No reino de Calastania gobernaba o rei Quilimondo III. Ben, gobernaba daquela maneira, porque quen gobernaba realmente era o seu asno Hiah.
Preguntarédesvos como era posíbel que un asno gobernase un reino.
A resposta é moi sinxela, pois cada vez que o rei Quilimondo III tiña que tomar unha decisión, comentábaa co asno, a quen preguntaba o que for mentres estaba deitado no palleiro, a mastigar herba seca todo relaxado.
― Hiah, o que pensas? Declaro a guerra aos nosos veciños de Choramiconia?
E segundo o burro mexese a cabeza de riba para baixo, ou ben de esquerda a dereita, o rei actuaba.
Como xa podedes comprender que moita xente de Calastania non estaba moi leda co monarca.
Era moi complicado depor o rei, porque estaba rodeado de gardas, vasos con cactos, terreiros con silveiras, minidragóns que cuspían faíscas... imposíbel dar un golpe de estado nesas condicións.
O líder da resistencia, Gandulún, non sabía o que facer para derrocar o monarca.
― Secuestremos o asno, Gandulún.
― Ese está tan protexido coma o rei, que pasa máis tempo na corte con el do que no salón do trono.
Gandulún non é que se preocupase polo pobo, pola xente, simplemente quería ser el o rei, porque gozaba coa idea de colocar unha coroa na cabeza e dar ordes, mais el non precisaría dun asno que fose na realidade quen decidise.
― O punto fraco do Quilimondo é o seu fillo, o príncipe herdeiro Pandemol ―comentou un dos secuaces do Gandulún que era moi espelido, chamado Reguetonio―. Non ten a protección do seu pai. E se consegues eliminar o príncipe, a liña hereditaria fica así interrompida.
― E como facemos iso? ―preguntou Gandulún.
― Acaba de chegar ao zoo un crocodilo ―comezou a explicar Reguetonio.
― E como nos axuda iso?
― Verás, xefe, o crocodilo chegou por erro. Compraron un oso formigueiro, mais trouxéronlles un crocodilo do Nilo. E como non o queren, véndeno. Sae moi barato.
― E que facemos nós cun crocodilo? ―preguntou Gandulún.
― A ver, que hai que che explicar todo ―encheuse de paciencia Reguetonio―. Deica uns días vai ser o día de anos do príncipe Pandemol. Daquela, todo o país vai facerlle agasallos...
― E nós imos agasallarlle algo tamén? Como que? Unha bóla de fútbol? Ai, non, que o fútbol aínda non foi inventado.
― O crocodilo! Que hai que che explicar todo. Agasallámoslle o crocodilo!
― E non será perigoso? ―inquiriu Gandulún― Olla que se o bicho ese come o neno... Ou polo menos máncalle.
― Diso se trata, precisamente ―saltou o Reguetonio―. Será o crocodilo quen faga o traballo suxo, estás a entender?
― Ah, claro, agora si...
Xa dito, xa feito.
O crocodilo foi envurullado en papel de agasallo moi bonito cun cartaciño que dicía: «Parabéns polo teu aniversario, príncipe Pandemol»
Contra todo prognóstico, o agasallo do malvado Gandulún foi un éxito.
O príncipe Pandemol dixo que era o mellor presente que lle fixeran na vida, que sempre quixera ter un animal de compañía, mais que só conseguira adoptar unha araña, que por riba só tiña sete patas.
O rei non veu saber nada, porque non se ocupaba case nada do fillo.
Até aquela tarde.
Todo comezou cando o palacio se encheu de berros de terror, berros de xente a correr.
― Que alguén me explique o que se pasa aquí! ―exixiu o monarca debruzándose no corredor.
Mais non precisou de explicacións.
Viu o seu fillo, o príncipe Pandemol, a cabalgar no lombo do seu crocodilo.
― Máis rápido, máis rápido! ―berraba o príncipe todo feliz.
O rei preguntou ao fillo da que pasaba:
― Fillo, o que fas?
― Cabalgo o meu animal de compañía. Chámase Coco.
― É un crocodilo? ―preguntou o rei, mais xa non deu ouvido a resposta do fillo, pois o crocodilo era moi veloz.
Quilimondo pensou que debería tomar unha decisión, por tanto, foi onda o seu asno Hiah para lle preguntar:
― Debo respectar que o meu fillo teña un crocodilo por mascota?
Hiah negou coa cabeza, mais na realidade estaba a tentar espantar unha mosca, porque non entendía nada do que o rei lle preguntaba.
El simplemente movía a cachola porque despois de responder, o rei sempre lle daba unha beterraba, e el adoraba as beterrabas.
Por tanto, o rei Quilimondo III mandou redixir un bando, que dicía:
Loxicamente, acudiron moitos cazadores de crocodilos para gañaren na recompensa, mais non contaban con que o crocodilo era máis perigoso ca unha familia de dragóns.
Os cazadores foron caendo un após outro.
O príncipe aforrou ben de cartos durante un tempo en comida para crocodilos grazas aos cazadores.
Até que un cabaleiro que se aproximou do crocodilo descubriu que había un erro no cartaz.
Foi onda o monarca e explicoulle que había un erro no bando:
― E cal ese erro?
― Que o animal de compañía non é un crocodilo, mais é un caimán. Por iso, é preciso contratar un cazador de caimáns, non de crocodilos, que non son o mesmo bicho.
O rei Quilimondo ficou de boca aberta.
Tería que o consultar co seu fiel Hiah.
Con todo, ficade tranquilos, no reino de Calatania non había cazadores de caimáns, de xeito que non houbo xeito de matar o bicho.
O príncipe ficou feliz a cabalgar ―ou a caimanar― polo palacio e por fóra co seu mellor amigo Coco.
O rei continuou a pedir sempre consello ao seu mellor amigo.
O Gandulún... O Gandulún continuou a desexar colocar a coroa do rei na cabeza, cousa que conseguiu grazas a que Reguetonio atopouna no ferralleiro, porque o rei mercara unha nova e a vella fora parar ao lixo.
Sem comentários:
Enviar um comentário