto, mais daquela descobre que grazas ao telemóbil o neno nin repara no que come, de xeito que lle dá brócolos, celgas e couves, que outramente non comería nin louco.

Porén, non pode facer nada. A única actividade que fai o neno durante o día é ir á piscina unha vez por día e tomar baño alí. Mais inclusive o baño toma co telemóbil na man. Teno envolvido nun estoxo plástico que protexe o teléfono, por iso, pode metelo na auga sen temor a que estrague.

E así vai decorrendo o verán, tanto que o Zoilo nin se decata. Até para durmir coloca o telemóbil debaixo da almofada mentres carga.

Até aquel día. Cando o Zoilo vai á piscina, como todas as tardes, co telemóbil na man e a roda dianteira pasa por unha fochanca. O neno non a ve, como ía vela se non retira os ollos da pantalla?

Aparentemente non acontece nada, aparentemente, mais na verdade o golpe activa algo accidentalmente no teléfono. De inicio, o aparello funciona ben, por tanto, o Zoilo continúa a bater o papo cos seus amigos da cidade normalmente.

Os memes chéganlle con absoluta normalidade e o Zoilo ri co elefante que usa paus chineses para comer tallaríns; ou o flamengos que xogan a trocar as patas na pucharca onde moran. Por iso non se decata de que aquel vulto enorme que pasa ao seu lado podería esmagalo cun pé. Até que o vulto gruñe, e como gruñe, tanto que o seu alento despeitea os cabelos do rapaz.

O Zoilo está espantado co que ve na pantalla. Non lle parece nada normal. E logo, non é normal.

Parece real de todo e até sente o alento daquela “cousa” cabo del. Aquela cousa que o enxerga coa boca aberta chea de dentes afiados é un dinosauro, aínda que non saiba exactamente de que clase, mais é un deses bichos que pode comer unha persoa dun só bocado e aínda ficar con fame despois de arrotar.

O Zoilo non sabe o que se pasa, mais aquilo non é normal. Instintivamente bate nos pedais da bicicleta e foxe de alí sen retirar os ollos da pantalla, mais aquel dinosauro, sexa do tipo que for, perségueo como un gato persegue un rato.

— Axudaaaaaa! —berra o rapaz desesperado, a pedalear como nunca na súa vida.

Nin sequera ve por onde anda, mal escapa daquela besta que lle pisa os calcaños.

— Socorrooooo!

Mais por alí non hai ninguén. Por riba, outros dinosauros voadores comezan a sobrevoar a súa cabeza. O Zoilo sabe vagamente que se trata de pterosauros. Nunca non ten pasado tanto medo na súa vida.

Por iso, non ve o barranco que abre aos seus pés e cae. Rola por entre os matos, rabuña a pel e ao cabo desmaia.

Acorda moitas horas despois. Está na casa da avoa, todo esmagado, cuberto de feridas.

— Meu rei, estás ben? —pregunta a avoa, con cara de moita inquedanza.

O Zoilo nin responde, nunca pasou tanto medo en toda a súa vida. Parece que a experiencia foi moi forte, que algo na vida do rapaz mudou para sempre, mais aínda pregunta:

— E o meu telemóbil?

A avoa simplemente ergue os ombros. Por tal, o Zoilo fica sen telemóbil, é unha desgraza, mais se cadra é mellor así. Non quere contar a ninguén o que viu, porque ten certeza de que non será acreditado e despois quererán que o examine algún especialista da cabeza.

Á hora do almorzo, a avoa coloca diante do neto un prato con brócolos, celgas e couves. O Zoilo, ao ver aquelas verduras, sente un noxo indescritíbel. Como non ten os ollos apegados ao telemóbil, ve perfectamente aquelas verduras que non atura.

Non todo ía ser bo.

E así podería rematar esta historia, mais hai un segredo por tras. Si, un segredo que vos vou narrar, porque outramente ficaredes con vontade de saber o que é que se pasou.

Naquela mesma noite, a avoa do Zoilo toma a súa cadeira e vai sentar no faladoiro que nas noites de verán organizan os veciños na beirarrúa. Alí sentan varios veciños e falan das cousas do día.

Xa que logo, preguntan á avoa do Zoilo como correu co seu neto.

— Ben, correu todo segundo o previsto, Martiño —comenta a avoa a un dos velliños.

— Tes aí o telemóvel? —pregunta o tal Martiño.

A avoa quita o telemóbil dun bolso na saia e dáo ao Martiño, quen o toma e o manipula.

— Vexo que funcionou todo moito ben. O programa de realidade virtual que lle mandei confundiuno completamente —di o Martiño.

— E que foi o que el viu? —pregunta a avoa.

O Martiño abre un aplicativo e vense as imaxes:

— Oh, eis o tren que parece un dinosauro, e uns inocentes pardais no ceo que parecen pterosauros... Iso foi o que o Zoilo viu.

Probabelmente estaredes a vos preguntar quen é o tal Martiño e como un home maior, que participa dos faladoiros da aldea ao serán, sabe tanto de aplicativos, mais ese é un grande segredo que non estou autorizado a vos contar, mais vós podedes imaxinar o que quixerdes; con todo, ficade atentos, non sexa que o Martiño more máis perto de vós do que pensades e vos manipule o telemóbil para verdes cousas inexplicábeis e vós creades que son cousas reais. Estades avisados.

© Frantz Ferentz, 2024

 


Sem comentários: