quinta-feira, março 27, 2025

O DÍA DE ANOS DA PRINCESA TABACUNDA. HISTORIAS DE MOCÓN

 

A Princesa Tabacunda ía celebrar o seu décimo quinto aniversario. Sería un evento fundamental en todo o reino, ao cal acudiría toda a nobreza do propio reino de Mocón, cuxo monarca era daquela Falisco MCM — é que desde sempre todos os monarcas daquel reino se tiňan chamado Falisco —  e mais dos reinos en derredor.

No derradeiro día do mes de botón — no reino de Mocón tiňan un calendario de trece meses por ano, todos de vinte e oito días — , sería o grande evento. Xa no mes anterior, o de galón [1], o reino andaba todo feito un rebumbio. A xente do país andaba louca con tanta organización, todos no reino vivían para aquel evento.

O Rei Falisco ollaba para alén da mera festa do día de anos, pensaba en casar a filla con algún príncipe ou nobre estranxeiro, porque o Rei Falisco, coma todos os demais reis na historia de Mocón, pensaba que as fillas só serven para as casar con xente doutros reinos e gaňar poder (e territorios). 

Só era importante fixar o compromiso entre a Princesa Tabacunda e o candidato ficase asinado nun documento, antes de o desgrazado... querse dicer, o futuro esposo da princesa descubrir o segredo da princesa. Que cal era o segredo? Que pensades, logo? Que era unha licántropa? Ou unha reguetoneira? Non, nada diso, era outra cousa, mais xa vola contarei despois.

E á fin chegou o día. A capital de Mocón, Moconela, estaba de gala. Pola entrada principal ían chegando carruaxes con bandeiras e pendóns. Que nervos por todas as rúas, mais os comerciantes estaban ben ledos, porque tanta xente de fóra ía pagar moito diňeiro pola mercadoría do aniversario da princesa. Había bonecas da princesa con moitos traxes diferentes, camisolas coa cara dela e até unicornios de tea de cor de rosa, que non se entendían moito ben o que representaban, mais alí estaban.

No salón do trono reuníronse por volta de cento e cincuenta persoas da nobreza. Todos vestían roupas luxosas. Todos agardaban pola chegada da princesa Tabacunda ao salón do trono.

Mais xa con moita antelación, o Rei Falisco estivera a negociar a man da súa filla, como calquera mercadeiro que negocia a venda da súa colleita de repolos. De facto, organizara unha poxa ou leilón con varios nobres e reis para ver quen oferecía máis por casar coa princesa, a cal non sabía nada diso, a coitada.

Chegou en fin a hora de iniciar a festa. Xa había un candidato a casar coa princesa, tratábase do Marqués do Pergamiňo, de pel toda enrugada para facer honra ao seu título. Mais o marqués non ía asinar o compromiso co rei até non ver a princesa. «Non se pode facer negocios sen antes ver a mercadoría», era o que seu pai lle dicía sempre.

De súpeto, a orquestra comezou a tocar. Anunciaban a chegada da Princesa Tabacunda. Todos retiráronse para abrir un portal por que a princesa chegase ao centro da sala. Todos os presentes comezaron a aplaudir. A princesa avanzou arrastrando as súas saias polo chan para o centro do salón, onde o seu pai, o rei, agardaba por ela cun sorriso enorme, mais non polo aniversario, mais polo bo negocio que terminaba de facer co Marqués do Pergamiňo.

Todo estaba a saír redondo, todo. Até que aconteceu algo inesperado. O Duque da Tolondria, un fumador inesperado, rematou o seu cigarro — daquela aínda non era prohibido fumar en público — e botou a cabicha ao chan, porque, ademais, era un porco. E a cabicha, aínda prendida, queimou as saias do vestido da princesa.

Rapidamente baleiraron todos os vasos de flores que había na sala para matar o lume. Só ficaron as baleas da estrutura das saias. E aí veu o problema. Todos descubriron o segredo da princesa... Non, xa vos dixen que nen era licántropa nen, aínda peor, reguetoneira. Non. O seu segredo era... que era coxa!

Efectivamente, unha das súas pernas era ortopédica. Levaba unha pata de pau coma os dos piratas. Do xeonllo para baixo xa non tiňa perna.

Na festa estaba a Conde da Pataqueira, que, ademais de nobre era pirtata, isto é, era un nobre pirata ou un pirata nobre, non sei moi ben en que orde. Así que viu aquela pata de pau, apaixonouse pola princesa e quixo raptala e levala para o seu barco pirata, mais non tivo vagar.

No medio da sorpresa o do “oooooooooooohhhhhh” que se prolongou medio minuto, apareceu na sala alguén que non estaba convidado. Non era un nobre e nen sequera un pirata. Tratábase dun tipo que chegou a dar pulos e tamén coxo, coma a princesa. Faltáballe unha perna, mais non levaba unha pata de pau, porén unha prótese de titanio, en forma de S que se encaixaba por baixo do xeonllo.

Achegouse á princesa sen ninguén llo impedir — estaban todos aínda en choque —, tomoulle a man e díxolle:

— Princesa, sou Colaxenio, campión de atletismo paralímpico. Saíches algunha vez do palacio?

— Nunca — respondeu ela toda triste.

— Entón, ven comigo, e comeza a correr maratonas.

Colaxenio quitou unha prótese semellante á del, retirou a pata de pau que aventou para atrás con tan má sorte que acertou no ollo do Conde da Pataqueira, quen, a partir daquel momento xa si se viu como un pirata completo porque tivo que usar un tapaollo, e colocou a prótese de titanio na perna coxa da princesa.

A princesa sorriu como nunca sorrira na súa vida. Desfíxose da estrutura de baleas e, tomada da man do Colaxenio, saíu ás carreiras da corte real, sentíndose máis libre ca nunca, veloz, feliz, tenaz e audaz.

© Frantz Ferentz, 2025

[1] Os meses do ano en Mocón son nesta orde: tapón, colocón, subidón, galón, botón, mandón, aguillón, berrón, tomatón, parangón, sufocón, bolsón e on (para este derradeiro só deixaron a terminación porque non lles ocorrían máis nomes).

Sem comentários: