Páginas

quarta-feira, abril 30, 2025

O NENO E O DRAGÓN: A ORIXE DUNHA LENDA

 




Personaxes

  • NENO é moi impertinente e insistente, vai na procura de amigos.
  • DRAGÓN, que é aínda un bebé da súa especie, camiña sobre dúas patas.
  • CUBEDO, pedagogo vestido á antiga usanza, con birrete e ligas.
  • REI, afeccionado ás palabras cruzadas.
  • CRONISTA, que escribe cunha pena de ganso.


ACTO UN


Cadro 1


No medio do campo. Algunha pedra e algunha árbore. Talvez se vexa un círculo amarelo pendurado a representar o sol.

O DRAGÓN está a camiñar polo palco. Só move os pés, non avanza: faino devagar, como con desgana. Como camiña a dúas patas, as mans lévaas tomadas por tras das costas, como se estivese a pensar en canto camiña.

Decorren uns segundos co DRAGÓN a camiñar, até, que de repente se escoita unha voz de fóra do palco.

NENO: OLAAAAAAAA!

Entra o NENO. Camiña a dar pulos, como se estivese no patio da escola. Aproxímase do DRAGÓN, que se detén ao ver o neno. Cando fica á altura do DRAGÓN, o NENO tamén se detén. Fican cara a cara.

NENO [En ton simpático]. Ola.

DRAGÓN [Pouco amigábel]. Ola.

NENO: Nunca tiña visto un bicho coma ti. Que es? Unha lagarta que toma esteroides? Unha sapagueira anémica, un godzila en miniatura?

DRAGÓN: [En ton amoscado]. Que falas? Son un dragón!

NENO: Un dragón de Komodo, como eses que saen pola tele nos documentarios de animais?

DRAGÓN: [Irado].Nooooon, un dragón de aquí, dos de sempre, dos que botan lume pola boca.

NENO: [A bater palmas de emoción]. Cuspe lume! Cuspe lume! [Apunta para a fronte, a algún posto indeterminado]. A ver, a ver, consegues disparar unha lapa e aburar aquelas bouzas de alí?

DRAGÓN: [Coloca as mans nos cadrís]. Non podo. Aínda che son moi novo, son un dragón infantil e non podo lanzar lume.

O DRAGÓN fai intención de continuar o seu camiño, mais o NENO colócalle a man no brazo coa intención de o refrear.

NENO: Espera! Non marches.

O DRAGÓN fai todo o posíbel por se desprender da presa do NENO, mais este non llo permite. Ao cabo, o NENO desata a chorar. Finalmente o MONSTRO cesa na súa intención de marchar. Detense.

DRAGÓN: Está ben, que raios queres?

NENO: Que sexas o meu amigo, porfa, porfa, porfa...

DRAGÓN
: Merca un peluche que che faga compaña.

NENO
: Non, non, eu quero un amigo de verdade, coma ti.

DRAGÓN
: Non ía funcionar, neno. Eu só estou a procurar unha cova escura e fría onde poida ficar a morar, en canto desenvolvo as miñas cousas de dragón, como cuspir lume. E ficarei alí até medrar e despois me dedicar a asar todo o que se cruzar polo meu camiño.

NENO
: Ah, sabes o que? O meu tío ten un restaurante. Poderías traballar alí a asar polos.

DRAGÓN
: Que non! Tes que ter amigos coma ti, da túa idade e... humanos!

NENO
: [En ton triste]. É que non che me queren ben. Rin de min, din que son un melindreiro.

DRAGÓN
: Lamento moito todo iso, mais eu son un dragón bravo que só naceu para destruír. Estuda para cabaleiro e cando medrares, talvez poidamos loitar. E agora, marcho procurar unha gruta escura e tenebrosa...

O NENO fai o xesto de ir agarrar o DRAGÓN novamente, mais este sae a correr. O NENO perségueo, corren en círculo, en canto o NENO non cesa de dicir: «Para, para!».


Cadro 2


Aparece CUBEDO. Fica a ver o que se pasa no palco, co NENO a perseguir o DRAGÓN.

NENO
: [Para si]. Oh, señor, que valente é o neno. Persegue o dragón aínda a risco de pór a súa propia vida en perigo... Mais teño que axir, pois outramente o seu pai non me perdoaría se lle acontecese algo.

O CUBEDO colócase entre o NENO e o DRAGÓN.

Como é de esperar, o NENO bate contra o CUBEDO. Ambos caen ao chan. O DRAGÓN aproveita para continuar a súa carreira e pérdese para fóra do palco.

NENO
: E logo, ti que fas?

CUBEDO
: Salvarte.

O NENO desata a chorar.

CUBEDO
: Por que choras?

NENO
: Non o entenderías...

O CUBEDO apunta para un lado. O NENO bota a camiñar, seguido do CUBEDO. Ambos abandonan o palco.

Escuro.

PANO



ACTO DOUS



Salón do trono no palacio real. O REI está sentado no trono cun xornal sobre as pernas. Está a resolver unhas palabras cruzadas e ten unha caneta na man.

Ao seu carón, está sentado o CRONISTA, nunha triste mesa e sentado nun tallo. Usa unha pena de ganso para tomar notas en papel hixiénico. Tamén á beira hai un tinteiro onde molla a punta da pena para poder escribir. De vez en cando, di en voz alta o que está a anotar.

REI: [Centrado nas palabras cruzadas, a chupar o extremo da caneta]. Cinco vertical, cargo de goberno do monarca, tres letras.

CRONISTA
: Rei...

REI
: Que queres?

CRONISTA
: Que é rei.

REI
: Xa sei que son rei.

CRONISTA
: Digo que o vocábulo das palabras cruzadas é ‘rei’, cinco vertical, tres letras.

REI
: Ah, tes razón. Obrigado.

CRONISTA
: De nada...

Entra o CUBEDO acompañado do NENO. Achéganse até o trono.

CUBEDO
: Maxestade, maxestade, que ben que estades aquí!

CRONISTA
: O pedagogo entra a arrastrar o príncipe no salón do trono. Estaremos a piques de iniciar unha xornada histórica?

REI
: [Sen erguer a vista do xornal]. Catro horizontal, animal que bota lume polo nariz, seis letras... eh, seica é 'fumador'.

CRONISTA
: Esa ten sete letras.

CUBEDO
: Trátase dun dragón, maxestade.

REI
Tes razón. É dragón. [Escribe]

CUBEDO
: Non, maxestade, que hai un dragón no reino.

O REI aventa o xornal por aí e presta toda a súa atención ao CUBEDO.

REI
: Como, cando, onde?

CUBEDO
: Non vos preocupedes, xa o voso fillo tomou conta del.

REI
: De quen tomou conta?

CUBEDO
: Do dragón.

REI
: [Ao NENO]. É iso verdade?

NENO
: Eu... só procuraba un amigo.

CRONISTA
: O xove príncipe herdeiro só foi na busca dun inimigo contra o que se bater...

CUBEDO
: O voso fillo perseguiu o dragón por medio país, en canto empuñaba un pau. A besta fuxía e fuxía, non ousaba afrontar o príncipe. Vino cos meus propios ollos.

NENO
: [En ton de sorpresa] Eu non tiña ningún pau!

CRONISTA
: O príncipe, sen temer pola súa vida, expulsou o dragón fóra das nosas fronteiras. Mal empuñaba unha espada e como escudo levaba só o seu valor. No lombo dun cabalo das cortes reais, o príncipe perseguiu a fera até ela atravesar as nosas fronteiras, para nunca máis voltar.

NENO
: Non foron así as cousas...

REI
: [A aplaudir] Bravo, bravo, o meu fillo é o meu digno sucesor!

O REI érguese do tron, fai unhas festas na cabeza ao NENO e recolle do chan o xornal onde estaba a cubrir as palabras cruzadas. A seguir, retorna ao trono e continúa coas palabras cruzadas, novamente a chupar o extremo da caneta.

CRONISTA
: O rei abrazou o fillo. Ambos choraron emocionados, porque a aventura podería ter rematado en traxedia, pois aquel dragón sanguinario...

NENO
: [Interrompe. Fala ao CRONISTA]. Non podes escribir que era lendario en vez de sanguinario?

CRONISTA
: Eu son o cronista e esta historia me está a ficar fabulosa. Non mudarei nin unha vírgula. Daquela, xa só me falta rematar esta crónica, que será coñecida polos séculos dos séculos. Príncipe, seredes recordado para sempre, no lombo dun cabalo brioso, a combater un dragón. Chamarse ha A lenda de San Xurxo e o dragón.

CUBEDO
: [A aplaudir]. Que marabilla! Príncipe, verás como agora que es un heroe, terás amigos.

NENO
Mais eu non son ningún santo, só son Xurxo.

REI
: [Interrompe os presentes e ergue a vista do xornal]. Calade a boca, que non me podo concentrar.

O CUBEDO, o NENO e o CRONISTA saen do palco na punta das dedas para non distraeren o REI, que volve concentrarse nas súas palabras cruzadas.

REI
: A ver, dous horizontal, tres letras. Conclusión, fechamento, terminación. [Fica a pensar uns instantes]. Ah, xa sei: fin.

Escuro.

PANO

© Texto: Xavier Frías Conde, 2025
© Ilustración: Enrique Carballeira Melendi.

Sem comentários:

Enviar um comentário